“En cada explotación hai que establecer pautas para reducir os problemas podais das vacas”

Entrevista a Pedro Codesido Vieites, podólogo de Seragro. Ven de participar na  IV Xornada de Unificación de Criterios de I-SAP e no I curso de podoloxía organizados por CONAFE.

“En cada explotación hai que establecer pautas para reducir os problemas podais das vacas”

Pedro Codesido

Pedro Codesido é podólogo en Seragro, Sociedade Cooperativa Galega. A finais do pasado mes de outubro participou na EFA-Fonteboa, en Coristanco, na IV Xornada de Unificación de Criterios de I-SAP e no I curso de podoloxía organizados pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (CONAFE).

Seragro é unha das fontes de información de CONAFE para o seu programa de podoloxía. Como está a funcionar esta colaboración?
Hai uns catro anos que CONAFE se puxo en contacto con nós para o programa I-SAP coa finalidade de aproveitar os datos de varios países para mellorar os caracteres de podoloxía na mellora xenética. En SERAGRO xa tiñamos unha aplicación informática propia dos nosos servizos, e no que si que colaboramos con CONAFE, previo consentimento dos gandeiros, é en facilitar os datos de podoloxía. Penso que é un programa que pode dar máis de si.

Cales son as enfermidades podolóxicas do gando vacún con máis incidencia en Galicia?
En Galicia posiblemente as enfermidades con máis presenza son as dermatites e as úlceras por problemas de presión. Con respecto a outras autonomías, si que é certo que quizás haxa menos dermatites noutras Comunidades pola menor humidade. Tamén hai que salientar a importancia do manexo, a parte da climatoloxía. É dicir, en Galicia a maior parte das vacas están estabuladas bastante tempo, ou permanentemente, mentres que noutras comunidades utilizan máis os parques de terras, o que fai variar a incidencia de doenzas podolóxicas.

Cal pode ser a porcentaxe media de afectación das enfermidades de patas e cascos nas explotacións de vacún?
A evolución nos últimos anos foi totalmente positiva. Levo algo máis de vinte anos nesta profesión e nos meus inicios só estaban acolléndose a este programa de prevención e tratamento de lesións podais só certos gandeiros punteiros e había moita máis incidencia desta problemática.

É difícil falar de porcentaxes medias, porque nos podemos atopar con granxas nas que un 5 ou 10% dos animais sofren algún tipo de lesión podal ao longo do ano, e noutras explotacións esta porcentaxe pode subir ata o 60 e mesmo o 80%.

O gandeiro acude cada vez más rápido a vós para solucionar un problema de coxeira que antes igual tardaba máis en avisar?
As lesións podais no gando vacún supoñen unha perda económica importante e ao gandeiro que acude antes sáelle máis barato, porque todos estes problemas complícanse co paso do tempo. Hai que ter en conta que a curación varía moito se atendemos ao animal no día 5 da enfermidade que no día 20. Sen meternos a valorar a perda en rendemento do animal neses días de coxeira.

Si que temos datos de gandeiros que deciden agrupar os casos de animais con problemas podais porque pensan que lles vai saír máis barato, e é ao final do ano é ao contrario: é mellor ir atendendo puntualmente ao animais con problemas.

Que consellos lle darías a un gandeiro para mellorar a saúde de patas e cascos do seu gando?
Básicamente, estar moi en contacto co seu podólogo, e non só para chamalo porque ten unha vaca coxa, senón que preocuparse polas problemáticas que hai na explotación e ver cales son as pautas que se deberían seguir para baixar as lesións podais.

Cada granxa é distinta e a problemática así o será tamén, pero cun traballo en equipo entre gandeiro e podólogo sempre se ha de atopar unha solución a cada caso.

 “Coas camas de area estamos tendo problemas de carencia de casco polo excesivo desgaste”

Por exemplo, dende hai uns anos estanse incorporando en Galicia as camas de area, que acaban sendo unha lixa estendida polo pasillo do establo e acaba provocando a problemática de que o desgaste dos cascos é maior que o crecemento. É dicir, pasamos de realizar recorte podal a carencias de casco, co que as pautas, tanto do traballo técnico do podólogo como as de manexo por parte do gandeiro, son distintas.

PODOLOXIA_XORNADA_FONTEBOA__01_StandarSe o gandeiro opta por unha cama de area porque que é cómoda para o gando e económicamente lle compensa, como podólogos temos que buscar solucións para que isto non chegue a ser un problema.

Hai menos lesións podais nas explotacións que fan pastoreo?
A problemática podal destas explotacións é distinta, o que non quere dicir que sexa menor. A situación idílica sería que a vaca saíse do establo ao prado. O problema é que os camiños polos que transitan en realidade son na maior parte pistas asfaltadas, ou camiños endurecidos polo paso da maquinaria e con pedras soltas que van provocando tamén lesións podais.

O estado natural da vaca é a terra, o pasto, e no momentoen que a metemos nunha superficie dura estámoslle cambiando as condicións. Se esa superficie só é estancia é sempre menos problemática que se é tamén de traslado, ou se os traslados son moi longos. Hai vacas que camiñan ao día ata 3 kilómetros para ir ao prado e iso, en animais de moitos kilos e alta produción láctea, chega a ser un problema.

Cal é o mellor investimento frente á problemática podal?
Traballar en prevención; existen programas de recorte destinados a previr as distintas lesións dos pés das vacas, e está demostrada a súa eficacia á hora de rebaixar as cifras de animais afectados. Pero a prevención non remata só co traballo do técnico, senón que será o manexo do día a día o que condicionará de maneira importante a consecución dos obxectivos. Por iso, tan importante como o traballo específico no pé da vaca é a rutina de medidas pensadas para mellorar a saúde podal no rabaño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información