Santo Tomé, no Valadouro, xuntará este domingo un cento de cabalos na súa rapa

Esta celebración, que pecha o calendario nos curros da comarca da Mariña, inclúe feira de gando, competicións ecuestres e xogos populares. Os ataques do lobo ao gando poñen en perigo a continuidade da celebración

Un dos mozos da parroquia participando na rapa

Un dos mozos da parroquia participando na rapa

As parroquias de Santo Tomé e Recaré, pertencentes ao concello do Valadouro, xuntarán o vindeiro domingo os poldros e cabalos do seu monte comunal na súa tradicional rapa das bestas. Un cento de cabalos serán baixados este ano ao curro de Santo Tomé, onde a comunidade de montes de Xestaca e Grandavella, organiza un ano máis a súa rapa, a última das que se celebran na comarca da Mariña. Trátase dunha cita na que ademais da marcaxe e corte das crins dos cabalos haberá tempo para os xogos populares, as competicións equinas e a feira de gando.

A festa comeza o vindeiro domingo, 4 de agosto, ás primeiras horas da mañá, coa baixada dos cabalos ao curro. Ás 11 horas os animais xa estarán no recinto para comezar coa imaxe máis vistosa do día, a marcaxe das poldras nacidas no último ano e o corte das crins de toda a cabana. Durante toda a xornada haberá feira de gando cabalar e vacún, na que os veciños aproveitan para vender algúns animais. Ademais dos cabalos, os comuneiros baixan tamén do monte as vacas e xatos que pacen en liberdade tanto para a súa venda como para o seu control e tratamento.

A programación continúa con sesión vermú e xantar campestre e, pola tarde, con propostas como tiro á corda e arrolamento de rolos. Os que desexen participar nestes xogos terán que apuntarse entre as 12 e as 16 horas. Haberá premios en metálico de 50 euros para os gañadores e gañadoras nas categorías masculina e feminina. Do programa deste ano desapareceu, igual que noutras rapas, a tradicional loita de garañóns, logo de que a Xunta de Galicia comunicara aos organizadores que a Lei de Benestar Animal impide a súa realización.

Tamén pola tarde celebraranse carreiras de cabalos, tanto nas categorías de cabalos do país como de cabalos cruzados, competicións para as que haberá premios de 90, 60 e 30 euros máis trofeo para o 1º, 2º e 3º  clasificados, respectivamente.  A popular carreira de burros recoñecerá cun premio de 50 euros ao gañador e un trofeo para o segundo. Os participantes do tiro á corda e do arrolamento de rolos optarán a dous premios de 50 euros na categoría de adultos. O fin de festa chegará coa entrega dos premios aos gañadores nos múltiples concursos da xornada.

Aínda que o obxectivo segue sendo o de aplicar aos animais os coidados que precisan, a celebración está a coller cada vez máis un carácter cultural e etnográfico. “Nos últimos anos está a aumentar moito a afluencia de xente, veñen moitos curiosos e cada vez máis turistas e tamén hai grupos de afeccionados ao mundo ecuestre que veñen a cabalo de toda a comarca, de lugares como Abadín, Alfoz, Burela, Xove ou Cervo”, explica Pedro Blanco Palmeiro, un dos mozos da parroquia que coma Christian Pérez Vázquez é un dos aloitadores habituais.

Unha das reservas de cabalos de Pura Raza Galega

O Cabalo de Pura Raza Galega mantén unha poboación estable, con certas oscilacións, rondando entre os 1.200 e os 1.450 exemplares, a maior parte deles, femias. A Serra do Xistral, que comparten concellos como O Valadouro, Abadín ou Ourol, é unha das zonas de Galicia onde se mantén a presenza de cabalo galego grazas ao traballo, na maioría dos casos, das comunidades de montes.

A de Xestaca e Grandavella ten censados unha ducia de cabalos de pura raza galega. O resto son cabalos de monte autóctonos mesturados con outras razas. A comunidade manexa unhas 200 hectáreas de monte, das que 40 están a pradeira e o resto son pasto arbustivo. Na actualidade só seis veciños teñen cabalos e vacas de carne no monte. En total suman uns 90 cabalos, dos que 60 son nais, e 170 cabezas de gando vacún, que tamén serán baixadas o día 4 de agosto, coincidindo coa rapa. Coma noutras moitas comunidades de montes de Galicia, o lobo está a causar nos últimos anos importantes estragos nesta cabana gandeira.

Os cabalos pasan todo o ano pacendo libres no monte e só se collen para desparasitar e para facer o censo anual. A rapa serve para identificar as poldras nacidas no último ano e para separar os poldros, que son vendidos. Ás nais e aos garañóns córtanselles as crins e desparasítanse para que engorden.

A de Xestaca e Grandavella é unha das 5 comunidades de montes que hai no concello do Valadouro (ademais da de Santo Tomé e Recaré están as de O Cadramón, Frexulfe, Alaxe e Vilacampa). Entre todas manexan unha superficie dunhas 5.000 hectáreas de monte comunal.

A rapa de Santo Tomé en imaxes:

Garañóns pelexando no curro

cartel rapa 2019

cartel2 rapa 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información