Comuneiros do Valadouro denuncian continuos ataques do lobo ao seu gando

Aseguran que a cabana cabalar que mantén a raia o mato nos montes do Xistral está a diminuir porque nos últimos anos non logran cubrir nin as necesidades de recría e demandan da Xunta medidas efectivas de control da especie

A Comunidade de Montes de Santo Tomé ten unhas 80 eguas

A Comunidade de Montes de Santo Tomé ten unhas 80 eguas

Yoel Pena é un mozo de 20 anos que ten 70 vacas e 30 cabalos no monte comunal de Santo Tomé, no concello do Valadouro. Perdeu un poldro o pasado domingo e pon voz a un problema recurrente nos últimos anos para todos os gandeiros e todas as comunidades de montes do Xistral: o importante incremento dos ataques do lobo ao gando.

“Non conseguimos recriar poldras para nais porque nolas mata o lobo e as eguas vellas van morrendo, por iso cada vez somos menos os que temos cabalos no monte”, afirma Yoel. Pertence á CMVMC de Xestaca e Grandavella, unha das cinco que hai no concello do Valadouro (ademais da de Santo Tomé e Recaré están as de O Cadramón, Frexulfe, Alaxe e Vilacampa). Entre todas manexan unha superficie dunhas 5.000 hectáreas de monte comunal e todas teñen o mesmo problema para manter a salvo os seus rabaños.

As comunidades de Frexulfe, Vilacampa e Santa Cruz, colindantes con Santo Tomé tamén teñen vacas e poldros no monte e tamén sufriron baixas nos últimos meses. “En Frexulfe e no Cadramón xa van varias xatas. As vacas defenden máis ás crías, agrúpanse moito e para que lles collan unha becerra xa teñen que ser varios lobos. As bestas, en cambio, espántanse e marchan e deixan o poldro só”, explica Yoel.

A de Xestaca e Grandavella é unha das 5 comunidades de montes que hai no concello do Valadouro

Estes ataques, que antes eran máis frecuentes nas zonas altas do Pereiro e o Cadramón, danse cada vez máis tamén nas zonas máis próximas ás casas. É un problema recurrente motivado por diversos factores, entre eles o incremento da poboación de lobo en Galicia nos últimos anos e o descenso da poboación de gando, sobre todo cabalos, nos montes. A serra do Xistral, que comparten concellos como o do Valadouro, Muras ou Abadín, é unha das zonas de Galicia con maior presenza do lobo e os danos aos gandeiros son constantes. A preocupación é importante e foi quen de poñer dacordo en máis dunha ocasión aos seus rexedores, de cores políticas diferentes, para demandar da Administración medidas efectivas para o control da poboación de lobo e a minimización dos danos que provoca, o mesmo que reclaman gandeiros coma Yoel.

Xeolocalización mediante GPS

A comunidade de Santo Tomé manexa unhas 200 hectáreas de monte, das que 40 están a pradeira e o resto son pasto arbustivo. Na actualidade só catro veciños teñen cabalos no monte e algún máis vacas de carne. En total suman unhas 80 bestas e 170 cabezas de gando vacún. Coma noutras moitas comunidades de montes de Galicia, o lobo está a causar nos últimos anos importantes estragos nesta cabana gandeira. Até o punto de que non logran repoñer as baixas naturais cos nacementos que se producen ao longo do ano. “O 80% das bestas empreñan e paren cada ano, iso no noso caso serían unhas 50 ou 60 crías, pero con sorte só logramos que sobrevivan 3 ou 4 poldras cada ano e con iso non logramos repoñer, houbo un ano que mesmo tivemos que mercar recría porque só quedara unha”, describe Yoel.

O lobo antes mataba nas zonas altas, nos cumios, pero nas zonas baixas as bestas lograban sacar as crias adiante, agora xa non

Moitas das baixas non as poden nin denunciar porque os ataques do lobo prodúcense en zonas inaccesibles, así que simplemente as crias desaparecen e decátanse cando faltan nos recontos. E iso que na CMVMC de Xestaca e Grandavella contan desde fai 3 ou 4 anos con dispositivos GPS para xeolocalizar o gando. “Temos os cabalos divididos en 8 mandas e en cada unha delas temos unha egua cun colar GPS que se actualiza cada hora e que che dá a ubicación”, conta.

Foi deste xeito como o domingo pasado atopou malferido de morte un poldro de 5 meses. Noutras ocasións non teñen tanta sorte. “Moitos non se ven porque o monte é moi grande, falta o poldro pero non se dá atopado. Se o ataque se produce un día de néboa ou nun lugar inaccesible e non atopas o animal non podes nin denunciar o caso”, quéixase. Nesta ocasión os técnicos da Xunta que acudiron ao lugar certificaron que o ataque debeuse ao lobo e Yoel puido tramitar a correspondente solicitude dentro das axudas previstas para paliar os danos da fauna salvaxe.

“A indemnización non resolve o problema”

Imaxe das feridas provocadas polo lobo que causaron a morte o domingo a un poldro de 5 meses

Imaxe das feridas provocadas polo lobo que causaron a morte o domingo a un poldro de 5 meses

Neste caso Yoel probablemente recibirá unha indemnización (non sabe cando, porque na convocatoria do 2019, por exemplo, esgotouse o crédito, e moitas solicitudes foron denegadas por mor diso, aínda que a Consellería de Medio Ambiente estivo nos días previos ás eleccións comunicando aos afectados que se habilitarán fondos extra), pero a cantidade que poida recibir non cubrirá nin con moito o valor do animal, tasado nuns 500 euros.

Ademais, advirte Yoel, “as indemnizacións non resolven o problema, porque o que se necesitan son poldros para manter a cabana, de pouco serve que chos paguen cando chos mata o lobo, eu o que quero é velos medrar”. “Eu non teño nada en contra dos lobos, teñen tamén unha función natural para regular outras especies, pero hai que controlar a poboación, senón aumenta o lobo e acabanse as bestas”, engade.

Eu sei que ten que haber o lobo, pero ten que haber medidas de control da poboación porque estan acabando pouco a pouco coa gandería

O incremento na poboación de lobo no Xistral, igual que noutras zonas de Galicia, é algo que constatan as comunidades de montes do lugar. “Fai dous anos un día de neve de inverno vimos 7 xuntos. Lobo houbo sempre, pero antes mataba nas zonas altas, nos cumios, e nas zonas baixas lográbase o gando. Agora tamén ataca en zonas baixas e pouco a pouco está acabando coa gandería, porque cada vez somos menos os que temos gando e por iso os ataques sufrimolos tamén sempre os mesmos e cada vez en maior número”, razoa.

“Se desaparecen os cabalos terán que mandar cuadrillas con desbrozadoras”

Entre as medidas previstas no Plan de Xestión do Lobo en Galicia están incluídas as batidas, pero a súa efectividade é moi baixa. “A nós autorizáronnos unha batida o ano pasado a finais de agosto pero non demos con eles. Foi unha cacería controlada e autorizada pola Xunta”, explica Yoel.

Nas distintas parroquias do concello do Valadouro hai aínda medio cento de familias con gando no monte, tanto vacas como cabalos. Os cabalos non dan unha rendibilidade moi alta (aínda que a cotización da carne de poldro subiu nos últimos anos e págase neste momento aos gandeiros entre 2 e 2,20 euros o quilo), pero en moitos casos mantéñense por tradición familiar.

O poldro subiu nos últimos anos e págase neste momento aos gandeiros entre 2 e 2,20 euros o quilo pero a súa función vai máis alá da meramente económica

Ademais, a función das bestas no monte non é tan só económica. “Fan un traballo impecable porque regulan as brañas e axudan a manter os pastizais onde pacen as vacas. Pero cada vez hai menos cabalos e o monte está máis a bravo. Isto é unha cadea, o lobo non deixa que haxa recría, polo que cada vez hai menos gando no monte e medran os toxos. E iso prexudica ao conxunto da poboación. O Xistral é unha paisaxe preciosa da que todo o mundo presume, a Xunta, o Estado, a Deputación, pero o Xistral mantense así pola presenza do cabalo no monte e iso é algo que non lle custa un peso á Administración. Se o cabalo desaparece terán que mandar cuadrillas de xente con desbrozadoras”, advirte Yoel.

O Xistral, unha das reservas de cabalos de Pura Raza Galega

Poldros no curro de Santo Tomé

Poldros no curro de Santo Tomé

O Cabalo de Pura Raza Galega mantén unha poboación estable, con certas oscilacións, rondando entre os 1.200 e os 1.450 exemplares, a maior parte deles, femias. A Serra do Xistral, que comparten concellos como O Valadouro, Abadín, Muras ou Ourol, é unha das zonas de Galicia onde se mantén a presenza de cabalo galego grazas ao traballo, na maioría dos casos, das comunidades de montes.

A de Xestaca e Grandavella ten censados unha ducia de cabalos de pura raza galega. O resto son cabalos de monte autóctonos mesturados con outras razas. Os cabalos pasan todo o ano pacendo libres no monte, aínda que vixiados polos seus donos, que só os collen para desparasitar e para facer o censo anual.

O Xistral é unha paisaxe da que todo o mundo presume, a Xunta, o Estado, a Deputación, pero o Xistral mantense así pola presenza do cabalo no monte e iso é algo que non lle custa un peso á Administración

A rapa das bestas que ten lugar no curro de Santo Tomé e que tradicionalmente se celebra o primeiro domingo de agosto serve para identificar as poldras nacidas no último ano e para separar os poldros, que logo son vendidos. Ás nais e aos garañóns córtanselles as crins e desparasítanse para que engorden. Este ano a situación xerada polo coronavirus impedirá facer a rapa con público, coma todos os anos, e acompañada das habituais actividades complementarias, como feira, xogos e concursos. Mais sen esa compoñente lúdica a rapa será necesaria igual. “Facerémola nós sen público, rapar e desparasitar os animais hai que facelo igual, así que reuniremos as bestas un día e farémoslles os tratamentos”, conta Yoel, que con outros mozos da parroquia, como Pedro ou Christian, organizan todos os anos a rapa de Santo Tomé.

Os ataques multiplicáronse desde o ano 2015

Evolución do número de denuncias de gandeiros por ataques do lobo en Galicia, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente

Evolución do número de denuncias de gandeiros por ataques do lobo en Galicia (Consellería de Medio Ambiente)

Nos últimos 5 anos os avisos por danos causados polo lobo sobre o gando duplicáronse, pasando de 618 a 1.396 o ano pasado, segundo os datos facilitados pola Xunta. Como consecuencia destes ataques, no último ano teríanse producido en Galicia 2.321 mortes de animais, dos que 957 serían ovellas, 707 vacas, 441 cabalos e 216 cabras.

Por provincias, a de Lugo concentra a maior parte dos ataques e dos danos, con máis das metade dos avisos (800) e 1.136 cabezas de gando falecidas. A Serra do Xistral concentra boa parte dos ataques, con máis de 300 avisos só na primeira metade do ano. 

O feito de que cada vez haxa máis lobos e menos gando multiplica os ataques

Cada vez son máis os gandeiros que adoptan medidas de prevención, como a presenza de mastíns, pero iso non impide que os ataques medren ano tras ano. O feito de que cada vez haxa máis lobos e menos gando nos montes multiplica os ataques, mesmo en pradeiras de zonas baixas próximas a zonas habitadas.

Unha especie presente no 94% do territorio galego

Área de distribución do lobo estimada en Galicia segundo o último censo de poboación, empregando só os indicios atopados (esquerda) e tendo en conta ademais os datos de exemplares marcados e a distribución espacial das mandas (dereita)

Área de distribución do lobo estimada en Galicia segundo o último censo de poboación, empregando só os indicios atopados (esquerda) e tendo en conta ademais os datos de exemplares marcados e a distribución espacial das mandas (dereita)

“A área de distribución da especie estimada utilizando, ademais dos indicios atopados, os datos de áreas de campeo e presenza de mandas reprodutoras, supón un 94% do territorio galego, englobando a súa distribución a totalidade de Ourense, o 98% da provincia de Lugo, o 95% da Coruña e o 74% de Pontevedra. O lobo practicamente só está ausente nas áreas urbanas das grandes cidades e a periferia das mesmas, así como algunhas áreas costeiras do norte da Coruña, Lugo e Pontevedra”, admite a Consellería do Medio Ambiente no último censo sobre a presenza do lobo en Galicia, realizado no ano 2015.

A Xunta identificou no último censo do ano 2015 un total de 90 mandas de lobos, 21 máis ca as localizadas no 2003

As escoitas e seguementos permitiron identificar a presenza de 90 mandas reprodutoras no territorio galego, fronte ás 68 do anterior censo realizado, no ano 2003. Son mandas estables aínda que con grande mobilidade, cubrindo cada unha unha ampla zona de territorio. Son compartidas con outras comunidades autónomas e con Portugal un total de 14 mandas (o 15%): con Asturias 3, con Castela e León 6 e con Portugal 5.

“Os resultados deste traballo confirman que a presenza do lobo é xeneralizada en todo o territorio galego. Respecto dos censos previos realizados (ano 2003), nos que se estimaba unha poboación de 68 mandas de lobos, de maneira xeral, pódese concluír que as poboacións de lobo en termos xerais mantéñense e mesmo experimentaron un certo aumento en Galicia nos últimos 15 anos”, conclúe o informe da Xunta de Galicia.

Una idea sobre “Comuneiros do Valadouro denuncian continuos ataques do lobo ao seu gando

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información