‘Contra a moratoria, un modelo de monte sostible e equilibrado é posible’

O voceiro de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista, Martín Seco, analiza neste artigo de opinión algunhas das primeiras consecuencias que está a traer o novo Plan Forestal, como a moratoria do eucalipto

‘Contra a moratoria, un modelo de monte sostible e equilibrado é posible’

Plantación de eucalipto. // Foto de archivo.

Os e as socialistas de Galicia fomos moi críticos co novo Plan Forestal que o goberno de Feijóo aprobou hai uns meses. Difícil crer que o PP desexe planificar algo cando non fai unha análise da situación sobre a que establecer o modelo de monte que desexa implantar, e cando xustifica todo nunha suposta flexibilidade na que todo cabe e na que só saen beneficiados uns poucos.

Galicia representa o 50% da produción madeireira de toda España, pero só aporta o 13% da renda estatal do sector e unha porcentaxe similar do total do emprego. Ademais, a súa contribución é inferior á que tiñamos na última década do século pasado, a industria local e comarcal foi desaparecendo e carecemos dun sector industrial que transforme a madeira e deixe un maior beneficio na nosa terra.

O voceiro socialista de Medio Rural Martín Seco.

O voceiro socialista de Medio Rural, Martín Seco.

Despois de establecer en dito Plan Forestal un incremento dunha “descoñecida” superficie de eucalipto nun 3% no quinquenio 2021-2025, o goberno da Xunta anunciou no propio debate parlamentario unha moratoria “en diferido” das plantacións de eucalipto alí onde non estivese plantado antes desa suspensión.

Feijóo lanzou unha mensaxe de “sálvese quen poida” ao noso rural, e conseguiu que nun mes se esgotaran as existencias de eucalipto nos viveiros e que os madeiristas foran incapaces de cortar todo o monte de piñeiro e outras especies que lles ofertaban os propietarios coa única condición de facelo no menor prazo posible e, consecuentemente, cunha importante depreciación da madeira.

O goberno non explicou quen foi beneficiado desta incomprensible intervención no mercado da madeira dun suposto goberno liberal e a que prezo estivo pagando a industria o piñeiro durante case cinco meses. O que está claro é que moitos cidadáns humildes do noso país sufriron unha depreciación dos seus bens nun duro momento de crise, e que o eucalipto nalgunhas partes do noso territorio incrementouse de xeito alarmante durante estes cinco meses.

Nestas datas vimos como aparecían múltiples sancións a pequenos propietarios forestais por toda Galicia e, tres días despois de que a consellería anunciase a moratoria, apareceu publicado un proxecto de macroplantación de eucalipto equivalente a 760 campos de fútbol no entorno das Pontes, no distrito forestal de Galicia con maior porcentaxe desa especie segundo o estudo do grupo de investigadores Smartforest. É dicir, as políticas do PP seguen beneficiando aos poderosos, aos que permite macroplantacións nas zonas de monocultivo de Galicia, mentres castiga aos pequenos propietarios forestais sen a posibilidade de acudir a unha pequena renda forestal polas súas propiedades.

Este grupo de investigadores independentes volve poñer de manifesto que a solución está na planificación dos distritos, como defendemos dende o PSdeG dende hai tempo, cunha xestión sostible do monte baseada en catro eixos.

“Hai que romper as actuais tres Galicias forestais: a do monocultivo de eucalipto, a do abandono da montaña oriental e a da conflitividade e inseguridade da franxa central”

En primeiro lugar, a planificación e o cumprimento da lei, que debe desenvolver con axilidade os plans de ordenación de todos os distritos de Galicia, apoiando as actuacións que están na lei e vixiando as que non. En segundo termo, establecendo un modelo de xestión forestal asentado no territorio que regule o que pode facer cada xestor forestal e fixando como unidade da xestión ao propio xestor, que debera ter unhas superficies dedicadas á produción e outras á conservación, como os modelos que se aplican na agricultura para a PAC. Como terceiro eixo, cómpre establecer o monte como base de desenvolvemento da gandería e outras actividades agrarias. Por último, o reequilibrio territorial: hai que romper as actuais tres Galicias forestais (a do monocultivo de eucalipto, a do abandono da montaña oriental e a da conflitividade e inseguridade da franxa central), permitindo as plantacións de distintas especies por todo o territorio e rompendo o monocultivo en certos distritos e a imposibilidade de plantar algunhas especies noutros.

Un modelo de monte sostible e equilibrado é posible en Galicia, só hai que ter vontade política.

* Martín Seco García

Martín Seco García é o voceiro de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información