A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (FEARMAGA) organiza un novo curso de ‘Marca corporativa e márketing dixital na industria forestal-madeira’ dirixido a empresas do sector. A iniciativa, que se desenvolverá o próximo mes de setembro de maneira presencial e en liña, ten como obxectivo mostrar ás empresas a importancia de contar cunha boa presenza en liña para ofrecer novas canles aos seus clientes e captar novos nichos de mercado.
O curso inclúe formación adaptada ás necesidades mostradas polas empresas e incide na importancia de contar cunha estratexia dixital que parta da páxina web ata alcanzar unha visión máis global. Os participantes coñecerán as ferramentas máis importantes do márketing dixital como o email márketing, as redes sociais ou o E-commerce.
A nova edición do curso incluirá exercicios prácticos nos que as propias empresas poidan deseñar e poñer en marcha as súas propias campañas en redes sociais. Esta práctica estará enfocada na implementación en dúas redes sociais: a creación dunha campaña en Facebook para comprar madeira a propietarios, dirixido a empresas da industria da madeira; e o deseño doutra campaña para vender produtos a través de Instagram, dirixida a pemes e autónomos con tenda web.
Inscrición gratuíta e equipo de docentes especializados no sector
A inscrición ao curso é gratuíta, e permanece aberta ata completar aforo. A información e contidos do curso, así como o acceso para as inscricións, están dispoñibles na páxina web de Fearmaga:
http://maderasdegalicia.com/taller-marca-e-márketing-dixital-fearmaga-2023/
O equipo de docentes está formado por expertos en márketing dixital e a industria forestal-madeira. Está dirixido por Manolo Rodríguez, xornalista con máis de 25 anos de experiencia no mundo dacomunicación e especializado en márketing e estratexia dixital. Ademais de formador en cursos e másteres de márketing dixital, é autor do blogue desenrolandolared.com, no que analiza tendencias no campo da estratexia dixital, as redes sociais ou o posicionamento SEO.
O futuro é de madeira
Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais na nosa comunidade.
Esta iniciativa desenvólvese cofinanciada por XERA – Axencia Galega da Industria Forestal. O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores