Finca Mouriscade impulsará unha técnica reprodutiva emerxente en vacún

A gandería da Deputación implantará un servizo de aspiración transvaxinal de ovocitos, con posterior fecundación in vitro. A granxa vén de presentar a evolución e traballos que fixo nos últimos anos e as novidades que ofrecerá, entre as que están novos servizos e novas escolas de formación

Finca Mouriscade impulsará unha técnica reprodutiva emerxente en vacún

Africor Pontevedra organizou unha xornada en Mouriscade (Lalín, Pontevedra) na que, entre outras cuestións, se expuxo a situación actual da Gandería Mouriscade, propiedade da Deputación de Pontevedra. Héctor Martínez, xefe da sección de Gandería na Finca, foi o encargado de explicar como foi a evolución nos últimos anos e cales son as principais novidades que ofrecerán proximamente.

Martínez lembrou o plan de reactivación da Finca que se puxo en marcha, a través do que empezaron coas poxas, tanto en Feiradeza como as que agora organizan cunha ordenanza propia. “O ano pasado foi a primeira, hai uns días tivemos a segunda edición e irémolas organizando segundo teñamos animais sobrantes”. Así indicou que aproximadamente, dos 200 animais que teñen, 140 son recría e dos nacementos que hai, o 90 % son femias, “por iso se levarán a cabo de maneira frecuente as poxas”.

“Nós somos un centro de investigación e de experimentación”, presumiu Martínez. Por iso, ofrecen as súas instalacións para calquera asociación ou empresa que queira realizar as súas investigacións. Actualmente contan con campos de ensaio de millo, praderías e outras especies forraxeiras. Ademais, están inmersos nun novo proxecto con cebada híbrida, na que se avaliará como se comporta tanto en produción como en dixestibilidade. Realizan probas con insecticidas FMC para o control da Mythimna unipuncta, una oruga defoliadora “que segue estando presente e que nos causou un gran problema”.

“Dentro de pouco haberá un grave problema no relevo dos veterinarios. Tan só un 1 % se especializa en animais de produción”

Outro dos convenios que destacou foi con Conafe, co que monitorizan os animais para estudar a eficiencia alimentaria e temas de saúde. Así mesmo, resaltou o convenio coa facultade de veterinaria, “que é moi importante”. Martínez puxo o foco nisto “porque temos un grave problema: actualmente tan só o 1 % dos licenciados se quere dedicar a veterinaria de produción, non se sabe que vai pasar cando nos xubilemos”. Incide en que fai falla atopar motivación para que os veterinarios se queiran especializar neste ámbito.

Escolas de formación
Entre os traballos que realizan destacou as escolas que realizaron, xunto a Fefriga e o Club de Xóvenes Gandeiros, para novos gandeiros. “É moi satisfactorio e alentador ver a tantos mozos e mozas traballando durante todo o día con tanto entusiasmo”, sinalou Martínez. Engadiu que estas escolas volverán a repetirse este ano. Nese mesmo sentido, engadiu que tamén as charlas informativas e as visitas son outro punto forte, “sobre todo para dar a coñecer o traballo que fan os gandeiros e gandeiras”.

As naves da granxa da Finca Mouriscade rehabilitadas recentemente. Cedida

As naves da granxa da Finca Mouriscade rehabilitadas recentemente. Cedida

Servizos e tarifas
Entre os servizos que ofrecen, proximamente contarán cun novo: a aspiración transvaxinal de ovocitos (OPU-Ovum pick-up), con fecundación in vitro. Este servicio permitirá obter descendentes a idades máis temperás e tratar individuos que non responden a transferencia embrionaria (MOET). Tamén facilitará a descendencia de vacas con infertilidade estra-ovárica e de femias preñadas. Este servicio estará dispoñible á volta do verán.

Ademais, indicou diferentes servizos para os que estableceron novas tarifas. Deste xeito, fixaron unha tarifa xeral e outra específica para as ganderías que son da provincia de Pontevedra. No caso da venda de embrión “decidimos reducir o prezo segundo pasaban uns días”. Así, ata o día 45 dende a saída á venda, o prezo para as ganderías da provincia é de 165 euros, mentres que para as demais de 220 euros. Do día 46 ao 120, a tarifa baixa a 140 euros e 200 euros, respectivamente. Finalmente, a partir do día 121 os prezos quedan en 105 e 150 euros.

Unha das novidades nas tarifas céntrase no servizo de conxelación de embrións, polo que cobrarán 10 euros. O custo dos resto de servizos queda da seguinte maneira: preparación receptora 17 euros, transferencia de embrión 25 euros, preparación de donante 160 euros, recolleita de embrións (Flushing) 150 euros e o novo servizo que implantarán a partir do verán de aspiración transvaxinal de ovocitos (OPU) 60 euros. Cabe destacar que agás a venda de embrións, o resto de servizos só se xestionan para as ganderías de Pontevedra.

Xestión da web e compra de embrións
Na exposición, Héctor explicou paso a paso como facer un rexistro da explotación a través da páxina web de Finca Mouriscade ou da sede electrónica da Deputación. Nos puntos clave, destacou que o rexistro se realice como “persoa solicitante” e tamén “indicar un correo electrónico que se mire asiduamente, porque aí faranse notificacións importantes”.

Tamén, hai que ter en conta que se poden poñer máis dunha persoa autorizada para entrar a facer os trámites na páxina web, “así, unha persoa pode estar autorizada en varias ganderías, por exemplo, un técnico”. Unha vez se cobren todos os datos, dende Finca Mouriscade validan a gandería, “é dicir, comprobamos que a gandería existe e que está ben rexistrada”.

Se se detectan irregularidades na compra de embrións por parte das granxas da provincia, haberá sancións

A compra de embrións só estará dispoñible para os usuarios que se rexistraron previamente e estarán a venda ás 10 da mañá do día seguinte da recolecta. “Se hoxe fago a recolecta, realizo un mailing para que todas as persoas rexistradas poidan acceder mañá ás 10 da mañá á compra dos embrións. Queremos igualdade de condicións”.

Durante os primeiros 14 días naturais só poden comprar os gandeiros de Pontevedra e cada gandeiro só vai poder adquirir dous embrións por recolecta. A efectividade da reserva estará condicionada ao pago do embrión en 5 días naturais. Os gandeiros que solicitan no mesmo trámite a implantación do embrión, disporán de seis meses para retiralo, mentres que os que non ou son de fóra da provincia teñen 30 días. “Con isto queremos evitar que queden os embrións eternamente e logo haxa problemas”.

Como calquera regulamento, o mal uso ou o uso non adecuado do servizo leva unhas sancións. Se detectan que algún gandeiro compra embrións con bonificacións para Pontevedra, pero acaban en terceiros e noutras provincias, implica a perda por parte do gandeiro durante 3 anos da bonificación. Ademais terá unha multa e pagará o embrión ao prezo ao que estaba para outras provincias.

Se o gandeiro non fai o pago durante os 5 días, o embrión volverá estar dispoñible e non poderá acceder a el esa mesma gandería. Por outro lado, a gandería que non realiza os pagamentos de forma reiterada, restrínxenlle o servizo durante o ano seguinte.

Martínez destacou a importancia de xestionar todo isto polas vías electrónicas, “que sabemos que é algo complexo e que causa moitas dúbidas, pero facilita moito o traballo para as ganderías e para nós”.

Quinta mellor granxa de España en calidade xenética

jorge cubela estandar

O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, participou hoxe na clausura da xornada organizada pola asociación de gandeiros AFRICOR na Finca Mouriscade, en Lalín. O deputado sinalou o compromiso do goberno da Deputación de Pontevedra co sector primario e rural, “un dos nosos distintivos e grandes valores como motor para o desenvolvemento económico do noso territorio, da man da innovación tecnolóxica e o respecto ao medio”.

Cubela puxo en valor o “boísimo momento” que está a vivir a Finca Mouriscade, propiedade da institución provincial, como “quinta mellor granxa de España en calidade xenética, pechando 2023 como o ano no que se venderon máis embrións en toda a súa historia, ou abrindo a finca á cidadanía cun programa de visitas guiadas”. Ademais, Jorge Cubela lembrou a importancia de avanzar no reto demográfico para facer que a gandaría “sexa un sector atractivo para as novas xeracións, implicando a mocidade no rural para facerlles ver que aquí hai futuro e que os precisamos para facerlle fronte ao despoboamento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información