A Deputación de Lugo aproba axudas para o sector agrogandeiro

A Deputación de Lugo aproba axudas para o sector  agrogandeiro

A voceira socialista do goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno aprobou este venres a concesión de axudas para o sector agrogandeiro da provincia.

En concreto, aprobouse a concesión dunha achega económica de 105.000 euros, dividida en catro anualidades, á Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo. Con esta axuda, a deputación colabora na prestación dun servizo de asesoramento sobre o pastoreo tradicional.

Neste senso, preténdese mellorar os pastos altos da Serra dos Ancares e facelos extensibles ao resto da provincia; recuperando as técnicas tradicionais de pastoreo e promovendo o seu uso polos gandeiros da zona. O obxectivo é fomentar o desenvolvemento e a competitividade do sector ata o ano 2023.

A Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo é a única entidade en toda a provincia que realiza este tipo de actividade e as actuacións que se recollen neste proxecto son: identificar os principais sistemas agrícolas que utilizan os pastos permanentes; identificar tamén prácticas para mellorar a produtividade e eficiencia dos sistemas de produción de carne, e recoñecer novas prácticas de manexo de pasto que melloren a saúde animal, benestar e produtividade, entre outras accións.

Granxa Experimental de Leite

Por outra banda, o Executivo da Deputación deu luz verde ao Plan de Seguridade e Saúde das obras de pavimentación da contorna da Granxa Experimental de Leite, na finca Gayoso Castro. Para estes traballos a Deputación destina preto de 180.000 euros, que supoñen unha mellora do proxecto inicial de construción desta nova infraestrutura. Con estas actuacións, que comezarán nos vindeiros días, quedará practicamente finalizado o conxunto da obra da Granxa Experimental de Leite.

Pilar García Porto lembrou que esta iniciativa “é froito dun convenio de colaboración da Deputación coa USC, pois nestas instalacións fará as prácticas o alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior, ademais de labores de investigación. O que se vai facer é dotar a superficie, duns 5.000 m2, dun pavimento formigonado. Con este material non é necesario facer reparación periódicas, pois ten unha vida útil de 10 anos”.

Mantemento dos vehículos do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro

Ademais, o Executivo aprobou a licitación do contrato de subministración de materiais e repostos para o mantemento e reparación dos vehículos do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro. O orzamento base de licitación ascende a 95.500 euros e conta cunha duración de dous anos. O contrato divídese en 4 lotes: pezas, repostos e aceites para o conxunto de vehículos e máquinas da Deputación; pneumáticos; ferramentas; e material de limpeza de automóbiles.

“Esta é a primeira vez que se realiza un contrato conxunto de pezas para o parque móbil ou calquera vehículo. Con esta contratación establecemos unha compra centralizada, conseguindo prezos máis competitivos e axilizando tamén os trámites e os procedementos administrativos”, subliñou Pilar García Porto.

2 ideas sobre “A Deputación de Lugo aproba axudas para o sector agrogandeiro

  1. ROBERTO GARCIA

    Outra axuda máis da Deputación a Unions Agrarias.
    39.000 e a semana anterior.
    Formación do “Prende”
    ESTO É UN ESCANDALO

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información