Aviso fitosanitario polo risco alto de mildio nos viñedos

Publicidade
Aviso fitosanitario polo risco alto de mildio nos viñedos

Acio de Albariño lixeiramente afectado por mildio. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

As tormentas desta semana deixaron temperaturas elevadas e gran humidade, condicións extremadamente favorables para o mildio nos viñedos e as previsións de que as chuvias se manteñan nos próximos días fan que sexa preciso manterse moi alerta e revisar as viñas.

“Esta semana estivemos a recibir numerosas chamadas de viticultores e técnicos por fortes ataques de mildio en viñedos da provincia de Pontevedra así como na Ribeira Sacra ou o Ribeiro”, indican dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.

As variedades máis afectadas están a ser o Albariño e outras castes brancas, pero tamén hai danos nas tintas e en híbridos que en teoría son máis resistentes ó patóxeno.

Ante a previsión de precipitacións para a vindeira semana, dende Areeiro recomendan vixiar de xeito continuo e exhaustivo as viñas. “O normal será ter que renovar os tratamentos”, indican no último boletín fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica esta semana. “É recomendable que o funxicida elixido conteña unha materia activa sistémica (pode ser penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares nas viñas pouco afectadas de mildio) unida polo menos a un funxicida de contacto.

A aplicación deste funxicida debe realizar coas follas das plantas secas e con ventos por debaixo dos 11 quilómetros por hora. Ademais, lembran que aínda que se empreguen funxicidas sistémicos hai que mollar ben todos os órganos da planta. Recordan tamén que neste momento é necesario que o resto de vexetación se manteña baixo control.

Outros patóxenos

As condicións meteorolóxicas destes días (humidade relativa elevada, iluminación indirecta e temperaturas elevadas) son tamén favorables para a aparición de oídio, aínda que polo momento non se detectaron danos, tal e como indica o persoal de Areeiro. Con todo, recordan que cómpre protexer os acios fronte a este patóxeno.

O mesmo acontece co black rot. Así, aínda que se deron condicións moi propicias para o fungo, dende Areeiro non constataron danos deste patóxeno, nin sequera nas cepas abandonadas. Con todo, recomendan manter a vixilancia, especialmente naqueles predios que historicamente sexan máis proclives a verse afectados polo fungo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información