Criticas ao plan da Xunta para o rural por “ser as medidas xa recollidas no actual PDR”

Criticas ao plan da Xunta para o rural por “ser as medidas xa recollidas no actual PDR”

Aldea con actividade gandeira na Baña (A Coruña)

O suposto Plan para Fixar Poboación no Rural aprobado este xoves no Consello da Xunta está a suscitar críticas pola súa falta de concreción, principalmente no relativo ao financiamento adicional co que debería contar para poder financiar as 23 medidas anunciadas.

O presidente Feijóo anunciou que mobilizaría 230 millóns ata o ano 2020 para pór en valor unhas 330.000 hectáreas, crear uns 3.000 empregos no agro e incorporar a uns 2.200 mozos e mozas á actividade agrogandeira, pero sen embargo non concretou a orixe dos recursos.

Neste sentido, Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela especializado en economía agraria e un dos artífices do anterior Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013, amosa as súas dúbidas sobre a existencia deste plan “empezando porque foi un informe que se presentou no Consello da Xunta, e non un acordo, a través do que si se poderían comprometer fondos”.

“O que se anuncia son unha serie de liñas que xa figuran no actual PDR de Galicia 2014-2020 e que se empaquetan e presentan publicitariamente como un plan, pero non se vai poñer en marcha nada novo do que xa está recollido no actual PDR”, asegura o profesor da USC.

Como exemplo, afirma que “os 65 millóns que se anuncian para relevo xeneracional coinciden coas axudas do PDR que están prevista ata o 2020 para incorporación de mozos e mozas ao agro”. Deste xeito, do actual PDR galego, dotado con 1.186 millóns de euros -uns 300 menos que o anterior-, e que nun 75% está financiado pola Unión Europea, o suposto Plan para Fixar Poboación no Rural comprometería un investimento de 230 millóns.

“Espero que o resto do PDR non se empaquete por anacos de forma publicitaria como un plan para ao sector forestal ou para as industrias agroalimentarias, cando non hai nada novo”, advirte Edelmiro López.

“Rematar as 120 concentracións parcelarias pendentes antes do 2020 vai ser moi complicado”

Pola súa parte, o secretario de gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias recoñece que “é moi difícil valorar o que non se coñece, porque de momento non hai nada concreto dese plan e da que pensar que non son máis que as medidas do PDR”. Ademais, amosa a súa extrañeza porque “ás organizacións do sector nada se nos consultou por parte do goberno da Xunta”.

“En todo caso, e dado que o presidente Feijóo se comprometeu a que esta sería a lexislatura do rural, mantemos a confianza en que cumpra a súa palabra e concrete e cumpra este plan e as medidas do PDR”, asegura.

En canto ao compromiso do presidente da Xunta, incluído neste suposto plan, de finalización dos 130 procesos de reestruturación parcelaria abertos agora mesmo e que afectan a 92.000 propietarios e a máis de 117.000 hectáreas, Javier Iglesias considera que “será moi difícil, porque se trata dun proceso moi garantista a nivel legal, o que alonga os prazos ata que os novos propietarios podan poñer a producir as parcelas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información