Europa anuncia axudas para os gandeiros pero non sobe o prezo de intervención do leite

O sector califica de decepcionantes as medidas acordadas hoxe en Bruxelas. A Comisión distribuirá 500 millóns de euros entre os Estados membros para apoiar ás explotacións

Europa anuncia axudas para os gandeiros pero non sobe o prezo de intervención do leite

Cartel na tractorada de Compostela.

A reunión do Consello de Ministros de Agricultura da UE concluiu cun acordo principal, a posta en marcha dun paquete de 500 millóns de euros para axudas ós gandeiros. Sen embargo, a Comisión non subirá o prezo de intervención pública do leite, unha medida solicitada polo sector para retirar excedentes do mercado. Ante tal situación, as organizacións agrarias califican de “decepcionante” os acordos adoptados.

As medidas pactadas hoxe polos ministros avanzan nunha triple liña: facer fronte ás dificultades financieiras das explotacións, estabilizar os mercados e abordar o funcionamento da cadea alimentaria. En canto á situación das explotacións, Bruxelas anuncia un paquete de 500 millóns de euros de apoio ás explotacións lácteas. Esa cantidade deberase repartir entre os estados membros, que terán autonomía para decidir o seu reparto.

A maiores, a UE acordou que se poida adiantar ó 16 de outubro o 70% do pago da PAC, de cara a proporcionarlle liquidez ás explotacións. Tamén se poderán adiantar pagos ligados ó desenvolvemento rural.

A Comisión advirte ademais de que os Estados membros poden incluir unha ferramenta de estabilización de ingresos nos seus programas de desenvolvemento rural –como está a facer Castilla y León-, cousa que “só programaron uns poucos Estados membros, pero que podería ser introducido por outros cunha modificación dos plans de desenvolvemento rural”. A UE lembra que os Estados teñen autonomía nos seus programas de desenvolvemento rural para establecer novas liñas de apoio ó sector lácteo.

Situación de mercado
Para facer fronte á situación de mercado, a Comisión ampliará e mellorará as axudas para o almacenamento privado, unha cuestión sobre a que se está traballando. A UE aumentará tamén o presuposto para programas de promoción e esforzarase en abrir novos mercados en terceiros países, así como en reducir as taxas arancelarias á exportación.

O traballo sobre a cadea alimentaria, co fin de analizar posibles prácticas incorrectas de mercado, é outra das liñas sobre as que se compromete a traballar a UE.

Valoracións
Ante estas medidas, o sector agrario galego fala de “decepción”, en palabras de Román Santalla (Unións Agrarias). “Estas medidas non solucionan o problema dos prezos”, critica. “Estamos ante unha UE que está do lado dos poderosos e que trata de poñer o sector lácteo en mans duns poucos, mandando á gran maioría das explotacións familiares á cuneta. Esperabamos a mellora do prezo de intervención, de xeito que saíran excedentes de mercado e se puidese recuperar o prezo”, critica Santalla. “Tamén é unha desilusión que a ministra se volva de Bruxelas coas mans baleiras nese sentido”, valora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información