Deleite lanza en España o leite A2, un leite natural máis dixerible

O leite convencional presenta unha combinación de dúas proteínas, a betacaseína A1 e a betacaseína A2. A marca galega logrou producir de xeito natural leite que só contén a betacaseína A2, o que proporciona unha dixestión máis confortable, entre outros beneficios

Deleite lanza en España o leite A2, un leite natural máis dixerible

A marca galega Deleite, impulsada por gandeiros galegos, está a lanzar ó mercado o leite A2, caracterizado por ser máis dixerible que o leite convencional, entre outros beneficios. O leite A2 é un leite puro e natural, sen aditivos, que destaca por conter só proteínas con betacaseína A2. É unha pequena pero significativa diferenza. O leite convencional presenta unha combinación de dúas betacaseínas, A2 e A1. O que fai especial ó leite A2 é a ausencia da betacaseína A1, que, entre outras cuestións, relaciónase con molestias dixestivas nunha parte da poboación.

O leite A2 comezouse a producir e a elaborar hai máis de 15 anos en Nova Zelanda, desde onde se extendeu a outros países como Estados Unidos, China ou Australia. Esta será a primeira ocasión en que o leite A2 se produce e se comercializa a gran escala en Galicia e no resto de España, constituíndo tamén un fito a nivel europeo, onde só houbo ata o de agora pequenas experiencias.

Un leite natural 100% galego
Como se obtén o leite A2?. O leite A2 é producido de xeito natural polas granxas que lle entregan a Deleite, que durante os últimos anos seleccionaron vacas que producen leite que contén só a proteína con betacaseína A2. Esta selección dos animais, que se fai cun sinxelo test de ADN, permite garantir que todo o leite comercializado pola marca Deleite é leite A2.

A maioría das ganderías que lle entregan á sociedade están aínda no proceso de conversión dos seus rabaños a vacas A2, pero recollen en tanques independentes o leite A2 e o leite convencional, de xeito que ambos leites son tamén transportados e procesados de xeito independente, un proceso que está sometido a unha dobre certificación.

Deleite comercializará a partir de agora só leite A2, de xeito exclusivo, se ben a outra marca de Leite Noso, Muuu, adicarase previsiblemente a leite convencional 100% galego, para a súa comercialización a nivel estatal, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o director de Leite Noso, Pedro González.

Estabilidade para as granxas e prezo diferenciado
As granxas que lle entregan a Deleite leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un prezo diferencial, por riba do que se paga polo leite convencional. Deste xeito, a marca galega, impulsada polos propios gandeiros, consolida a súa aposta de pagar no campo prezos xustos e con contratos estables a 3 anos.

O director de Leite Noso, Pedro González, cifra en 5 céntimos o plus que está a pagar a marca no campo polo leite A2. “En leite convencional, estamos na gama alta de prezos, e polo leite A2 estamos pagando unha prima de 5 céntimos, a maiores das primas de calidade”, explicou.

Nos puntos de venda, Deleite pasa a situarse na liña de prezos das marcas premium, se ben cunha oferta de lanzamento estas primeiras semanas. Leite Noso ten previsto desenvolver unha campaña de marketing en toda España para dar a coñecer e posicionar o seu leite A2.

Tres dos gandeiros que lle entregan a Deleite o leite A2: Jesús Martínez (Vilasantar), Carlos Fernández (Touro) e Xusto Sánchez (Ponteceso), na presentación de hoxe.

Tres dos gandeiros que lle entregan a Deleite o leite A2: Jesús Martínez (Vilasantar), Carlos Fernández (Touro) e Xusto Sánchez (Ponteceso), na presentación de hoxe.

Distribución
Deleite está a iniciar estes días en Galicia a comercialización do seu leite A2 e nas próximas semanas extenderá a súa distribución ó resto de España.

Coincidindo co lanzamento do Deleite A2, Leite Noso está a ampliar ademais a súa rede de distribución na comunidade. A maiores dos supermercados de Vegalsa – Eroski, grupo Cuevas (Aquí, Plenus), Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés e tendas tradicionais, onde xa se comercializaba Deleite, desde agora pode atoparse tamén nos supermercados Froiz e Gadis. Parte dos establecementos xa teñen a venda o leite A2 e o resto porao nos liñais estes días.

O leite A2 comercialízase en formato litro en versión enteira, semi e desnatada, así como en dúas opcións sen lactosa (semi e desnatada). Tamén se lanza en formato de mini-briks de 200 mililitros, e proximamente completarase este formato cunha gama de leite con cacao.

Beneficios do leite A2

Os estudos clínicos comprobaron que as persoas que teñen molestias dixestivas bebendo leite convencional -que son arredor dun 34% da poboación en España (EFSA, 2010)- declaran sentirse mellor bebendo leite A2, cunha dixestión máis confortable. As investigacións demostraron que co leite A2 redúcense nestas persoas a dor abdominal e os gases, en comparación co consumo de leite convencional, segundo explicou Marcial Gende, técnico de Leite Noso, hoxe na rolda de prensa de presentación do Deleite A2

Os beneficios do leite A2 complétanse co seu positivo efecto a nivel inmunolóxico, pois constatouse que o seu consumo reduce os marcadores inflamatorios intestinais, diminúe a presenza do aminoácido BCM-7, que pode ter efectos adversos na saúde, e aumenta a produción natural do antioxidante glutatión.

O leite orixinal
O leite A2 é un leite completamente natural e de feito considérase o leite orixinal, pois ata hai 10.000 anos as vacas só producían leite A2. As granxas que suministran a Deleite seleccionaron vacas que producen só leite A2. O resto das granxas entregan un leite convencional que presenta unha mestura de proteínas con betacaseínas A2 e A1.

Parte dos problemas de intolerancia ó leite que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1. Para as persoas que certamente non poidan consumir lactosa, Deleite lanza tamén un leite A2 sen lactosa.

Sobre Leite Noso

Leite Noso é unha sociedade impulsada por gandeiros galegos que naceu co obxectivo de asumir a transformación e comercialización do leite das súas granxas provedoras. A sociedade iniciou no 2016 a comercialización da marca Deleite en diferentes cadeas de distribución e tendas de proximidade de Galicia, realizando tamén unha experiencia a nivel estatal coa marca Muuu por medio dun acordo con Carrefour.

Leite Noso, que se situou na súa primeira etapa como unha ‘marca xusta’ de leite galego de calidade, engade agora un plus ao seu posicionamento entre os consumidores. Sen perder a súa esencia orixinal, Leite Noso centrouse na diferenciación desde a orixe coa produción de leite A2, que se sitúa no mercado como o mellor leite natural posible.

Una idea sobre “Deleite lanza en España o leite A2, un leite natural máis dixerible

  1. Soidade

    E con qué son alimentadas esas vacas?
    Porque unha grande cantidade de vacas para leite en Galicia son alimentadas con millo transxenico.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información