Galicia lidera a exportación española de madeira

A comunidade destaca na produción forestal, pero naufraga na súa transformación en mobiliario, xa que importa máis mobles dos que vende para o exterior

Galicia lidera a exportación española de madeira

A exportación de madeira factura máis de 400 millóns ó ano en Galicia.

Galicia lidera as exportacións españolas no sector da madeira e moble por segundo ano consecutivo. A comunidade destaca no comercio de madeira, un capítulo no que é lider destacada, pero na venda de mobiliario ó exterior é só a cuarta comunidade, por detrás de Cataluña, Valencia e Madrid, segundo os datos que manexa Confemadera Galicia, a patronal do sector. De feito, Galicia importa máis mobles dos que exporta.

A facturación galega en exportacións acadou no 2014 os 567,8 millóns de euros, lixeiramente por riba do ano anterior, dos que a maioría, 429 millóns, correspóndese coa madeira e 138 millóns coa venda de mobles. En cambio, as seguintes comunidades no capítulo de comercialización ó exterior, Cataluña e Valencia, asentan o groso do seu traballo no produto de segunda transformación. Cataluña suma 431 millóns da venda de mobiliario e 119 da madeira, en tanto en Valencia as cifras son de 395,8 para madeira e de 157,2 para o mobiliario.

“Temos moito monte, pero pouca madeira de calidade para mobiliario” (Elier Ojea, Confemadera Galicia)

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, valora como positivo o liderado da comunidade nas exportacións de madeira, pero bota en falta un maior valor engadido nas vendas galegas ó exterior. “Son positivos os nichos de mercado que están conseguindo as empresas galegas no exterior e por ese lado estamos satisfeitos. Pero analizando o mercado por comunidades, vemos que Cataluña e Levante logran unha maior porcentaxe de valor engadido. Sería desexable que en Galicia avanzásemos na liña de aumentar a transformación da madeira e que Administración e empresas apostasen polo I+D no sector”, considera Ojea.

Silvicultura
A xestión forestal é a outra eiva que sinala o presidente de Confemadera Galicia. “O segundo gran problema que temos é a escasez dun recurso axeitado no monte. Galicia ten moita superficie forestal pero pouca madeira de calidade, que é a que se precisa para facer mobiliario e madeira técnica”.

De feito, a comunidade importa madeira por valor de 139 millóns de euros ó ano, unha cifra que Ojea liga á madeiras como castiñeiro, carballo ou cerdeira, con pouca presencia no monte galego. “A xestión do monte é unha cuestión que depende de propietarios e Administración. Nós tentamos concienciar á sociedade da necesidade dunha silvicultura que use plantas de boa xenética, que coide as plantacións e que diversifique especies, pero estamos tendo pouco éxito”, lamenta.

Pasta de papel
As cifras galegas de exportacións no sector complétanse coa pasta de papel, que supuxo un volume de negocio de 181,6 millóns de euros no 2014, segundo os datos de Confemadera Galicia.

Informe completo sobre a industria da madeira e do moble en España: datos 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información