Galicia reciclou case 20 toneladas de envases agrarios nos 7 primeiros meses do ano

Estes datos supoñen unha suba do 13,5% respecto a 2019, cando se recolleron no mesmo período uns 17.148 quilos. Por provincias, A Coruña atópase á cabeza con 7.208 quilos, seguida de Pontevedra con 4.834, Ourense con 4.565 e Lugo con 3.211

sigfito estandar

O compromiso do sector agrogandeiro galego co medio ambiente é indubidable. Só nos sete primeiros meses deste ano 2020, en Galicia recicláronse 19.818 quilos de envases fitosanitarios grazas aos puntos de recollida facilitados, que se atopan nas cooperativas e distribuidores de produtos agrarios. A pesar da crise sanitaria provocada pola Covid-19, o sector agrario non parou de traballar para asegurar a alimentación a toda a poboación durante o confinamento e, como demostran os datos de reciclaxe de SIGFITO, os agricultores desempeñaron o seu labor respectando máis que nunca o medio ambiente e a saúde pública.

Por provincias, A Coruña atópase á cabeza con 7.208 quilos reciclados, por diante de Pontevedra (4.834 quilos), Ourense (4.565 quilos) e Lugo, con 3.211 quilos. Todas as provincias lograron reciclar máis con respecto ao ano pasado agás Pontevedra.

Premios e agasallos

Todos os agricultores que reciclasen os seus envases de fertilizantes, bioestimulantes e fitosanitarios co logo de SIGFITO –e que o acreditaran co albarán– ata o 31 de xullo nos contedores agrícolas correspondentes, xa poden converter os seus puntos obtidos en agasallos directos mediante a web de Operación Reciclaxe de SIGFITO durante este mes e ata finais de outubro.

É importante que o agricultor, cando deposite os envases no punto de recollida, pida o albarán para acreditar diante das autoridades competentes que cumpriu coa lei. Así, por exemplo, o ano pasado no territorio español 154.090 agricultores reciclaron envases SIGFITO pedindo o xustificante. Sen embargo, de todos eles só se rexistraron 5.065 con albarán en toda Galicia.

Nas catro provincias galegas hai distribuídos 1.202 puntos de recollida de envases de produtos fitosanitarios

SIGFITO é unha entidade sen ánimo de lucro, autorizada nas 17 comunidades autónomas, dedicada á reciclaxe de envases agrarios a través de puntos de recollida situados en cooperativas e distribuidores de produtos agrarios, nos que o agricultor debe entregar os seus envases baleiros para cumprir coa normativa e co medio ambiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información