A importación de leite e nata sen concentrar para o seu procesado en industrias lácteas españolas disparouse durante a crise do coronavirus, segundo revelan as estatísticas de comercio exterior. En abril, entraron en España 30.200 toneladas de leite e nata sen concentrar, máis do dobre que no mesmo mes do 2019, cando foran 13.200 toneladas. Os datos confirman o que xa viñan denunciando organizacións agrarias, cooperativas e mesmo industrias galegas, o aumento da entrada de camións cisterna de leite a baixo prezo.
Ese aumento das importacións de cisternas de leite, procedentes tanto de Francia como de Portugal, está a xerar tensións no campo, pois as granxas tiveron que competir estes últimos meses nun mercado con maiores volumes de leite. O problema agrávase porque segundo se critica desde o sector, as importacións correspóndense ademais con excedentes que as industrias de Francia e Portugal canalizan cara a España a menores prezos.
Dos aumentos na importación de leite, cómpre destacar que semellan quedar á marxe as factorías lácteas ubicadas en Galicia, pois os datos de comercio exterior correspondentes á comunidade amosan mesmo unha diminución das importacións de leite en abril en relación ó mesmo mes do pasado ano.
Situación en Europa
As dificultades que se produciron estes meses no comercio internacional fóra da UE xeraron excedentes no sector lácteo de Francia e doutros países de Centroeuropa. A esa situación hai que unirlle os peches temporais da hostalaría e restauración nos distintos países da UE, outro factor que fixo aumentar a oferta de lácteos comunitarios a nivel interno.
Tal escenario provocou un aumento das exportacións doutros países cara a España a partir de abril, último mes con datos. A maior entrada de produtos lácteos do exterior percibiuse sobre todo nas cisternas de leite e na compra de queixos para as cadeas de supermercados. As importacións de queixos medraron case un 50% en abril en comparación co mesmo mes do ano anterior, 37.200 toneladas este ano fronte a 25.400 en abril do ano pasado.
En conxunto, en leite equivalente, o aumento das importacións en abril de leite e queixos móvese no entorno das 100.000 toneladas de leite, unha situación que preocupa no campo, logo de que durante os últimos anos se foran reducindo as importacións de lácteos e case desaparecera a entrada de leite en cisternas procedente dos países veciños.