Fademur-Galicia pon o foco sobre a dobre discriminación das mulleres rurais

Demanda unha implicación decidida das administracións para reverter as carencias e o illamento que padecen as habitantes dos pequenos núcleos

Fademur-Galicia pon o foco sobre a dobre discriminación das mulleres rurais

A pesar do traballo que desenvolven, as mulleres aínda se manteñen nun segundo plano no campo. // Foto de arquivo.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia quere aproveitar o 8M para poñer o foco sobre a dobre discriminación que padecen as mulleres rurais, unha situación que se volveu máis evidente ao longo do último ano; durante o que a pandemia acentuou o illamento e as dificultades de acceso a servizos que xa viñan padecendo as habitantes dos pequenos núcleos de poboación. Neste Día Internacional da Muller Fademur-Galicia fai un chamamento á participación nas iniciativas convocadas de xeito virtual e anima ás mulleres do rural galego a colaborar no “Semillero de Igualdad” impulsado a nivel estatal pola organización.

Fademur-Galicia considera imprescindible que as mulleres rurais alcen a voz para denunciar as discriminacións que padecen, este ano máis ca nunca. A organización fai un chamamento para denunciar o machismo e a desigualdade e lembra que máis do 80% das mulleres rurais recoñecen percibir este problema de xeito xeralizado no seu entorno.

Recordan que a dependencia económica, a carencia de servizos de proximidade e a falla de oportunidades sociolaborais son factores que lastran o camiño cara á igualdade no medio rural. Insisten en que é preciso unha toma de consciencia rápida e unha actitude contundente e proactiva das administracións para diminuír fendas e reverter carencias.

As cifras en feminino no agro

A entidade galega lembra que dende a entrada en vigor da Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida no 2012 tan só 26 explotacións se acolleron a ela. “A pesar do seu papel esencial e do traballo que de facto desempeñan no medio rural; as mulleres rurais seguen a manterse maioritariamente nun segundo plano. A pesar de que aproximadamente o 57% das perceptoras da PAC en Galicia son mulleres, as axudas que lles chegan son un 40% inferiores ás percibidas por homes. Estas cifras débense a que as ganderías xestionadas por elas adoitan ter un carácter máis familiar e teñen un tamaño ata un 55% inferior”, detallan dende o colectivo.

Fademur-Galicia fai un chamamento para que Concellos, Comunidade Autónoma e Goberno central opten pola discriminación positiva en todas as políticas e iniciativas de apoio ao emprendemento e impulso do medio rural. Tamén apela á responsabilidade para que todas elas fagan o posible por achegar servizos a todas as mulleres, vivan onde vivan.

A Federación lembra que a dificultade de acceso a servizos de prevención da violencia machista é un dos factores que fai que o 72,9% das mulleres vítimas desta lacra que vive en núcleos de menos de 2.000 habitantes non denuncien e fiquen cos seus agresores unha media de 20 anos. Como tamén o son a dependencia económica e a falla de oportunidades laborais nun medio rural no que o desemprego feminino é un 25% superior ao masculino. Fronte aos 38 anos de media que cotizan os homes, as mulleres fano apenas 20, un dato que ten moito que ver coa ausencia de corresponsabilidade e co feito de que tanto as tarefas do fogar como os coidados de fillos, maiores e dependentes seguen a recaer maioritariamente sobre as costas das mulleres.

A fenda dixital é outro dos lastres do desenvolvemento das mulleres rurais, para as que emprender é dobremente difícil. Dende a Federación destacan tanto a baixa calidade da cobertura existente como o feito de que nalgunhas comarcas do rural galego a porcentaxe de fogares sen conexión a internet acade o 65%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información