Carne

Prezo medio de 2.500 euros na poxa de Acruga en Láncara

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 02/05/2024 1:24 p.m.

As xatas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro acudían por primeira vez a unha poxa en Láncara, e fixérono na festa de exaltación da Tenreira Galega da Pobra de San Xillao, onde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega celebraba unha poxa por primeira vez. Os resultados foron moi positivos, segundo a entidade, debido a que houbo moitísimo público, e máis de 20 gandeiros e criadores que retiraron tarxetas acreditativas, dado o seu interese en aquirir algún destes exemplares. Ao final, a poxa finalizou coa adxudicación dos catro exemplares, cun prezo medio de 2.500 euros e a cotización maior foi para unha xata adquirida por 2.600 euros por un gandeiro do Corgo. Os outros tres exemplares leváronos criadores de Sarria, Friol e Baralla.

O presidente de Acruga, César Dorado, valorou moi positivamente a presenza da asociación nesta festa. «É a primeira vez que facemos unha poxa aquí e obtivéronse bos resultados, por encima dos prezos de saída. Ademais, participamos como sempre o facemos na exposición de exemplares, cuns 75, e realizamos un concurso, o que permitiu a todos os visitantes que se achegaron ata aquí poder contemplar os mellores exemplares de Raza Rubia Galega".

As explotacións máis destacadas neste concurso foron a Gandería A Morena, de Friol; a de José Antonio Ferreiro Palacios, do Corgo; e a de Manuel López Quiroga, de Samos. Precisamente e por esta orde os responsables das mesmas foron tamén premiados cos tres premios que había ao mellor lote. Ademais, foron os que levaron a maioría dos premios nas seis categorías deste concurso, xunto a outras dúas destacadas explotacións, a gandería de Pena Guisende S.C, do Páramo, e a Gandería Santalla, do Corgo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada