Consumidor informado, consumidor concienciado

As cadeas de distribución e as industrias culminarán este mes o proceso de identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos, que se indicará tanto nos envases como nas estanterías dos supermercados e nos folletos promocionais

Publicidade
Consumidor informado, consumidor concienciado

Os supermercados non informan da orixe dos produtos no lineal.

De onde veñen os produtos lácteos que se venden no supermercado? Ata o de agora, o consumidor non o tiña fácil para discernir a orixe do leite e dos queixos que mercaba. Os envases recollen o punto de envasado, que non sempre se corresponde co de orixe da materia prima, pois hai leite envasado en España que vén de fóra e tamén queixos producidos ou loncheados en España con leite ou queixos a granel importados. Outras veces cómpre ler a letra pequena do envase para coñecer a orixe. Este mes, sen embargo, mudará a situación.

Os supermercados comprometéronse a identificar nas estanterías e nos folletos promocionais a orixe do leite, cousa que tamén farán as industrias nos seus envases. Industrias e supermercados manteñen hoxe unha xornada técnica sobre contratación no ámbito lácteo na que tamén abordarán a cuestión da orixe do leite.

Máis do 70% da publicidade sobre lácteos non inclúe ningunha mención á orixe, segundo Agricultura

A expectativa é que a partir deste mes todas as cadeas da distribución indiquen a procedencia dos produtos lácteos, tal e como pactaran en setembro no acordo asinado polo sector co Ministerio. Unha análise elaborada polo Ministerio de Agricultura sobre a publicidade das cadeas de distribución atopou no último trimestre do ano que só arredor do 20-30 % dos folletos e insercións publicitarias relacionadas cos lácteos incluían mención expresa á orixe do leite.

Certificacións
En canto ós envases das industrias, en España xa funcionan dúas certificacións rexionais que garanten a orixe autóctona do produto, caso de Galega 100% en Galicia e de Tierra de Sabor en Castilla y León. Agricultura aposta por reimpulsar a marca Productos Lácteos Sostenibles (PLS) para a identificación do leite producido en España, se ben desde o sector agrario avógase por unha mención explícita nos envases á orixe do leite e por traballar para que a marca PLS se enfoque a facer cumprir o obxectivo para o que foi creada, o de garantir unha cadea de valor sostible para o leite, con prezos axeitados para gandeiros e industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información