Representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Galicia presentaron este mércores en Vigo un manifesto común contra o que consideran “usurpación” das súas terras para usos empresariais, e criticando o que cualifican de falta de apoio do Goberno da Xunta.
A presunta ocupación de terras de montes veciñais por parte de empresas e propietarios particulares, principalmente na área de Vigo e sur da provincia de Pontevedra, xerou xa alomenos unha ducia de denuncias nos xulgados, segundo trascendeu esta primavera. O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou por un entendemento entre as partes, con advertencia de que lexislará para buscar unha solución ó problema, algo que as comunidades teme que se fará se telas en conta na futura reforma da lei galega que regula os montes veciñais.
Neste sentido, o manifesto “O monte veciñal en man común: Unha realidade histórica viva do século XXI” foi acordado pola Asociación Forestal de Galicia, a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Mancomunidade de Montes de Vigo e suscrito tamén polas Mancomunidades de Montes de Pontevedra, do Barbanza, do Morrazo, de Val Miñor e de Baixo Miño (en constitución), así como por un amplo abano de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común presentes: Salvaterra, Atios, Tameiga, Beluso, Xinzo, Vilaboa, Cabral, Beade, Comesaña, Matamá, Candeán, Teis, Oia, entre outras
As entidades asinantes manifestan o seu “completo desacordo coas manifestacións realizadas pola Consellería de Medio Rural posicionándose en contra do que a lexislación establece e a xurisprudencia confirma día tras día”.
Tampouco están de acordo coas declaracións do Presidente da Xunta de Galicia no mes de xullo de 2023 na dirección de que “na futura lei que regulará os montes veciñais, e que está en elaboración, teremos que dar unha resposta que dea satisfacción a todos os afectados – vivendas, instalacións industriais, equipamentos públicos-“ e “se non é posible -o consenso- está a capacidade de gobernar e tomar decisións” sobre o monte veciñal que xa non se usa como tal.
Estas declaracións do presidente galego son consideradas polos asinantes “unha falta de respecto absoluto para unha morea de comuneiros e comuneiras que seguen a traballar de xeito desinteresado polo ben común, agora con novos retos para atender as necesidades da veciñanza e da realidade socioeconómica que a envolve”.
E recoñecen “auténtica preocupación que ás portas dunha modificación legal da Lei de Montes Veciñais en Man Común de Galicia poida haber un tic autoritario impropio dos tempos que vivimos e o posicionamento desafortunado a favor dun colectivo autodenominado “Plataforma Galega de afectados polas Comunidades de Montes” que representa a un lobie empresarial que quere retrotraerse á “usurpación” de antaño”.
Por todo o citado, de cara a vindeira tramitación do Libro Branco dos Montes Veciñais en Man Común de Galicia, os asinantes trasladan á sociedade e aos gobernantes autonómicos que “consideramos preciso non se lexisle de costas ao sector das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC)”.
Neste sentido, reclaman:
1. Recoñecer a función social que desenvolven as CMVMC na xestión dos seus territorios -lembremos que é a cuarta parte de Galicia e que abrangue tantos espazos agroforestais como industrias e sociocomunitarios-. Resulta unha visión de curto alcance querer reducilas a xestoras de espazos forestais, toda vez que en moitos casos as cargas de xestión de superficies industrias veñen derivadas da herdanza recibida da previa xestión dos concellos.
2. Recoller que o proceso de normalización do monte veciñal en man común aínda non se pechou e subsisten situacións de abusos e usurpacións que limitan a extensión das propiedades veciñais en man común, sendo un deber da Administración autonómica velar e defender este patrimonio identitario de Galicia.
3. Consolidar o carácter xermánico do monte veciñal en man común, o que conleva que en ningún momento se pode cuestionar a imprescriptibilidade dos montes veciñais en aras de pretender legalizar situacións de usurpación e apropiación indebida. Neste senso non se considera de recibo que se queira intentar colar que haxa que demostrar a “constatación inmemorial e continuada do monte de forma consuetudinaria”, cando se ven de demostrar anteriormente que polo acontecido, fundamentalmente na dictadura, isto viuse truncado sen vontade da veciñanza.
4. Manter co seu papel os Xurados provinciais de clasificación dos montes veciñais, o cal garante que se preserve o criterio de que para clasificar a un monte como veciñal en man común a clave é na posesión inmemorial e non documentada do uso do monte veciñal, recollido na lexislación vixente.
Dubidar deste procedemento leva a pensar que se pode estar querendo trasladar a outro campo de xogo -a vía xudicial- para precisamente intentar impór os criterios de “non continuidade” ou “abandono” para evitar clasificacións ou mesmo desclasificar os mesmos, así como que predomine o criterio de esixir documentación rexistral para a clasificación, saltándose un principio básico do monte veciñal en man común.
5. Garantir no texto legal a declaración de nulos de pleno dereito os actos de disposición levados adiante antes de que os montes fosen declarados como veciñais en man común. Este proceder evitaría moito litixio estéril que o único que pon a proba é capacidade económica que teñen as CMVMC para soportar longos xuizos e darlle falsas esperanzas a empresarios que obter os seus beneficios a conta dun ben común.
6. Permitir que se cumpra a lexislación de montes veciñais que lle abre ás CMVMC a capacidade para negociar cos axentes económicos os diversos usos do chan mencionados, e non unicamente o forestal, para así proporcionar seguridade xurídica con contratos realizados diante do correspondente notario e proceder á posterior comunicación de tales contratos á Xunta de Galicia.
7. Prevalecer a lexislación de montes sobre calquera outra lexislación de fomento económico ou simplificación administrativa para evitar que esta vía sexa a que empreguen as empresas, conseguindo a clasificación de singularidade autonómica, para asentarse nos montes veciñais en man común sen terse que sentar a negociar e acordar cos seus lexítimos propietarios.