A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia, dende materia prima ata produtos de primeira e segunda transformaciónA implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia desde o monte ata o consumidor final, pois a marca ampara tanto a materia prima (rolla) como os produtos de primeira transformación (táboa convencional e táboa estrutural), así como os produtos de segunda transformación (envases, tarimas, molduras ou CLT, entre outros). A importancia da marca sitúase en garantir a trazabilidade, a calidade e a uniformidade da oferta. Pino de Galicia estableceu un sistema de clasificación de calidades, a fin de estandarizar a oferta ante o mercado, e está a contribuír así a prestixiar a madeira galega ante os prescriptores e consumidores finais. Cómpre salientar ademais que toda a madeira de Pino de Galicia ten que contar cos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, o que garante que, a parte de ter orixe galega, a materia prima procede de montes xestionados dun xeito sostible.
“Galicia é xa 100% autónoma en madeira e fabricación para a construción con madeira seguindo un paradigma sostible”: Manuel Guaita, PemadeMáis alá destas iniciativas demostrativas están a xurdir xa empresas que ofrecen este tipo de solucións construtivas en madeira. “Galicia é xa 100% autónoma en madeira e fabricación para a construción con madeira seguindo este paradigma sostible”, apunta Guaita. Ademais, o sector traballa en innovacións tecnolóxicas que están aportando vantaxes significativas para a construción e que xa se están a empregar en Galicia. Así, as madeiras modificadas, como a madeira acetilada ou a madeira termotratada, están a ser solucións para un uso da madeira en fachadas e exteriores, xa que son tratamentos que lle confiren unha maior durabilidade ó reducir a súa degradación natural. Á marxe destas propostas, no sector e dende Pemade traballan xa noutras iniciativas que permitan seguir avanzando no uso da madeira estrutural, como é o desenvolvemento de solucións lixeiras con vigas e estruturas que reducen e optimizan a cantidade de madeira empregada, buscando ser unha solución sostible tanto a nivel ambiental como económico. Outra das liñas sobre as que están traballando é unha estrutura mixta que combine formigón e madeira.
En só 2 anos o prezo da madeira de piñeiro chegou a duplicarse debido ó incremento da demanda logo da crise da Covid-19 ou á redución das exportacións de Rusia pola guerra con UcraínaEn canto á evolución dos prezos da madeira de piñeiro, nestes últimos dous anos experimentouse unha importante suba, pasando dos 30 euros por tonelada en madeira de rolla en pé a chegar a preto de 60 euros neste 2022, segundo os datos manexados pola Fundación Arume sobre a evolución dos prezos de venda en poxas privadas.
A Fundación Arume presentará en Galiforest (Sergude, Boqueixón) un balance das súas principais liñas de traballo en dúas xornadas, o xoves 30 de xuño e o venres 1 de xullo. O xoves está prevista unha xornada sobre planta forestal mellorada, entre 11 e 13 horas; en tanto o venres, entre 11 e 14 horas, analizaranse os retos e oportunidades de ‘Pino de Galicia’, a marca de madeira impulsada pola Fundación Arume. Ambas xornadas contan coa cofinanciación da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA.
O programa das xornadas é o seguinte
(Xoves 30, 11 – 13 horas. Carpa auditorio da feira)
Mesa redonda con:
– Isabel Álvarez (Braña SCL)
– Enrique Fandiño (xerente de Hifas Foresta)
– Margarita Fraga (directora técnica de Cultigar, Fundación Paideia)
– Francisco Lario (responsable de proxectos MFR Tragsa).
– José Martel (xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal).
– Modera Enrique Martínez Chamorro (director Centro de Investigación Forestal de Lourizán).
(Venres 1 de xullo, 11 – 14 horas – Carpa auditorio da feira)
11 h. – A marca Pino de Galicia. Presenza actual no mercado (David Lorenzo. Secretario do comité de marca de Pino de Galicia. Profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra).
11.30 h. – Novos usos da madeira cara a unha construción sostible e industrializada (Manuel Guaita. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director de Pemade).
12 h. – Descanso café.
12.30 h. – Evolución dos prezos das coníferas e perspectivas de futuro (Laura Lozano, directora comercial de Maderas Goiriz).
13 h. – Retos e oportunidades das coníferas no contexto actual de incertidume. (Modera Ana Busto, adxunta á dirección en Serrerías Rodríguez).
Galiforest contará tamén con dúas xornadas organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal sobre produtos forestais non madeirables e sobre dixitalización.
A primeira delas, que terá lugar o xoves 30 (16.30 – 19.30 h.) abordará os produtos forestais non madeirables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, é dicir, os beneficios que a poboación pode obter dun ecosistema para o seu benestar. Comezará coa verificación de servizos ecosistémicos na Devesa de Rogueira (Lugo), por parte de Manuel Beiro, da Asociación Bioeco2 e representante de Enxeñería Forestal Asefor, para logo expoñer as perspectivas dos sistemas agroforestais en Europa, de man de Mercedes Rois, consultora en bioeconomía forestal, doutora enxeñeira de montes e secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.
A continuación, falarase sobre a explotación de resina na comunidade de montes de Mougás, sendo o encargado Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás. A análise dos resultados dos ensaios de silvicultura dirixidos á obtención de madeira e cogomelos pechará a xornada, sendo realizado por Javier Pereira-Espinel, enxeñeiro de montes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O moderador será Roque Rodríguez, catedrático universitario e profesor de silvicultura da área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.
Dixitalización
A segunda das xornadas será o venres (16.30-19.30 h.) e versará sobre a transición dixital. Nela Julia Armesto, doutora enxeñeira de montes e profesora titular da área de Enxeñería Cartográfica da Universidade de Vigo (UVIGO) dará a coñecer a aplicación práctica e resultados obtidos no uso do dispositivo Lidar Móbil Geoslam. En canto á dixitalización na administración forestal, será exposta por Odón López, xefe de servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.
Así mesmo, abordarase o uso do Lidar aplicado á xestión forestal, de man de Alberto López, da Asociación Bioeco2 e departamento de I+D de Enxeñería Forestal Asefor; e tratarase a incorporación nos inventarios do módulo de elasticidade e densidade básica, por parte de Esther Merlo, directora de Madera Plus Calidad Forestal.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, encargarase de moderar a xornada.
Pódese consultar neste PDF o programa completo de actividades de Galiforest.
A feira Galiforest, que se desenvolverá do xoves 30 de xuño ó sábado 2 de xullo en Sergude (Boqueixón), contará con máis de 180 demostracións de maquinaria, tanto no monte anexo á feira como nas parcelas expositivas de cada empresa.
As demostracións inclúen procesadoras forestais e de leña, autocargadores, colleitadoras de biomasa con cabeza procesadora, centro de corte e fendido de leñas, aserradoiros portátiles, trituradoras ou destoconadoras, entre outra maquinaria.
Asimesmo, desenvolveranse demostracións de sistemas de trepa á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, simuladores de maquinaria forestal ou preparación de estacas de castaño, entre outras tarefas forestais.
As demostracións, segundo informa a organización da feira, serán a cargo de empresas como Aroz Berri, Forestcorte Máquinas, Honda/Echo, Arbogal, Hitraf, Husqvarna, Internaco, J.J.E. Hernández – Hersan Wood-Mizer España, Logosol-Timber Tools, Millasur, Pinosa, Seppi M. Península Ibérica, Serrat Trituradoras, Stihl e Log Max Iberia.
A realización das demostracións de maquinaria nun entorno real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece a feira, tanto para os expositores como para os visitantes profesionais.
As distintas marcas programaron ademais actividades paralelas, como talleres ou competicións. Así, Husqvarna fará talleres de afilado e corte seguro con motoserra, en tanto Honda/Echo e Stihl farán figurismo, é dicir esculturas de madeira con motoserra, así como diversos concursos e demostracións.
Pódese consultar neste Pdf o programa completo de actividades de Galiforest.
Galiforest contará tamén co seu tradicionalConcurso de Innovación Tecnolóxica, que distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións. Búscase así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.
Nesta edición valoraranse 13 innovacións, dúas máis que na súa a última cita, entre as que figuran unha trituradora de fresado de chan e cepas ou raíces cun sistema de corte e fixación único no mercado, unha abonadora autopropulsada cuxo proceso de esparexemento está controlado mediante GPS, para mapear a superficie e regular o material dispensado, unha taladora deseñada para calquera especie que tala ata 50 centímetros de diámetro con sistema de cizalla, unha solución intelixente que permite controlar o progreso da explotación forestal en tempo real, unha caldeira de gasificación de leña compacta con pantalla táctil e monitorización da instalación vía App ou Pc e o único colector solar plano de baleiro do mercado.
Tamén entran no certame un sistema de aforro para produción de biomasa composto pola combinación de triturado primario e criba de sinfíns, unha procesadora semiautomática de troncos que corta, racha e extrae a leña a través dun tapete volante e que completa o proceso en seis segundos de media, un serradoiro que permite cortar troncos dunha lonxitude de ata 2,7 metros e diámetros de ata 135 centímetros, un método de extracción de resina para mellorar a produtividade das masas de piñeiro, o primeiro Eucalipto Niten con mellora xenética resistente ao fungo Mycosphaerella e dúas motoserras, unha delas conta coa batería máis potente do mercado e outra é a primeira a nivel mundial con pistón de magnesio, tecnoloxía xa utilizada na Fórmula 1 que reduce peso e aumenta rendemento.
O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas que aportan, así como cuestión como os materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.
O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2022 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 30 de xuño.
A Feira Internacional de Galicia ultima a organización da sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, que se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), próximo a Santiago.
En canto á súa exposición, a algo máis de quince días para a celebración da feira, Galiforest conta con 86 expositores directos confirmados, un 15% máis respecto á cifra final da pasada edición, celebrada no 2018, cando foran 75. Estas empresas e entidades, entre as que se encontran moitas das máis importantes do sector, ocupan unha superficie neta de 13.682 metros cadrados, un 16% máis de espazo que o contratado na anterior convocatoria, xa que entón foran 11.837 metros cadrados.
Estas cifras supoñen que o certame celebrará a súa maior edición, á vez que demostran tanto o respaldo do sector a este monográfico como a súa consolidación como cita forestal.
Programa de actividades
De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades, tanto dirixidas a profesionais como a outros perfís relacionados, entre eles os estudantes vinculados co sector.
"O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións"-Afiánzase Silleda como referente na venda de vacún maior? -Houbo unha importante demanda de carne madurada, o que leva a que os prezos suban e os compradores busquen este tipo de carne. O selo de Vaca e Boi de Galicia tamén contribuíu a iso e é unha boa liña de traballo. O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viñeron 11.485 animais de vacún maior, o que supón un 65% máis que o ano pasado, que non serve moito de referencia, xa que no 2020 perdemos 10 poxas. Aínda así, comparando con 2019, supón 2.000 animais máis. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións. Experimentamos un incremento do 114% nas cotizacións de 2020 a 2021 e se comparamos con 2019 houbo un aumento significativo, pasando dunha facturación de 8,3 millóns a alcanzar os 12,1 millóns de euros.
"Este ano alcanzáronse os 21 millóns de euros de transaccións, unha cifra récord"-Con eses datos, o Covid-19 parece non pasar factura ao mercado. Cal é o balance da Central neste 2021? -Este ano chegamos aos 21 millóns de euros de transaccións entre compradores e vendedores, por encima dos 18 millóns que se alcanzaron no 2019. De feito esta é unha cifra de récord do volume de transaccións desde que son director. É unha tendencia que non só se viu en Silleda, senón que noutros mercados de España tamén se apreciou unha recuperación. En moitos non se chegou ás cantidades que se manexaban en 2019, pero si estiveron moi preto. O problema doutros mercados é que non teñen o cálculo das transaccións que temos en Silleda, xa que aquí sabemos até o último euro que se ofrece na poxa e faise público. Aínda así, a sensación xeral é que o prezo está a ser maior. En Silleda esperamos lograr un efecto atracción e multiplicador tamén neste novo ano e seguir nesa liña. -Aínda que os prezos en vacún maior poidan estar á alza, non ocorre o mesmo para a recría e os becerros carniceiros. Que está a motivar que os prezos sexan máis baixos do esperado polos produtores? -É certo o que estás a dicir e os datos corrobórano. Este ano, a recría incrementouse un 19% con respecto de 2020. Se miramos a 2019 baixamos un pouco, situándonos nos 28.000 animais fronte aos case 31.000 que se lograran nese ano. Tamén as transaccións van nesa liña, con 5,2 millóns este ano fronte aos 6 millóns logrados en 2020. Neste mercado de tenreiros seguimos insistindo moito na calidade. Gustaríanos que todos os gandeiros visen no recría non un subproducto, senón unha aposta, para que os animais veñan en boas condicións e coticen máis, xa que iso é bo para o comprador, o criador e o consumidor.
"Insistímoslle ós gandeiros para que non vexan no gando de recría un subproduto, senón unha aposta. Se os animais veñen en boas condicións, cotizarán máis e será mellor para todos"Nós estamos sendo moi estritos en temas veterinarios, admitindo só os animais que cumpren cos parámetros e tentamos fomentar que veñan animais de calidade. Necesitamos ese cambio de mentalidade no gandeiro para que se mellore nesta sección. -Desde a primavera deste ano tamén introduciron novos servizos como o seguro de vida para todas as categorías e custeado pola central. Foi unha medida para atraer compradores ao mercado? -Foi un gran apoio para os compradores. Quixemos dar maior seguridade ao comprador, para que compre con confianza e poida ofrecer mellores prezos, sabendo que se algo sae mal, o mercado vai responder. É unha garantía moi alta para o comprador e crea unha confianza de compra que é moi interesante para que se poidan ofrecer mellores prezos. A nivel físico, na Central introducimos tamén melloras no último ano en temas como as camas do gando, para mellorar o confort dos animais mentres están no recinto, pero aínda queremos seguir mellorando nas instalacións, para facilitar a descarga dos animais ata que quedan fixados no pavillón. Estamos a ver como mellorar ese manexo aos transportistas. -Outra das novidades que introduciron na Central é a aplicación (App) de venda. Como está a resultar a experiencia? -O feedback é moi bo. Polo Covid-19 moitas persoas evitan vir ao mercado ou están no recinto o menor tempo posible e saben que poden ir para casa tranquilamente, xa que van recibir os resultados e as poxas directamente con marxe para admitir a poxa gañadora. Teñen plena confianza na tecnoloxía, posto que lles permite gañar tempo e ser máis eficaces. -Ademais de poder seguir a poxa de forma directa, supón máis vantaxes para os usuarios? -Para os gandeiros, os compradores e mesmo para o propio mercado este sistema supuxo un aforro de tempo, xa que os datos finais téñense dispoñibles ao terminar a mañá. Mantense que compradores e vendedores non saiban o que se está poxando até o resultado final, pero é moito máis cómodo facelo coa APP. Ademais permite gardar os datos das compras e ter un histórico ao quedar todo rexistrado na sesión de cada un. No mercado sérvenos para ir aumentado a información e o número de servizos que podemos dar ao que poxa e ao vendedor, ao longo do tempo. Por iso insistimos en que empecen a usala, xa que van ter un abanico de vantaxes. -E que pensan da aplicación que anunciou a Xunta para facilitar a compra venda de gando á marxe dos mercados. Afectaralles? -Coido que é necesario un punto de encontro e de concentración do gando, tamén para facer un control veterinario. En novembro estiven en Irlanda, no mercado de Kilkenny (Irlanda), e aí teñen xa moi informatizada a venda, con poxas online e presenciais ao mesmo tempo, pero sempre usando o mercado como punto de concentración do gando, onde pesar e ver as características do exemplar, o que dá tamén seguridade ao mercado. -En máis dunha ocasión tense comentado no sector a posibilidade de trasladar o Mercado de Amio a Silleda. Está sobre a mesa esa opción? -Esa posibilidade está sobre a mesa desde 2011. Aí hai dúas opcións: ter dous días de mercado (martes e mércores) ou concentralo todo nun Supermartes, onde todo o sistema sexa a través de poxa; iso significaría deixar atrás o modelo tradicional que se está utilizando hoxe en Santiago, que ten máis do dobre de animais que Silleda. Hai que ter presente que grazas a que existe o mercado de Silleda pódense delimitar prezos, ao facerse públicos, e téntase maximizar o prezo dos animais.
"Implantar un supermartes implicaría deixar o modelo tradicional de venda que se segue hoxe en Santiago. Nós nestos momentos non temos capacidade para un supermartes, pero si cunha ampliación na que investísemos arredor de 400.000 euros"Se os vendedores valorasen ese diñeiro que se pode lograr cun sistema público de poxas como o de Silleda, levaría a que tamén fose crecendo en volume de animais da Central en detrimento doutros mercados. Ten que haber un convencemento por parte de compradores e vendedores para poder sumar todo nun só martes e un único sistema de compra venda de animais. -Está Silleda preparada para afrontar este Supermartes? -Significaría facer ampliacións no noso recinto. Nós neste momento non somos capaces de absorber Amio nun Supermartes. Si poderiamos facelo tendo dous días de mercado (martes e mércores), pero isto só suporía un cambio de localización, non de modelo. Creo que todos estamos máis por un Supermartes, para o que sería preciso acometer ampliacións na nave 3 e 4, creando novos peiraos para facilitar a carga e descarga. Estariamos a falar dun investimento duns 400.000 euros, que supera as capacidades do Mercado. -Que vantaxes podería ofrecer ese Supermartes? -As vantaxes son que o vendedor maximiza o prezo do animal, os compradores poxan en termos de igualdade, a diferenza do que ocorre no sistema tradicional. A oferta ampliaríase moito ao sumar os dous mercados e ampliaríase a posibilidade de conseguir lotes unitarios. Concentraríanse máis os transportes. Os animais sufrirían menos, xa que estarían un só día no mercado e logo xa irían ao destino final, posto que agora hai animais que pasan por Silleda e logo van a Santiago. Desde o punto de vista económico, faríanse visibles os prezos e sería moito máis transparente. -A nivel nacional, que papel ocupa a Central Agropecuaria de Galicia? -A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais. Ao ser a única poxa informatizada de España e ser tan transparentes cos prezos sempre ofrecemos un compoñente de luz á hora de fixar prezos e iso permitiunos ser o termómetro do sector en España. Os nosos compañeiros honráronnos situando a sede nacional da Asociación de Mercados de Gando en Silleda e o secretario xeral, de forma permanente, tamén é un dos traballadores da Fundación Semana Verde, Julio Pérez. A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais.
"En 2021, sen o tirón do turismo, comprobamos que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España"-No seu labor na vicepresidencia da Asociación Nacional de Mercados de Gando (Asemga), en que se están centrando? Cales son as prioridades desde a Asociación? -O 2020 foi, como en moitos sectores, un ano de supervivencia, tentando que nos deixasen traballar e manter a actividade para garantir a subministración. Todos botamos de menos o turismo, xa que ten moito tirón. Por iso son aínda máis importante as transaccións que logramos en Silleda, aínda vendo que o turismo non estaba no seu mellor momento. Isto demóstranos tamén que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España. Abordamos esta situación para ver como nos afectou e ver como seguir avanzando e estreitando lazos entre os distintos mercados. -Desde o ano pasado ocupa tamén a vicepresidencia da Asociación Europea de Mercados de Gando. Cales son as tendencias do mercado europeo? -Hai unha forte aposta pola informatización dos mercados desde hai anos. Un exemplo diso é o mercado de Kilkenny, en Irlanda, que está 10 anos por diante de Silleda en temas de informatización. Cuestións que estamos a comezar a introducir e valorar aquí, xa levan anos utilizándoas neste mercado, traballando con softwares potentes que facilitan a actividade do mercado. -Coñeceu de primeira man o funcionamento deste mercado na súa recente visita. Algunha mellora que baralle incorporar á Central neste sentido? -A intención é reducir esa distancia e ir conseguindo unha maior informatización de Central. No mercado de Kilkenny un pode asistir á poxa desde a súa propia casa, vendo como o animal entra no ring e é pesado. A propia aplicación facilítache todos os datos do animal, mentres que o comprador pode ver en todo momento e desde distintos ángulos ao animal. A partir de aí comeza unha poxa na que podes participar desde o teu teléfono. Isto facilita aos compradores que poidan asistir a varios mercados nunha soa xornada e desde a súa casa. Paréceme que podemos traballar nesa dirección.
"Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda"-Un dos obxectivos do seu nomeamento, hai xa 8 anos, era conseguir que o recinto feiral de Silleda fose viable. Logrouno? -Participaron moitos actores para conseguilo. A min tocoume ser o director, e unha porcentaxe é a miña responsabilidade, pero hai moita xente que estivo traballando duro para que o recinto feiral poida ser o que é hoxe. Había moitos problemas legais e de actividade e traballouse moi duro. En dous anos conseguimos poder pensar só nas actividades que podiamos organizar e xa non en que tivésemos que pechar o recinto. Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda, que teñan ferramentas para iso e abríndonos a novos sectores, de feito incrementamos notablemente o número de feiras que se facían. -A nivel organizativo, cal é a estrutura actual da Fundación Semana Verde? E a súa relación coa Xunta? -Dependemos directamente da Vicepresidencia primeira, xa que Alfonso Rueda é o presidente da Fundación Semana Verde, da que eu son director. Aínda así temos moita vinculación con boa parte das Consellerías polo tipo de eventos que organizamos. O padroado está integrado por 13 membros: 7 deles son da Xunta, dous da Deputación de Pontevedra, outros 2 da Asociación Feiral, así como o Concello de Silleda, Abanca e como patrón patrocinador, con dereito a voz pero sen voto, está R. -Nos últimos anos, o recinto feiral de Silleda incorporou tamén o Museo do Campo e a Mecanización. Que relación teñen con el? Preséntanse novidades para este 2022? -Legalmente cedémoslles o edificio no que se empraza e compartimos o uso do auditorio. Estamos encantados de que haxa un museo destas características e tan necesario. Na última reunión do Padroado abordouse prestar a colaboración ao Museo no seu impulso da actividade, xa que se toparon de cheo coa pandemia nada máis abrir as súas portas.
O coronavirus está a trastornar os plans, a actividade e o programa de actos previsto para este ano no recinto feiral de Silleda. A Feira Internacional de Galicia ABANCA decidiu non celebrar este ano a 43 edición da Semana Verde, prevista para principios do mes de xuño, e aprazar a outono a sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest, prevista entre o 25 e o 27 de xuño deste ano, debido á alerta sanitaria xerada polo Covid-19.
A Feira Internacional Semana Verde de Galicia é un dos eventos centrais do calendario anual da Feira de Silleda, que reúne a máis de 100.000 visitantes e inclúe eventos como Salimat ou os concursos morfolóxicos de razas autóctonas. A data prevista para a edición deste ano era do 4 ao 7 de xuño pero a organización decidiu non celebrala e trasladar a 2021, concretamente entre o 3 e o 6 de xuño, a próxima edición.
“Esta decisión está motivada pola situación de alerta sanitaria xerada polo coronavirus, que supón que non sexa convinte a súa celebración este ano por responsabilidade social e económica con todos os axentes que participan no certame, pero que servirá para centrar todos os esforzos en facer unha gran edición en 2021, un ano moi importante por ser Xacobeo e cumprirse o 25 aniversario do recinto, e tamén para continuar co importante crecemento das últimas edicións”, indican desde a Fundación Semana Verde.
Preténdese que a edición de 2021, que coincide co 25 aniversario do recinto feiral, sexa un gran evento dentro do Xacobeo
A análise da situación realizada polos organizadores, á que se sumou a opinión da inmensa maioría de expositores confirmados, determinaron que o máis adecuado é non celebrar a feira en 2020 e preparar esta gran edición de 2021. “A celebración da Semana Verde en xuño non é pertinente pola incerteza sobre a evolución a curto prazo da pandemia, pero levala a cabo noutras datas tampouco sería idóneo. Sendo unha feira cunha importante porcentaxe de expositores e actividade situados no exterior, non debería celebrarse máis tarde das primeiras semanas de outubro para minimizar o posible impacto negativo do clima. Pero moitas empresas non confían en que a evolución da pandemia poida facer que a sociedade recupere nesas datas a normalidade necesaria para celebrar un evento que contou con 128.000 visitantes en 2019, sendo previsible que os asistentes sexan nese momento remisos a acudir a un certame con este volume de visitantes”, indican.
A situación económica actual afectaría á presenza de moitos expositores e o medo a posibles contaxios limitaría a asistencia de numeroso público este ano
Así, moitos expositores consideran que a súa participación veríase comprometida e non tomarían en todo caso a decisión de participar ata o último momento, coas consecuencias que iso tería a nivel organizativo e económico para a feira. Asimesmo, moitos dos expositores trasladaron á Fundación a súa inquietude pola súa situación futura a curto e medio prazo, debido ás diferentes medidas derivadas do Estado de Alarma e as consecuencias que estas lles están ocasionando a nivel económico e laboral. Unha situación pola que indican que non poden garantir a súa presenza na feira se se celebrase neste exercicio e que, de facelo, minimizarían considerablemente o seu investimento.
Saturación de eventos no último cuadrimestre do ano
Ademais, esta feira conta cunhas datas moi específicas nun calendario cada vez máis concorrido, o cal tamén é un dos segredos do seu éxito. Neste sentido, o seu traslado a unhas datas que non son as súas supoñería entrar en competencia con grandes feiras de alimentación, turismo e caza que ou ben se trasladaron xa ao último cuadrimestre do ano ou que xa ocupaban estas datas.
Isto traería consigo unha perda adicional de expositores que teñen comprometida a súa participación noutro certame nesas datas ou que non poden asumir estar presentes en varios certames en tan pouca marxe de tempo por aspectos económicos, loxísticos ou organizativos. A Fundación Semana Verde de Galicia seguirá traballando con todo para que todos os eventos previstos en 2020 se celebren no último cuadrimestre do ano, agás a feira Abanca Semana Verde.
A análise da situación realizada pola entidade feiral e a opinión dunha ampla representación dos expositores confirmados nesta cita determinaron así mesmo a decisión de pospoñer a feira Galiforest. A incerteza de cal será a situación desta alerta sanitaria no mes de xuño é un motivo esencial neste aprazamento, ao que se suma a situación que están a vivir nestes momentos as empresas en canto a adaptarse ás medidas económicas e empresariais derivadas desta crise e tamén á dificultade tanto para transportar agora doutros países maquinaria que se expoñería na feira como para a asistencia por parte de profesionais internacionais.
As empresas e entidades confirmadas manifestaron de forma xeneralizada que manterán a súa participación nas novas datas do certame, as cales se decidirán proximamente xunto co comité organizador do mesmo. Estas probablemente serán entre os meses de setembro e outubro, ao realizarse no monte e, por tanto, en exterior. Na súa pasada edición Galiforest reuniu a máis de 5.000 persoas.
No aire cando retomará a actividade o mercado semanal de gando
A primeira consecuencia do avance da pandemia sanitaria foi o aprazamento da feira Enerxétika 2020, que debería celebrarse do 26 ao 28 de marzo, un certame de enerxías renovables que na súa última edición xuntou a máis de 6.000 persoas. A Feira Internacional de Silleda fixará novas datas co seu comité organizador tan pronto a situación relativa a esta crise sanitaria se normalice. Os expositores xa confirmados para esta terceira edición trasladaron tamén de forma xeneralizada á organización a intención de manter a súa participación nas novas datas.
A seguinte damnificada como consecuencia da suspensión de actividades e actos públicos tanto pola declaración de alerta sanitaria por parte da Xunta como do decreto de estado de alarma do Goberno central foi a feira de gando semanal que se celebra nas instalacións de Silleda, que non se celebra desde o 10 marzo, cando tivo lugar o último mercado. Non se poderá celebrar mentres non se levante o estado de alarma, vixente polo de agora ata o 26 de abril, pero o momento definitivo para retomar a actividade dos mercados atópase no aire e a data do 26 de abril podería verse comprometida en función da evolución da situación sanitaria.