Cuarta baixada consecutiva na subasta de lácteos de Fonterra

A Comisión Europea estudará medidas para afrontar a crise do sector lácteo

A plataforma de subastas Global Dairy Trade (GDT), a principal referencia internacional no mercado de produtos lácteos industriais, vén de experimentar a cuarta baixada consecutiva de prezos na súa última subasta. O GDT, impulsado pola neozelandesa Fonterra, caiu unha media dun 2,8 % na subasta de onte, a cuarta que celebra este ano. Por produtos, a manteiga baixou un 2,3 %, o leite en po desnatado un 3,7% e o queixo cheddar un 5,6 %.

gdt grafico

As dificultades que experimentan os mercados internacionais e a propia saturación de leite nos mercados internos da UE está levando á Comisión Europea a plantearse novas medidas de apoio ó sector lácteo, que se debatirán en marzo. Francia pediu que a Comisión adopte medidas para limitar os aumentos da producción, tales como abonar un complemento por litro ós gandeiros que voluntariamente decidan non aumentar as entregas.

Cooperativas e organizacións agrarias europeas, agrupadas no Copa-Cogeca, pediron tamén un aumento dos prezos de intervención do leite en po, de xeito que se poidan retirar maiores volumes de leite do mercado cun menor impacto sobre a economía das granxas.

Por parte galega, está prevista unha viaxe da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a Bruxelas a próxima semana para reunirse cos directores xerais de Mercados e de Desenvolvemento Rural. Vázquez ten previsto pedir medidas que contribúan a regular a produción e tamén apoiará a demanda dunha mellora dos prezos de intervención.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información