
Vaca Gran Campiona FEFRIGA 2021 no certame celebrado en Feiradeza
Últimos días para poder participar no Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022. Este venres, 25 de febreiro, remata o prazo de inscrición aberto para que as ganderías que desexen tomar parte no certame poidan anotar as súas vacas, xatas e xovencas.
Coincidindo coa Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), o recinto Manuel Vila López acollerá a primeira fin de semana de abril o Concurso Autonómico, que alcanza a edición número 30.
A celebración do Certame Autonómico constitúe un verdadeiro respaldo ás actividades organizadas na Moexmu e ao Concurso de Gando celebrado en Muimenta desde o ano 1987
Tal como se establece no Regulamento do certame, no que tamén se detallan os premios, tan só poderán participar no Concurso FEFRIGA 2022 animais nacidos en Galicia e propiedade de ganderías galegas. A inscrición dos animais debe realizarse en AFRICOR Lugo, a través do teléfono 982250714 ou do email xerencia@africorlugo.com.
Campionato Can de Palleiro
Do mesmo xeito, o domingo 3 de abril terá lugar na Moexmu, a partir das 16:30 horas, o IV Campionato de raza Can de Palleiro, que está reservado a cans maiores de 3 anos inscritos no Libro de Orixes da Xunta de Galicia. O certame é puntuable para o XVI Monográfico Can de Palleiro 2022.
Pode obterse máis información na páxina web www.clubcandepalleiro.com e para apuntarse debe enviarse un email cos datos do animal a candepalleiro@clubcandepalleiro.com.
Como é habitual, a Moexmu incluirá ademais unha Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a 26 edición da Poxa de Gando Selecto organizada por Acruga.