A Deputación de Pontevedra abre unha nova convocatoria para a creación de parques forestais

O organismo provincial destinará 4 millóns de euros en axudas. O espazo mínimo de actuación redúcese de 50 a 30 hectáreas

A Deputación de Pontevedra abre unha nova convocatoria para a creación de parques forestais

César Mosquera, vicepresidente da Deputación.

A Deputación de Pontevedra aprobará este luns en Xunta de Goberno unha nova convocatoria de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes da provincia mediante a creación de parques forestais. Segundo anunciou o vicepresidente, César Mosquera, “non se escatimarán esforzos” económicos: inicialmente haberá un orzamento de 1’5 millóns de euros, que será ampliable ata catro millóns de euros de haber solicitudes.

O vicepresidente Mosquera destacou que a Deputación, logo de producirse a última vaga de lumes, recibiu moitas solicitudes verbais de potenciar esta liña de axudas a montes, polo que se puxo en marcha a tramitación para a convocatoria. “Temos que mellorar e cambiar o carácter do monte da provincia. Xerar actuacións para ordenar, poñer en valor e potenciar a resistencia ao lume: que non prenda e que se prende non se estenda. Non imos escatimar esforzos porque o estado dos nosos montes é o peor problema ambiental de Galiza e en particular das Rías Baixas, por ser unha zona moi densa de habitantes, polos lumes, e polo desorde territorial, que vai a peor”, insistiu o nacionalista.

“O estado dos montes é o peor problema ambiental de Galicia. Non imos escatimar esforzos para potenciar a resistencia ó lume” (César Mosquera)

Mosquera lembrou que no anterior plan foran 10 concellos os beneficiados polas axudas, coa presentación de 16 peticións para redacción de proxectos e sete para a creación práctica dos parques.

As bases da nova liña de axudas terán pequenas modificacións con respecto ás anteriores: reduciranse os trámites burocráticos para as cesións dos terreos por parte das comunidades de montes aos concellos, e reducirase ata 30 hectáreas a extensión mínima na que crear os parques forestais. “Entendemos que esta redución non permite actuar en zonas verdes ou buscar a creación de parques infantís, o que non é o obxecto que pretendiamos, senón que permite actuar en áreas interesantes que teñen potencialidades como monte aínda sendo menores en tamaño que as 50 hectáreas que se pedían antes”, subliñou o vicepresidente.

Perspectivas

En canto ao financiamento, Mosquera destacou que a contía será “moito máis xenerosa” que na primeira convocatoria. De feito, a liña de subvencións terá 1,5 millóns de euros de inicio, co compromiso de que se hai solicitudes ampliarase ata os tres ou catro millóns de euros ao incorporar os remanentes de crédito deste ano ao orzamento de 2018. “Este ten que ser un paso decisivo. Está en marcha con ambición todo o que anunciamos a raíz dos lumes: o traballo coa Universidade de Vigo, a modificación para permitir usar os fondos do Plan Concellos –que se aprobará este mes en pleno- e o noso compromiso de aportar fondos para este proxecto de parques”, subliñou o nacionalista.

O prazo para que os concellos presenten solicitudes será de dous meses logo de publicarse no Boletín Oficial da Provincia. Mosquera amosouse confiado de que logo da premura da primeira convocatoria, que deixou a moitos gobernos locais fóra por non cumprir os requerimentos, agora se presenten “moitas peticións” que sexan “solventes e ben traballadas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información