O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) acaba de publicar o informe de entregas de leite correspondente ao mes de xuño,no que, como adoita ser habitual no verán, rexístrase un descenso das entregas e tamén dos prezos.
En canto á produción entregáronse en xuño no conxunto de España un total de 629.066 toneladas de leite de vaca, o que supón un descenso con respecto a maio, pero un incremento do 0,8% con respecto ao mesmo mes de 2020.
Galicia segue sendo a locomotora da produción de leite en España, co 39% da produción total en xuño. As entregas de leite das gandarías galegas ascenderon a 251.926 toneladas, o que supón un 3,29% máis que en xuño de 2020.
Os prezos do leite en orixe experimentaron un lixeiro descenso estacional: 0,332 euros o litro en xuño fronte aos 0,335 de maio. En Galicia o prezo medio foi de 0,325 euros o litro, fronte aos 0,327 de maio. En todo caso, desde o FEGA destácase que o prezo de xuño é o máis alto desde 2017.

Fonte: FEGA
Por ultimo, as calidades medidas do leite entregado en xuño foron do 3,64% de graxa e do 3,25% de proteína. Galicia, como xa é habitual, entregou o leite cos mellores contidos de sólidos: un 3,73% de graxa e un 3,27% de proteína.