A Feira do Viño do Ribeiro arranca este venres cun amplo programa de actividades

Publicidade

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 61ª edición, inagurarase este venres e prolongarase durante toda a fin de semana, 4 e 5 de maio , no recinto da Alameda en Ribadavia (Ourense).

Neste ano participarán un total de 36 adegas e colleiteiros que ofrecerán os seus viños a todos os visitantes que se acheguen ata Ribadavia durante os días do evento.

O público deberá mercar a súa copa na caseta de venda de copas (na entrada do recinto) e, posteriormente, visitará as casetas das adegas onde poderá optar por degustar os viños mediante a proba, por copa ou por botella. Cada opción terá un prezo diferente que marcará cada adega.

A principal novidade desta edición reside na zona gastronómica, que contará con dous ambientes diferenciados. Por un lado, un restaurante con capacidade para 150 persoas, que ofrecerá tres menús diferentes a escoller, e no que se poderá reservar previamente tanto para xantar como para cear. Por outra parte, tamén haberá un espazo denominado “Zona de Tapeo”, que contará cunha pulpeira, cun posto de queixos de todo o mundo e cun posto de Coren, onde se ofertará comida variada e complementaria para aquela xente que acuda sen reserva ou que queira acompañar os viños con algo de comer.

Entre as principais actividades destacan os showcookings e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, RibeiroBUS (rutas turísticas nun autobús antigo polos viñedos e patrimonio do Ribeiro), a cata popular, actuacións musicais en sesión nocturna tralo peche do recinto, zona infantil, Botella Xigante,visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia, etc.

FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO 24 1 FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO 24 2 FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO 24 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información