Galicia logra en marzo un récord de entregas de leite mensuais

A comunidade aumenta a súa produción case un 2% no primeiro trimestre do ano, fronte á tendencia estatal (-0,2 %) e europea (-2,4 % en xaneiro e febreiro). O prezo medio galego situouse en 32,9 céntimos

Galicia logra en marzo un récord de entregas de leite mensuais

O aumento do prezo dos pensos explica en parte a redución das entregas de leite na maior parte de Europa.

As granxas galegas continúan destacando no conxunto de España pola súa tendencia a medrar. No primeiro trimestre do ano, Galicia entregou case un 2% máis de leite que no primeiro trimestre do ano anterior, segundo subliña un informe da asociación Terra e Leite. En marzo, ademais, acadouse un récord de entregas mensual, con 258.000 toneladas, 5.000 máis que o anterior tope, que databa de maio do pasado ano.

A liña de crecemento de Galicia destaca no contexto español e europeo, onde se están reducindo entregas nos últimos meses. No primeiro trimestre do ano, o resto de España reduciu as súas entregas un 0,28% en comparación coa produción do mesmo periodo do pasado ano.

En Europa tamén hai unha tendencia á baixa nas entregas (-2,4% en xaneiro e febreiro). Esa liña descendente en case toda Europa, que se explica en parte polo aumento dos custos dos pensos, non se contaxiou polo de agora a Galicia, pero si afecta ás seguintes comunidades españolas en produción de leite: Castilla y León, segunda en entregas, reduciu a súa produción un 1,7% no primeiro trimestre do ano, en tanto Cataluña, terceira, baixou un 3%.

Serie histórica
A tendencia das granxas galegas a medrar por riba da media española xa se viña constatando nos últimos anos, unha liña á que se lle ve unha dobre explicación desde o sector. Dun lado, unha aposta das granxas galegas con vocación de continuidade por profesionalizarse e medrar. Doutro lado, o maior aumento da produción en Galicia tamén revela unha maior necesidade de aumentar liquidez nas granxas, dados os limitados prezos do leite na comunidade.

Galicia continúa á cola dos prezos pagados en España. En marzo, o prezo medio en Galicia situouse en 32,9 céntimos (+0,2 en comparación con febreiro), mentres que en España a media foi de 33,7 céntimos (-0,1).

En prezo estandarizado, a diferenza entre Galicia e o resto de España sitúase en 2 céntimos, segundo calcula a asociación Terra e Leite

En realidade, a diferenza é maior, pois nese prezo medio de España ten gran peso o leite galego (39,3 % da produción). En cálculos da asociación Terra e Leite, o prezo medio do leite, estandarizado a 4 de graxa e 3,3 de proteína, está no resto de España en 35,5 céntimos, en tanto en Galicia sitúase en 33,5 céntimos, o que representa unha diferenza de 2 céntimos.

En comparación coa media da UE-27, en prezos sen estandarizar, Galicia está un 8,1% por abaixo e España un 5,87% por abaixo, segundo os cálculos de Terra e Leite.

Prezos dos produtos lácteos industriais
O mercado de produtos lácteos industriais atravesa por un dos mellores momentos dos últimos anos. O leite en po desnatado (SMP) sitúase en Europa en 251 euros / 100 Kg e a manteiga (butter) en 408 euros / 100 Kg., valores ambos que se poden considerar altos se se atende á serie histórica de ambos produtos. Os queixos, pola súa banda, manteñen unha liña estable, en tanto o soro subiu un 30% no último ano.

grafico manteiga SMP

O prezo medio do leite ecolóxico sitúase en 47,7 céntimos

Desde este ano, o Ministerio de Agricultura está a ofrecer información por separado da produción e prezos do leite ecolóxico. En marzo, o prezo medio situouse en Galicia en 47,7 céntimos, polos 48,7 de media en España.

Galicia é a principal comunidade produtora, con 1.954 toneladas de leite ecolóxico, dun total estatal de 4.057 toneladas en marzo. Destacan tamén na produción ecolóxica Asturias (699 toneladas) e Cantabria (591), ambas con prezos similares ós galegos (Asturias, 47,8 e Cantabria 47,5).

A cuarta comunidade en produción, Cataluña, con 372 toneladas, mantén polo de agora prezos medios sensiblemente maiores, con 59 céntimos. O mesmo sucede noutras comunidades con producións ecolóxicas case anecdóticas, como Castilla La Mancha, onde cotiza a 68 céntimos ou Castilla y León, a 64,9 céntimos.

A produción de leite ecolóxico en Galicia representa un 0,75% das entregas, aínda a moita distancia do que sucede noutros países europeos. En Francia, por exemplo, as entregas ecolóxicas son dun 4,7% e en Alemania dun 4,3%. Lidera o ranking europeo Austria, cun 19,5% de produción ecolóxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información