As dificultades que atravesa nos últimos meses o mercado do piñeiro en Galicia atopou unha vía de escape na exportación de madeira a China. Maderas Villapol (Trabada, Lugo) liderou o envío dun primeiro cargamento de 27.500 toneladas ó país asiático, unha operación que se podería repetir no futuro se continuase o exceso de madeira no mercado, segundo valora Daniel Villapol, conselleiro delegado do Grupo Villapol.
A venda de madeira en rolo a China, a primeira operación destas características que se fai en Galicia, contou coa participación da maioría dos rematantes da provincia de Lugo e de parte dos da Coruña. Os rematantes, os profesionais que cortan a madeira no monte, acumulaban nos últimos meses unha serie de lotes de madeira mercados en pé que non lograban entrada nos centros de consumo de Galicia.
“A exportación do piñeiro a China orixinouse pola existencia dun excedente de madeira no mercado, incluso cunha certa caída de prezos. Parecíanos interesante buscar alternativas, tanto a nivel de madeira de trituración como de aserrado”, explica Daniel Villapol.
Piñeiro radiata e silvestre
A partida que se enviou a China, que partiu do porto de Ferrol a finais de xuño, incluía principalmente piñeiro radiata e silvestre, así como piñeiro do país (Pinus pinaster) en menor porcentaxe. O seu destino en China será dobre. A madeira con posibilidades de aserrado irá para un aserradoiro que elabora embalaxes de madeira, en tanto que a madeira de trituración empregarase para a elaboración de tableiros OSB, segundo sinalan desde Maderas Villapol.
A venda a China contou coa participación da empresa Global Timber Trade, con sede en Madrid e con coñecemento do mercado chino. Outra firma, a lusa BSL, interviu na contratación do buque que levou o cargamento.
Tamén este mes saíu unha partida de piñeiro do porto de Ribadeo con destino a Bélxica, se ben tratouse dun envío de menores dimensións, similar a outros realizados cara Europa en anteriores tempadas.