San Miguel de Reinante, en Barreiros, celebra esta fin de semana a segunda edición da Feira gandeira de San Rosendo. O principal da axenda será a tradicional feira de gando, que terá lugar o domingo, pero a xornada alongarase desde mañá venres a toda a fin de semana.
Os actos centrais terán lugar o domingo a partir das 9.30 horas na Praza de San Miguel coa apertura da feira de gando e ás 10.00 coa apertura da feira de artesanía. Durante a xornada matinal terá lugar o concurso morfolóxico cabalar de Pura Raza Galega (PURAGA), que puntúa para o Campionato galego, e o Concurso morfofuncional de poldros de Cabalo Marchador Galego.
A xornada de tarde arrancará ás 16.30 horas coa Carreira de andadura Cabalo Marchador Galego, en categoría serrada e chapeada, e posteriormente celebrarase unha xincana de xogos ecuestres. Durante a fin de semana repartiranse máis de 3.500 euros en premios entre a feira e o resto das actividades que se organizan con gando cabalar, bovino ou caprino.
“O esforzo da Comisión para manter unha celebración que pon en valor a ganadaría e as razas autóctonas”, destacaron o deputado de Rural Daniel García e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, colaboradores coa cita. Ademáis, valoraron o papel que “esta actividade ten na dinamización económica e social do rural e na conservación do territorio”.
Dende a organización agradeceron a colaboración da área provincial e sinalaron que se trata dunha “axuda fundamental para que este tipo de feiras, que promoven as razas autóctonas e a artesanía galega, continúen existindo e medrando”.
Ademais das actividades no recinto feiral, o venres e o sábado celebraranse degustacións gratuítas de poldro de cabalo de Pura Raza Galega nos bares de San Miguel Cuplé, Vendaval, Rimar, Dulcería e Bodeguilla, unha iniciativa financiada por PURAGA. Tamén haberá actuacións musicais, o segundo trofeo San Rosendo de Fútbol, co partido entre Iberia CD e UD Pastoricense nas Valgas, e un torneo de billarda (no campo da festa).