Este mediodía tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 60ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, a alcaldesa do Concello de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso (coorganizadores do evento), o conselleiro do Medio Rural, Jose González, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e outras autoridades.
Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Alter 2022 de Priorado de Razamonde e o viño Ramón do Casar 2022, de Adega Ramón do Casar recibiu o segundo premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Canción de Elisa 2022 de Adega Dona Elisa. Por último, na categoría de Viños Tintos, o mellor viño tinto de Colleiteiros recaeu en Elisa Collarte 2022 de Gumersindo Diéguez Collarte e o mellor viño tinto de Adegas resultou ser Preto de Leive 2021 de Leive Ecoadega.
Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos de Adegas a Rafael Quirno veciño de Prexigueiro, Ribadavia, o galardón de Mellor Catador de Viños Tintos de Colleiteiros levoullo Xuan Alonso López, chegado desde Grao, Asturias. Na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Lorena Estévez Rodríguez, de Ourense e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega o galardoado foi David González Giráldez, veciño de Ventosela, Ribadavia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados nas distintas categorías.
Na súa intervención, Juan Manuel Casares quixo agradecer todo o traballo realizado tanto por parte dos traballadores do C.R.D.O. Ribeiro como do Concello de Ribadavia para levar a cabo esta edición da feira tan especial, felicitou tamén ás adegas premiadas, que sen elas e sen os viticultores desta denominación de orixe, estes eventos non terían lugar.
A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, súmase aos agradecementos, resaltando o traballo dos voluntarios incansables na feira, así como o saber estar de todos os visitantes que fan deste evento algo moi grande. Por último, comentou que xa están a pensar na organización da edición do ano próximo.
Cata Popular na Igrexa da Madalena (Barrio Xudeu Ribadavia). Venres e sábado.
Esta actividade, xestionada polo C.R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. Do total das 29 marcas presentadas a concurso (13 viños brancos de adegas, 6 brancos de colleiteiros, 5 viños tintos de adegas e 5 tintos de colleiteiros) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está probando.