Unha investigación desenvolvida na Escola Politécnica de Lugo (Universidade de Santiago) xerou ferramentas para estimar a produción do piñeiro marítimo (‘pinus pinaster’) en Asturias. Os modelos de simulación do crecemento do piñeiro obtivéronse no marco da tese doutoral ‘Desenvolvemento dun modelo dinámico de rodal e optimización da xestión de Pinus pinaster Ait. en Asturias’. A tese foi dirixida por Ulises Diéguez e Marcos Barrio, e mereceu a máxima cualificación académica.
A investigación determinou métodos de cálculo sobre a calidade dunha localización para as plantacións de piñeiro e tamén xerou unha ferramenta para prever a evolución das masas da especie. A estimación da calidade dun emprazamento para o piñeiro estableceuse a partir da medición entre o primeiro e o oitavo nó. A tese buscou metodoloxías de cálculo independentes da idade das árbores, pois a míudo resulta complicado coñecer este dato.
Programas silvícolas
Outra ferramenta desenvolvida permite obter un modelo da evolución dunha masa de piñeiro en función de diferentes programas silvícolas. Os resultados do modelo comparáronse con outros modelos existentes para a mesma especie en Galicia e no norte de Portugal. A comparación indica que podería ser suficiente cun único modelo para explicar a evolución da masas de piñeiro en todo o noroeste da península Ibérica.
Nunha fase posterior, o investigador empregou o novo modelo para determinar o mellor programa silvícola para o piñeiro en Asturias (número, intre e intensidade das claras, así como idade axeitada para a corta final). Os resultados obtidos reflicten un programa silvícola óptimo con tres claras de intensidade forte.