Sorpresa en gandeiros e agricultores polas chamadas da Xunta a poucos días das eleccións

Con sorpresa e certa incredulidade están a recibir estes días centos de gandeiros e agricultores as cartas e chamadas telefónicas da Consellería de Medioambiente na que lles comunican que van recibir -aínda que sen concretar prazo e presuposto- axudas para previr os danos da fauna salvaxe -sobre todo xabarín e lobo- nos seus cultivos e na súa gandería.

Sen embargo, dáse a circunstancia de que o mesmo departamento da Xunta lles notificou hai menos dun mes que lles denegaba esta axuda por falta de orzamento e que estas comunicacións coinciden a poucos días da celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia.

Na misiva que está a chegar estes días asinada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, comunícaselles que a pesar de que a solicitude de axudas correspondente ao ano 2019 “non puido ser atendida, malia cumprir con todos os requisitos esixidos, debido a que o elevado número de solicitudes presentadas provocou que se superase o crédito orzamentado”, sen embargo comprométese a que si que se lle vai aboar a axuda.

En concreto, a misiva anúncialle ao solicitante que “se está a tramitar o expediente que permitirá a concesión da axuda solicitada por vostede e que finalizará coa notificación na que se lle comunicará o prazo no que debe xustificar vostede os investimentos realizados para o correspondente pago”.

En declaracións ao xornal El Pais, a Consellería de Medio Ambiente sostén que decidiu abrir un novo procedemento administrativo co seu correspondente crédito, menos dun mes despois de denegar as axudas por falta de orzamento, “aproveitando remanentes da anualidade de 2020”. O departamento da Xunta xustifica as chamadas e as cartas remitidas estes días, coincidindo coa recta final da campaña ás eleccións do próximo domingo, porque se trata dunha convocatoria de 2019 e “debía ser notificada canto antes”.

“As presións da asociación e as eleccións parece que xurdiron efecto”

Para Andrés Saavedra, secretario da Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (APERFASA-GALICIA), este cambio de rumbo da Consellería de Medioambiente “responde ás presións da asociación e, tamén hai que dicilo, a que estamos en período electoral”.

Precisamente, a asociación denunciaba a pasada semana que a moitos dos solicitantes das axudas para paliar e previr os danos da fauna salvaxe lle estaban a notificar a desestimación da súa solicitude -presentada hai 19 meses- por esgotamento do crédito.

“Parécenos un pouco chapuceiro a poucos días das eleccións e co goberno en funcións andar chamando á xente e enviándolle cartas para prometerlle que si lle van conceder a axuda, aínda que sen concretar nin orzamento nin prazos. En todo caso, imos ser cautos e agardar a que se ingresen as axudas porque xa sabemos como é a política”, advirte o secretario de APERFASA-GALICIA.

Carta da Consellería de Medioambiente que están recibindo estes días agricultores e gandeiros:

DANOS FAUNA XUNTA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información