Convocadas as axudas da Xunta para compra de maquinaria forestal

Por primeira vez establécense cinco liñas definidas: sobre a xestión forestal activa, sobre a madeira e a biomasa, sobre a castaña e a resina, sobre o valor engadido na primeira transformación da madeira e sobre a xestión empresarial

Publicidade

Administración convocante: Axencia Galega da Industria Forestal

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230217/AnuncioG0520-110123-0003_gl.html

Prazo: Ata 18/03/2023

Resumo:

A Axencia Galega da Industria Forestal, a través da Consellería de Medio Rural, convoca este ano 9 millóns de euros en axudas destinadas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos.

Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria, que por primeira vez establece cinco liñas definidas para asegurar o investimento en maquinarias para a silvicultura, para o aproveitamento comercial da castaña e da resina ou para a clasificación estrutural de madeira.

O principal obxectivo é impulsar a industria forestal-madeira e mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas.

Así, a primeira liña comprende todo o relativo á xestión forestal activa, un piar fundamental en materia de desenvolvemento rural. Refírese aos tratamentos silvícolas, que conducen cara á creación dun conxunto de árbores con condicións excelentes para obter produtos de valor engadido. Deste xeito, está dirixida á maquinaria necesaria para levar a cabo operacións silvícolas, como procesadoras e taladoras.

A segunda refírese á madeira e biomasa, relacionada co acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla, con maquinaria como autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, así como procesadoras, taladoras e outros equipamentos de corta. Tamén poden ser obxecto de axuda a maquinaria específica, apeiros e implementos que permiten un aproveitamento comercial de biomasa forestal no monte, asteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

A terceira liña dedícase á maquinaria específica ou equipamentos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte, así como ao acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación. Esta liña tamén vai dirixida a bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina.

No relativo á liña dedicada ao valor engadido na primeira transformación da madeira é a primeira vez que se inclúe unha sección específica dirixida a posibilitar a compra de equipos portátiles para a clasificación estrutural de madeira, para a maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade da materia prima e de produtos serrados intermedios ou finais. Tamén para maquinaria e instalacións destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada.

A quinta e última liña abrangue os plans e ferramentas de xestión empresarial, dirixida á implantación da cadea de custodia de madeira certificada e/ou normativas de calidade ou garantía, marcado CE e plans de mellora de xestión empresarial.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. Poderán beneficiarse delas as microempresas, medianas e pequenas empresas (pemes) do sector forestal radicadas en Galicia.

Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles. A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000 euros para as liñas 1 e 4; 50.000 euros para a liña 5 e 150.000 euros para as liñas 2 e 3.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. É dicir, até o 18 de marzo.

Consulta aquí as bases das axudas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información