A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizará os vindeiros 20 e 22 de setembro dous cursos sobre o manexo do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC). Será no centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos, o primeiro deles en horario de tarde (16:00 a 20:00 horas) e o segundo en horario de mañá (10:00 a 14:00 horas).
Estes cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Así, a finalidade principal deste curso é dar a coñecer os usos desta ferramenta dixital, cuxa utilización é obrigatoria en España para realizar as solicitudes de axudas directas da PAC e das de desenvolvemento rural que, no marco do Sistema integrado de xestión e control, estean baseadas na declaración de superficies. Na parte práctica, ensinaráselles aos participantes a navegar por dita plataforma e sacar a información que precisen.
Os interesados poden inscribirse a través do formulario de asistentes dispoñible nesta ligazón, enviándoo posteriormente cuberto ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 982889103.