A Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) impartiu esta semana un curso en Santiago sobre novas tecnoloxías aplicadas ó sector forestal. Trátase dun seminario de 20 horas, repartidas en 3 xornadas formativas, que se impartiu na sede da Cámara de Comercio, sita no polígono Costa Vella, e que contou con profesionais en activo do sector.
O obxectivo do curso é integrar novas tecnoloxías no traballo diario das empresas do sector forestal para aproveitar todo o seu potencial e poder mellorar a súa competitividade. O curso inclúe formación específica en aplicacións e tecnoloxías móbiles aplicadas á actividade forestal así como a súa utilización práctica.
Xeolocalización e medicións
Algunhas das ferramentas que se abordaron permiten afrontar tarefas do día a día como a localización de parcelas ou a realización de medicións. Os participantes coñeceron o funcionamento de aplicacións como Google Maps, Oruxmaps ou Sidcat, que permiten a ubicación e xeolocalización das parcelas.
Outra parte do curso foi o das aplicacións para medición forestal como Smart Measure ou Timbeter, que posibilitan obter medidas a través dos teléfonos móbiles de diferentes parámetros dos troncos de madeira como a altura, perímetro ou o diámetro. As aplicacións permiten realizar un inventariado online e xestionar de maneira dixital os datos obtidos. “O obxectivo destas ferramentas é axilizar, automatizar e xestionar dixitalmente a obtención de información”, explican os promotores do seminario.
O curso compleméntase cunha formación avanzada nos distintos compoñentes do paquete de ofimática de Microsoft Office. Entre outros temas, os traballadores do sector profundizarán na creación e xestión de funcións das follas de cálculo de Excell. Tamén traballarán na automatización de documentos masivos en Word e Acess, con estratexias para axilizar o traballo nestes programas.
Esta iniciativa inclúese no Plan de formación sectorial de Fearmaga, que se desenvolve coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria.