A folga de transportes pon contra as cordas ás industrias lácteas e ás ganderías

Lactalis deixou hoxe de recoller o leite aos seus 1.500 gandeiros, aos que anunciou a suspensión temporal das entregas. Pascual viuse obrigada a deixar de recoller o mércores por falta de camións, bloqueados no camiño a Aranda de Duero, aínda que este xoves retomou as rutas en Galicia

Flota de camións do Grupo Lence, aparcados nas instalacións de Leite Río no Ceao sen poderen saír desde o luns

Flota de camións do Grupo Lence, aparcados nas instalacións de Leite Río no Ceao sen poderen saír desde o luns

O paro dos transportistas, que comezou este luns, e as accións de presión dos piquetes están obrigando ás industrias a empezar a deixar de recoller o leite aos gandeiros. Xa hai explotacións que se viron obrigadas a tiralo e todas as demais temen ter que facelo nos vindeiros días porque ningunha empresa garante que a recollida se poida seguir realizando.

As máis afectadas están a ser as empresas que transportan o leite en cisternas desde Galicia a plantas ubicadas fóra da comunidade, polos impedimentos para a circulación dos tráilers, pero o cerco ao que a folga está a someter tamén ás fábricas asentadas en territorio galego ameaza con facerlles parar a produción e, en cadea, deixar de recoller o leite nas granxas.

Pascual non puido recoller o mércores, Lactalis deixou de facelo hoxe e as demais non garanten que a recollida se poida seguir levando a cabo nos vindeiros días

Malia que a patronal leiteira (Fenil), que engloba ás principais industrias, anunciou onte que se paraba a recollida con carácter xeral, de momento só Lactalis cumpriu esta ameaza, mentres que o resto de empresas que operan en Galicia decidiron continuar polo momento coa recollida do leite mentras a capacidade de produción das plantas así o permita. “Estamos intentando estirar a decisión todo o que podemos. Os principais interesados en recoller o leite e poder traballar somos nós. A decisión de parar non é voluntaria”, aseguran.

Os principais interesados en recoller o leite e poder traballar somos nós. A decisión de parar non é voluntaria

“Onte estábamos apurados dunha cousa que ao final resolvemos pero hoxe temos outro problema. Vamos intentando solucionar día a día”, explican. Esa é a perspectiva coa que traballan todas as industrias, tratar de solventar os atrancos do momento, pero mesmo as que recolleron este xoves (Larsa, Río, Entrepinares, Naturleite, Aira, Clun, Celega, Reny Picot ou Nestlé) non dan garantía ningunha de poder facelo mañá e admiten abertamente que “como isto non se solucione imos ter que parar todas”.

Actos vandálicos e sabotaxes

Os actos vandálicos e as sabotaxes, coma as que sufriron esta pasada noite camións de Naturleite ou Celta estacionados en Lugo, con picadas de rodas ou cortes nos latiguiños que comunican a cabina coa cisterna, están a empezar a facer efecto nos condutores, a maior parte deles autónomos, que temen as represalias dos seus compañeiros en folga e ter que afrontar os danos provocados nos seus vehículos.

As empresas que deixen de recoller o leite terán que responsabilizarse del, di o SLG

Sen embargo, o Sindicato Labrego Galego nega que existan “causas de forza maior” que impidan recoller o leite ás ganderías, xa que “os vehículos de recollida de leite poden circular libremente”, din, polo que estudarán “posibles accións legais para facer cumprir os contratos”. “Lactalis volta secuestrar as granxas galegas e utilízaas como escudo para deixar o leite sen recoller. Non admitiremos que esta industria, que conta cun longo precedente de prácticas abusivas, utilice as granxas para as súas cobizosas estratexias comerciais”, afirma o SLG.

Pascual non recolleu leite o mércores

Pascual foi a primeira industria obrigada a paralizar a recollida. Viuse forzada a suspender as entregas xa este mércores, por problemas loxísticos, deixando sen levar o leite ás 80 ganderías galegas das que se aprovisiona.

Xa houbo ganderías que se viron obrigadas a tirar unha parte do leite por falta de capacidade de almacenamento suficiente nos tanques

A empresa burgalesa recolle o leite nas explotacións diariamente, polo que na maioría dos casos a capacidade de almacenamento nas granxas está axustada a dúas muxiduras e non permite acumular o leite de dous días, polo que algunhas ganderías xa se viron obrigadas a tirar unha parte do leite muxido este xoves pola mañá ante a falta de capacidade no tanque.  

A recollida nas ganderías faise en cisternas compactas, que levan o leite ata Rábade, onde é centralizado antes do seu traslado en tráilers de maior tamaño a Aranda de Duero (trala venda por parte da empresa da planta de Outeiro de Rei). Pero estes camións foron bloqueados en días pasados polos piquetes, tendo que usar as cisternas pequenas para levar o leite ata Burgos e quedando sen vehículos para facer a recollida en Galicia.

Pascual centraliza a recollida en Rábade antes do seu traslado en tráilers a Aranda de Duero. As cisternas retomaron hoxe a recollida despois de estar 16 horas bloqueadas polos piquetes

Desde a dirección da empresa afanánse por explicar que a situación está resolta e que a recollida se restableceu no día de hoxe, pero a realidade pola que están a pasar os gandeiros dista moito de ser tranquilizadora: “a nós o que nos dixeron é que van vir hoxe e recoller unha parte do leite que temos para que poidamos seguir muxindo. Pero non o van levar todo e nós temos xa o tanque colapsado, polo que se os problemas de recollida se repiten mañá non nos quedará máis remedio que tirar o leite”, explican nunha das 80 ganderías que entregan a Pascual en Galicia.  

Lactalis suspende as rutas

Ao igual que lle pasou a Pascual o mércores, Lactalis tamén se veu forzada a suspender a recollida este xoves. Nun comunicado remitido aos gandeiros, a multinacional francesa asegura que “a agresividade dos piquetes fronte aos transportistas que non queren secundar a folga está impedindo por completo o desenvolvemento da actividade, o que nos levou a unha situación crítica e que por causa de forza maior nos obriga a cesar a recollida de leite”, argumentan.

Se a multinacional francesa non retoma a recollida Galicia veríase abocada a tirar unha quinta parte do leite que produce

A empresa propiedade da familia Besnier é a que máis leite recolle en Galicia e comprométese a manter aos gandeiros informados “de calquera avance que permita retomar a recollida”. Lactalis conta en España con 8 fábricas, das que 2 están en Galicia (Vilalba e Nadela) e recolle o leite a 2.200 productores, dos que 1.500 son galegos. Ela soa acapara máis do 20% do leite producido na comunidade, polo que de non chegar a unha solución nas vindeiras horas Galicia veríase abocada a tirar unha quinta parte do leite que produce. 

Inleit recolleu pola noite, o mesmo que fixo Aira

A mesma medida que adoptou Lactalis, a de comunicar aos seus gandeiros que deixaba de recoller, tomouna tamén Inleit, que adiantou a recollida deste xoves ao mércores pola noite informando aos 200 gandeiros dos que se nutre a planta situada no polígono de Teixeiro que non habería máis recollidas previstas polo momento.

Con todo, ao longo do día os camións de Inleit retomaron a actividade e a empresa propiedade de LIASA anuncia a súa intención de mantela: “Nós continuamos coa nosa recollida de forma habitual. Esta mañá incrementáronse os problemas para unha parte importante dos camións que fan as rutas de recollida. Estamos a realizar grandes esforzos para evitar calquera tipo de prexuízo aos nosos gandeiros, con todo, no caso de que continúe a folga e a actuación de piquetes, teremos que analizar a situación. A saída de produto desde as nosas instalacións atópase totalmente paralizada desde o luns día 14. Se permanece o actual bloqueo de saída do produto acabado e de subministracións poderiámonos ver obrigados a cesar a recollida dado que a capacidade de almacenamento en fábrica non é ilimitada”, argumentan.

Falta de subministros nas fábricas

Outras empresas con plantas de transformación en Galicia, como Larsa, Naturleite, Entrepinares, Río, Celta ou Nestlé, tamén mantiveron a recollida no día de hoxe pero advirten que a situación podería variar nas próximas xornadas. A asfixia á que a folga está a someter ás factorías lácteas, sen posibilidade de entrada de materias primas necesarias para a fabricación, nin saída de produto elaborado, estaría detrás desta decisión.

 “Hoxe estamos recollendo, mañá Deus dirá. As bobinas empezan a acabarse e o almacén é o que é, ao longo do día tomarase a decisión sobre o que se fará mañá, pero a cousa está complicada”, explican nunha destas empresas.

 “Nós imos tirar mentres poidamos. O problema non é só non poder sacar o produto, senón a entrada de materiais que se necesitan para producir ou a saída dos residuos. Chega o momento no que eses factores paralizan a planta”, recoñecen noutra.  

No polígono industrial de Vilalba ou no do Ceao en Lugo a presión dos piquetes é enorme e non se move un camión

Sen embargo, noutros casos o cesamento da recollida parece más inminente, debido á falta de suministros básicos ás fábricas. “Ti non podes parar a recollida cando para a fábrica, tes que parala antes, porque non podes meter leite sen ter garantías de que vas poder procesalo porque o leite nos tanques estropéase. Os cálculos fanse cara atrás, non son en función da capacidade de recepción que teñas, porque o que metes na fábrica tes que ter seguro que o vas poder transformar”, explican nunha das plantas asentadas en Galicia.

Como isto non se solucione en 2 ou 3 días imos ter que parar todas porque ti non podes seguir recepcionando leite sen ter garantías de que o vas poder procesar

O Grupo Lence é a terceira empresa que máis leite recolle en Galicia, uns 800.000 litros diarios. Polo momento mantén a recollida aos seus 435 gandeiros e pretende seguir facéndoo na medida do posible, segundo explicou este xoves Carmen Lence, que recoñeceu sen embargo que a situación nas súas plantas de fabricación, dúas de Leite Río no polígono do Ceao e unha de Leyma na Coruña, é “crítica” en canto a falta de palés. “Ao non poder saír os camións de reparto non retornan os palés baleiros dos supermercados e case non temos xa”, explicou.

Cada empresa ten a súa casuística e a súa problemática: a unhas fáltanlles palés, a outras bricks e a outras acumúlanselles os lodos na depuradora

O pescozo de botella varía dunha fábrica a outra, nuns casos trátase da capacidade dos almacéns de produto final, noutros casos é a falta de subministros (palés, cartón, bricks, sosa para lavar, etc), e repítense os casos nos que o factor limitante é a imposibilidade de dar saída aos lodos das depuradoras.

Sen embargo, a decisión de parar ou non “non é doada de tomar”, admiten, porque “unha vez que paras hai que ver logo como arrincas, porque como tardes moito en sacar os lodos da depuradora despois igual resulta que tes a depuradora averiada e non funciona”, exemplifican.

Convois con escolta policial para sacar cereais do porto da Coruña e carne dos matadoiros

Os gandeiros están acampados desde o luns pola noite ás portas de Novafrigsa, en Lugo

Os gandeiros están acampados desde o luns pola noite ás portas de Novafrigsa, en Lugo

Os convocantes do paro, a Plataforma en Defensa del sector del Transporte de Mercancías por Carretera, mantéñense firmes nas súas esixencias pero non atopan receptividade por parte do Goberno, que nin sequera se sentou a negociar con eles polo de agora, tal como se vén reclamando desde fai días desde distintos ámbitos, e que se limitou a enviar reforzos policiais a Galicia para tratar de garantir os subministros básicos ás granxas e a actividade das empresas da cadea alimentaria.

Onte pola tarde comezaron a organizarse convois con protección policial para levar materias primas desde o porto da Coruña até as distintas fábricas de penso. Algunhas delas xa se viran obrigadas a parar os muíños por falta de subministros, como é o caso da planta de Pensos Nanfor na Escravitude, en Padrón, que subministra principalmente a granxas avícolas, un dos sectores máis sensibles á falta de concentrado.

A situación ás portas do porto da Coruña é de calma tensa, con transportes de mínimos cara ás plantas de fabricación e un acordo verbal cos piquetes que de momento se está a respectar

No mesmo caso de escaseza de materias primas atopábanse outras fábricas, como a de Nudesa en Silleda, que organizou xa cando menos dous convois escoltados para levar cereais á planta. O acordo acadado entre os fabricantes de pensos e os camioneiros en folga garante o transporte únicamente vía cisterna, non con bañeiras, o que obriga a realizar máis viaxes debido á menor capacidade dos vehículos.

O barco cargado con 33.000 toneladas de millo entrou tamén finalmente a porto e está a ser descargado, o que garante reservas para un mes

Os corpos de seguridade tamén interviron para desbloquear a situación nos principais matadoiros da comunidade, dos que non saía carne desde o pasado luns. Comezou a facelo con protección dos antidisturbios tanto desde as instalacións de Carnicosa, o matadoiro da Coruña, como de Baixo Miño, o ubicado en Tomiño.

En Novafrigsa non entra gando nin sae mercadoría desde o luns. De Carnicosa e Baixo Miño saíron os primeiros camións escoltados pola Garda Civil

En Novafrigsa en Lugo, camioneiros e produtores, da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, seguen impedindo a entrada de gando e a saída de produto desde o pasado luns. Coren, propietaria da instalación, prepara tamén un convoi de mercadoría para sacar nas vindeiras horas cara a supermercados e carnicerías e hoxe reuniuse cos gandeiros, comprometéndose a sentar nunha mesa de negociación cos distintos elos da cadea cárnica de cara a chegar a un punto de entendemento.

Coren acepta negociar un prezo mínimo cos produtores de Ternera Gallega Suprema

“Están dispostos a sentar nunha mesa co resto da industria e coa distribución. Son pequenos pasiños pero que están aínda moi lonxe do noso obxectivo”, insiste Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

As cooperativas urxen a actuación o Goberno

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), da que forma parte Coren, emitiu hoxe un comunicado no que urxe ás Administracións públicas a garantir o funcionamento do transporte no sistema agroalimentario. “Reclamamos ao Goberno medidas urxentes para garantir a subministración de pensos e a distribución de produtos de primeira necesidade para a actividade das explotacións. As autoridades competentes deben garantir inmediatamente a saída de produtos da industria láctea, matadoiros, centros de procesado e centrais de horta”, detallan.

Do mesmo xeito, din, “os procesos agroindustriais non poden parar por falta de subministracións agrogandeiras e insumos básicos para a transformación, envasado e expedición comercial (cartón, plástico, material de limpeza, combustibles…)”, aseguran nun comunicado conxunto asinado co resto de asociacións de cooperativas da cornixa cantábrica, das que forman parte entre outras Central Lechera Asturiana, Campoastur ou Agrocantabria.

Tamén a galega Clun emitiu hoxe un comunicado no que o seu director xeral, Juan Gallástegui, insiste en que “debemos evitar que a situación derive en efectos irreparables sobre o benestar animal, polo que estamos a facer todo o posible para procurar o abastecemento do alimento para o gando”.

A cooperativa galega espera poder continuar tamén coa actividade transformadora para así contribuír a garantir o abastecemento dos lineais dos supermercados cos seus produtos lácteos. “É prioritario que os nosos produtos sigan chegando a hospitais, residencias de maiores, garderías, etc”, conclúe Gallastegui.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información