O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do Grupo Operativo DIXITEGA continúa para ter lista a plataforma tecnolóxica a finais de 2024. Tras o seu inicio en 2022, o proxecto DIXITEGA atópase inmerso na terceira fase de traballo de desenvolvemento e testeo da aplicación e, en paralelo, realizaranse varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector.
Nos próximos meses, entre finais de xaneiro, febreiro e marzo, están programadas cinco sesións na EFA Fonteboa (Coristanco) e no CFEA de Sergude (Boqueixón). O obxectivo será achegar aos futuros traballadores e traballadoras das explotacións agrogandeiras de Galicia ao uso das tecnoloxías e modelos avanzados de xestión dixital. En xeral, o alumnado destes centros de formación agrogandeiros son nativos dixitais e excelentes prescritores de ferramentas e aplicacións na súa contorna máis próxima. As formacións, con orientación práctica, serán conducidas por DIH DATAlife, un dos colaboradores do Grupo Operativo DIXITEGA.
A primeira cita terá lugar no Centro de Formación Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) este xoves 25 de xaneiro de 10:10 a 11:00h e de 11:30 a 12:20h. Participarán, respectivamente, o alumnado do 2º ciclo superior en Paisaxismo e Medio rural e do ciclo medio en Gandería. Ademais de abordar a importancia do tratamento e protección de datos, oportunidades de financiamento ou ferramentas como o caderno dixital ou a administración electrónica, mostraranse exemplos de aplicacións interesantes para as ganderías. O equipo de DIH DATAlife tamén repasará casos de éxito en uso de ferramentas dixitais.
O luns, 19 de febreiro, a EFA Sergude acollerá outras dúas sesións de 11 a 11:30h e de 12:30 a 13:30h dirixidas ao alumnado do ciclo medio de Produción agropecuaria. En marzo, a formación estará dirixida ao ciclo superior Gandería e asistencia en sanidade animal e terá un carácter máis práctico. Os asistentes realizarán un traballo coa ferramenta de sensorización e análise de datos aplicada ás producións agrarias AGRICOLUS (https://www.agricolus.com/es/).
O verán pasado, os socios do GO DIXITEGA abriron un proceso participativo para consultar a opinión a unha mostra de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento durante o que se constatou a necesidade de contar cunha plataforma TIC sólida e flexible para a IGP Ternera Gallega. Esta ferramenta busca facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da indicación xeográfica dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións.
Ao mesmo tempo, a implementación de tecnoloxías dixitais na cadea de valor da produción de carne con indicación xeográfica protexida facilitará a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. Do mesmo xeito, a dixitalización neste segmento fará posible que a produción cárnica galega sexa, para os próximos anos, máis competitiva e sostible, tanto económica como social e ambientalmente. Resólvese deste xeito unha das necesidades máis importantes do sector para o futuro.
O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador de las IGPs de Carne de Vacuno de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.
Que son os Grupos Operativos?
O proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Os Grupos Operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a encontrar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural (agricultura, gandería, forestal etc.).