En proxecto a mellora do regadío do Val de Lemos

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, pide que o Goberno central concrete orzamentos para a modernización do regadío

En proxecto a mellora do regadío do Val de Lemos

A modernización do regadío do Val de Lemos e a recuperación de terras asociadas a el é un proxecto no que están a traballar as Administracións.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou este xoves en Madrid no Pleno da Mesa Nacional do Regadío, no que se abordou o proxecto de modernización do regadío do Val de Lemos (Lugo). En concreto, dende a Xunta pídenlle ó Goberno central que concrete os orzamentos paras estas melloras e se poida dar resposta a unha demanda histórica da zona.

Cómpre lembrar que en maio, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Universidade de Santiago (USC) asinaron un convenio de colaboración para analizar como reactivar as comunidades de regantes de Val de Lemos. Trátase de redactar un plan integral, que conta cun orzamento de 290.000 euros e un prazo de execución de 18 meses.

Pola súa banda, Inés Santé apuntou que a Administración galega comezou a avaliar a posibilidade de desenvolver un proxecto de regadío nesta bisbarra lucense. Para iso, solicitoulle ao Ministerio de Agricultura a urxente necesidade de orzamentar dito proxecto, máis aínda tendo en conta que se incrementa o orzamento nacional para a segunda fase dos regadíos.

A modernización do regadío na Limia

Por outra banda, a directora xeral tamén solicitou un incremento do orzamento para a modernización do regadío da Limia (Ourense), ao verse encarecidas as materias primas das obras a realizar. Sandé destacou os 6 millóns de euros de fondos propios da Xunta para a perforación de 40 novos pozos -obras que se incrementaron nun 50% sobre o presuposto inicial- que permitirán completar a rede de pozos de regadíos en catro comunidades de regantes. Como sinalaron dende a Consellería, a perforación dos pozos xa está rematada e agora están a traballar para determinar o caudal de cada un deles e o ano que vén realizarán o seu bombeo e electrificación.

Ademais, a directora xeral lembrou que estas obras son necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas – A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes. 

Doutra banda, o Ministerio ten acordado 16 millóns de euros para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información