As cooperativas agrogandeiras galegas facturaron 1830 millóns de euros en 2019

As cooperativas agrogandeiras galegas facturaron 1830 millóns de euros en 2019

Asemblea xeral de AGACA

As 88 entidades que integran directamente a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e representan a máis de 28.000 agricultores e gandeiros foron convocadas para participar na XXXII Asemblea Xeral Ordinaria, que se celebrou este mércores en Santiago para analizar a actividade desenvolvida en 2019 e os proxectos para o ano actual, especial pola Crise covid-19. 

Durante esta asemblea, con asistencia presencial e a través de videoconferencia, AGACA puxo en valor” o comportamento exemplar” das cooperativas durante a pandemia, “moitas das cales tiveron que desdobrar quendas, extremar medidas de seguridade alimentaria e reorganizarse para aumentar a subministración de alimentos e demostrar por que o campo e a gandaría son sectores esenciais para a sociedade”.

Crecemento

Datos estimados mostran que en 2019 as cooperativas asociadas a AGACA facturaron máis de 1.150 millóns de euros e máis de 680 millóns as sociedades mercantís da súa propiedade, o que fai un montante global de 1.830 millóns de euros, que representa un incremento aproximado do 2% respecto ao exercicio anterior.

Así mesmo, as entidades suman preto de 6.0000 empregados entre cooperativas e empresas da súa propiedade, ao que hai que engadir o emprego indirecto xerado.

Reactivación da economía

AGACA destacou ao longo da súa asemblea xeral o papel estratéxico do sector agroalimentario, que continuou e reforzou a súa actividade diaria para garantir o abastecemento de alimentos con responsabilidade e seguridade alimentaria, e valorou o forte compromiso social das cooperativas, que efectuaron doazóns de alimentos, diñeiro e equipos de protección individual e labores de desinfección de rúas en diferentes vilas, entre outras iniciativas.

Porén, lembran desde a asociación que “neste momento é prioritario reactivar plenamente os mercados máis afectados, como son o de vacún de carne, moi sacudido polo peche da canle Horeca, e o de carne de aves, con prezos aos gandeiros moi baixos que non garanten rendibilidades mínimas. Tamén é prioritario o apoio ás adegas cooperativas na comercialización nacional e internacional dos excelentes viños galegos para facer fronte á vendima que se aproxima, así como un apoio especial ao sector de flores e plantas vivas, que non puido comercializar a abundante produción de primavera”.

Por iso, AGACA valora o acordo orzamentario de Bruxelas do pasado 21 de xullo que dá estabilidade ao sector agrario, aínda que considera que a redución do orzamento da PAC nun 10% vai afectar á competitividade do sector. “Esta redución non é o mellor sinal para un sector produtor que, tras a presentación das propostas de estratexias Da granxa á mesa sobre sustentabilidade ambiental e para unha recuperación da Biodiversidade en 2030, debe afrontar importantes retos de cambio de modelo produtivo nun contorno de mercados competitivos”, sinalan dende AGACA.

Por tanto, as cooperativas agroalimentarias esperan o acceso aos Fondos de Reactivación Económica que poñan en marcha as diferentes administracións, e que “se persiga a banalización dos alimentos na desequilibrada cadea alimentaria”. “É necesario que as axudas de reactivación cheguen ao sector agrario e gandeiro e que non volvan os prezos irrisorios para os produtores agrarios e gandeiros”, defenden.

Impulso á Igualdade de Oportunidades

A XXXII Asemblea Xeral Ordinaria tamén debateu e aprobou a constitución e o Regulamento da Comisión de Igualdade de AGACA, adaptándose ás novas circunstancias tras a constitución da asociación “Nós as Mulleres”. AGACA alcanza o compromiso organizativo de seguir impulsando a igualdade no ámbito agrario, rural e cooperativo.

Plan Estratéxico do Cooperativismo Agroalimentario

Ao longo de 2020, AGACA está a debater coas cooperativas o deseño dun Plan Estratéxico conxunto que as guíe no presente decenio.

O Plan Estratéxico pretende extraer unha proposta de valor para os socios das cooperativas, para os clientes e consumidores, para a contorna social e o medio rural e para as administracións públicas. Para o deseño destas propostas de valor, toma como referencias os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable aprobados pola ONU e o Plan Estratéxico da PAC para España.

Retos de futuro

Por outra banda, AGACA demanda ás administracións a súa colaboración para lograr unha sustentabilidade económica das explotacións que permita que os produtores manteñan a súa rendibilidade para poder avanzar na sustentabilidade ambiental.

Ademais, AGACA solicita ás administracións unha defensa firme do sector ante a imposición dos aranceis de EEUU ao sector do viño e os novos aranceis que se van xerar co Brexit aos produtos galegos.

Finalmente, as cooperativas demandan unha aplicación esixente da PAC de maneira que reciban apoios aqueles agricultores e gandeiros que se dedican preferentemente a esta actividade.

Ademais, ao longo da asemblea abordáronse iniciativas en marcha impulsadas por AGACA ás que poden acceder ás cooperativas socias como son:

O impulso á Economía Social.
A internacionalización dixital das cooperativas.
Os apoios á incorporación da mocidade á Economía Social.
A mellora da competitividade das explotacións de vacún de leite en relación á pegada de carbono.
O apoio formativo á incorporación da juventuda a actividadagroganadera.

Destacouse tamén o traballo realizado para o impulso da representación e promoción das cooperativas galegas levada a cabo por AGACA ante as distintas administracións. Ademais, AGACA apoia alianzas entre cooperativas que impulsen a transformación e valorización das producións, ou proxectos que contribúan ao relevo xeracional e á presenza de mulleres nos consellos reitores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información