Forestal

Medio Rural destina 8,3 millóns de euros para vehículos do servizo de extinción de incendios

A Consellería inviste outros 7,5 millóns de euros na renovación do parque móbil dos Distritos Forestais e do persoal técnico de Medio Rural

Campo Galego 08/12/2022 5:52 p.m.

O Consello da Xunta autorizou á Consellería do Medio Rural para a compra de 15 motobombas e 12 batracios -que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer-, coa opción de adquirir ata cinco vehículos máis en 2023.

Con este investimento, a Xunta sinala que trátase de garantir o éxito das operacións de defensa contra os incendios forestais, incrementando a seguridade do persoal e apostando por medios de prevención que minimicen a carga de biomasa nos montes galegos

En concreto, prevense comprar 15 motobombas por un importe de 4,2 millóns de euros e outros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer, por importe de 4,16 millóns de euros.

Así, vaise licitar a compra de 15 vehículos motobomba que terán unha capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de cabida útil de auga. Doutra banda, Medio Rural sinala que cómpre afondar nos medios relacionados con traballos preventivos nos montes, de cara a minimizar a carga de biomasa e, polo tanto, reducir tamén a virulencia dos incendios forestais.

Así, a Consellería sacará a licitación a compra de 12 batracios, que permitirán desenvolver traballos de limpeza e mantemento de pistas forestais, liñas de defensa contra incendios e cortalumes. Tamén se empregarán no mantemento de puntos de auga e apoio nas queimas prescritas que se levan a cabo no dispositivo de prevención contra incendios forestais. Ademais, poderanse empregar, en caso necesario, para tarefas de extinción de lumes.

Cómpre salientar que a compra de todos estes equipamentos está financiada ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2014-2020, cuxa execución se prolongou ata o 2022.

Por último, cabe indicar que, en ambas as licitacións, se especifica unha cláusula de modificación do contrato que permite a compra de ata 3 vehículos motobombas e 2 batracios adicionais no ano 2023, a través do programa operativo Feder 2014-2020. O importe máximo destas adxudicacións será de case 700.000 euros no primeiro caso e de 580.000 euros no segundo.

Investimentos adicionais no 2022
A parte dos investimentos anteriores, neste ano 2022 mercáronse outras 13 novas motobombas por importe de 2.717.000 euros, que serán entregadas no ano 2023 e que están financiadas con fondos NextGeneration da UE.

Renovación do parque móbil da Consellería
Medio Rural informou tamén recentemente dun investimento de 7,5 millóns de euros dirixido a renovar o parque móbil da Consellería. En concreto, este ano investiranse 3,8 millóns de euros para 89 vehículos de axentes ambientais e persoal técnico, en tanto que no 2023 destinaranse 2,7 millóns de euros para 61 vehículos. Outro millón de euros irá a parar ó renting de 137 pick-ups para as brigadas de 6 meses dos servizos de extinción.

Etiquetado
Ir a la portada