Evitar o contaxio de IBR e BVD: como actúan as granxas en Galicia e en Cataluña?

Un equipo da Universidade de Santiago afonda nas estratexias e medidas de bioseguridade que granxas de Galicia e Cataluña empregan para evitar o contaxio de IBR e BVD. Coñecemos en que aspectos destacan e cales deben mellorar as ganderías galegas

Evitar o contaxio de IBR e BVD: como actúan as granxas en Galicia e en Cataluña?

Os expertos recomendan extremar a limpeza e desinfección daquela maquinaria común para varias ganderías como os carros mesturadores. // Foto de arquivo.

Seguen diferentes estratexias e medidas de bioseguridade as granxas de Galicia e de Cataluña á hora de previr enfermidades como a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) e a diarrea vírica bovina (BVD)? Esta é unha das preguntas á que dá resposta a investigación da Universidade de Santiago sobre a prevención destas dúas afeccións nas ganderías. O estudo, realizado entre 2017 e 2018 en 124 granxas, 90 delas galegas e o resto catalás, permite coñecer e avaliar as medidas preventivas máis implantadas e que mellores resultados están a ofrecer en ámbalas dúas comunidades.

Ó mesmo tempo, esta investigación permite saber en que aspectos deben mellorar as ganderías para frear a incidencia e o contaxio dos seus animais. Os resultados amosan tamén importantes diferencias derivadas do tamaño do rabaño e entre as dúas rexións. No estudo participaron diferentes ganderías con perfís moi variados, tanto pequenas e medianas granxas ata de gran tamaño.

O estudo amosa importantes diferencias entre Galicia e Cataluña, relacionadas co tamaño do rabaño, á hora de afrontar a prevención das enfermidades

Nas ganderías galegas o labor levado a cabo polas Asociacións de Defensa Sanitaria (ADS) está a ser fundamental na prevención tanto de IBR como de BVD, porén as medidas de bioseguridade no día a día da granxa son aínda unha tarefa pendente e por mellorar en moitas delas. Nas ganderías de menor tamaño está a custar máis establecer estes parámetros de prevención, ó existir maior colaboración entre ganderías.

As ADS, claves na prevención

A principal vía de entrada das infeccións de IBR e BVD nas ganderías segue sendo a introdución de animais na granxa. “Estas enfermidades entran nas ganderías, en gran medida a través de animais comprados, aínda que non é a única vía de infección”, explica Javier Diéguez, profesor da área de Produción Animal na Facultade de Veterinaria de Lugo e un dos investigadores participantes no estudo.

Os controis que realizan periodicamente as ADS sobre IBR e BVD está axudando a reducir a incidencia das enfermidades en Galicia

Neste sentido, o traballo que están a realizar as ADS en Galicia é fundamental para reducir o número de contaxios de ambas enfermidades. “Boa parte das granxas galegas están xa en ADS e estas asociacións encárganse de comprobar que tódolos animais que entran na gandería están libre de, entre outras infeccións, BVD e IBR. Ademais, os veterinarios das ADS teñen unha ampla experiencia no tratamento e detección destas enfermidades”, detalla Diéguez.

Na actualidade, en Galicia o 56% das granxas atópanse adscritas a algunha ADS, o que contribúe a detectar e atallar antes estas infeccións. “É importante que aquelas granxas con perspectivas de futuro se adhiran á ADS polo control sanitario que se fai dos animais”, apunta o investigador.

É frecuente que nas granxas catalás as ADS non se encarguen de realizar un control sanitario dos animais que chegan á gandería

Porén, tal e como comprobaron neste estudo, en Cataluña pese a contar tamén con ADS, estas entidades están centradas noutras tarefas e non adoitan realizar un control do gando sobre enfermidades como a diarrea vírica ou a rinotraqueíte infecciosa. “É habitual que non se testen os animais que chegan á granxa e non se realiza un control sanitario como o que en Galicia levan a cabo as ADS”, concreta Diéguez en base ás enquisas e ós controis realizados nas 34 ganderías catalás que participaron no estudo.

Mellorar a bioseguridade na granxa

Co control e a supervisión que realizan as ADS galegas estase a conseguir o retroceso destas infeccións, porén hai outros aspectos nos que as granxas galegas deben mellorar para atallar outras vías de contaxio que tamén propician a aparición de calquera destas dúas enfermidades. En bo número das ganderías galegas a aplicación de medidas de bioseguridade é aínda unha tarefa pendente, en parte polas propias características das granxas de vacún na comunidade.

“A diferenza do que acontece en Cataluña, onde as ganderías teñen un tamaño medio dunhas 110 vacas, as granxas galegas son pequenas ou medianas e adoitan estar moi ligadas á casa familiar. Ademais existe unha gran densidade de granxas, mentres que en Cataluña adoitan estar máis separadas entre si”, comenta o investigador.

O feito de que en xeral as granxas galegas estean moi vinculadas coa vivenda, ben pola súa proximidade ou porque toda ou boa parte da familia está involucrada nesa actividade, tamén fai máis complicado implantar e respectar certas medidas de bioseguridade, tal e como evidencia este estudo. En cambio, o gran tamaño da maioría das granxas en Cataluña fai que as medidas de bioseguridade formen parte dos imprescindibles da xestión da granxa.

Medidas biosanitarias primordiais

O investigador Javier Diéguez insiste na importancia de incorporar cada vez máis estas medidas biosanitarias para conseguir reducir a incidencia tanto de BVD coma de IBR nas ganderías galegas. Recollemos as principais recomendacións:

Control das visitas na granxa. A proximidade á vivenda e a familiaridade e convivencia con outros gandeiros fai habitual que na granxa haxa máis visitas das estritamente necesarias, o que se pode converter nun foco de infección cando estes visitantes están en contacto con outros animais.

-Establecer zonas de aparcamento específicas e controladas é de axuda para evitar o risco de infección cando os vehículos proceden doutras ganderías.

-Proporcionar material específico para acceder á granxa. “O persoal que accede á granxa debe facelo con equipos axeitados como calzas ou botas limpas e desinfectadas para reducir os riscos de contaxio”, detalla o investigador.

-Establecer protocolos de limpeza e desinfección para maquinaria común. O emprego de maquinaria común en diferentes ganderías pode ser un foco de transmisión para estas enfermidades. A utilización dun carro mesturador de comida en varias ganderías ou a xestión dos xurros ou o esterco con tractores, cubas ou remolques que atendan a máis dunha granxa pode converterse nunha vía de contaxio.

Por este motivo, e aínda que polo momento non é o habitual nas ganderías de vacún galegas, cómpre establecer sistemas de limpeza e desinfección para estes vehículos. “Tampouco son procedementos que supoñan un custo elevado para as ganderías, xa que cunha máquina a presión e unha bomba para a limpeza e desinfección do equipo abondaría”, apunta Diéguez.

-Outras medidas que tamén poden ser de interese son os peches perimetrais da granxa, ó igual que se empregan xa en ganderías de aves e de porcino, estes sistemas evitan os riscos de acceso tanto de persoas como de fauna allea á granxa.

Pertencer a unha ADS. “O control sanitario que se fai nas ADS resulta fundamental para evitar que entren animais enfermos na gandería”, insiste Diéguez. Esta é unha das medidas principais para os gandeiros galegos. A prevención destas enfermidades non só beneficia á propia granxa senón ás ganderías próximas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información