A área de Medio Rural da Deputación de Lugo creou o programa ‘Da Escola á Granxa’ para que o alumnado da provincia coñeza de primeira man como se elaboran determinados produtos alimentarios, ademais de mostrar a procedencia das materias primas coas que se elaboran.
Desta maneira, o estudantado do CEIP Eduardo Cela Vila, de Triacastela, coñeceu esta semana o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras, elaboradas pola empresa DaVeiga. Esta visita enmárcase na segunda edición do programa ‘Da Escola á Granxa’ da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Medio Rural, Daniel García, acompañou ao alumnado durante o percorrido no que coñeceron o proceso completo de creación deste “pan sen miga”. Comezaron a visita coñecendo a materia prima empregada para a súa preparación, posteriormente visitaron os distintos obradoiros de amasado e cortado, e fixeron unha parada nos fornos antes de deterse, finalmente, no embolsado. A visita rematou no almacén, onde coñeceron a historia destas galletas e a que deben o seu nome.
Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que Medio Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa e degustaron o produto.
Daniel García destacou que “este programa permite que os máis pequenos, mesmo os que viven no rural, se acheguen ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación”.
DaVeiga é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa ‘Da Escola á Granxa’, entre os que se atopan granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.
A área de Medio Rural financia as visitas solicitadas polas asociacións de nais e pais que se están a desenvolver neste segundo semestre do ano. Participarán nelas preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña (A Pastoriza), Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, San Cosme de Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes, Santa María e Casás (Lugo). O programa supón un investimento de 80.000 euros.