“Comprometemos medidas para protexer ás pequenas explotacións na nova PAC”

O comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski, lembra que na última década Europa perdeu 4 millóns de produtores, unha tendencia que considera imprescindible frear. En España, o ministro Luis Planas anuncia unha inminente Conferencia Sectorial para abordar a aplicación no país da nova Política Agraria Común

“Comprometemos medidas para protexer ás pequenas explotacións na nova PAC”

A ministra portuguesa de Agricultura, María do Ceu Antunes, presidenta de turno do Consello de Ministros de Agricultura, recibe o aplauso dos seus homólogos europeos tras pechar o acordo da PAC.

Europa estivo embarcada nas últimas décadas nun camiño de intensificación da agricultura, unha senda que a Comisión Europea quere abandonar a partir de xaneiro do 2023, coa posta en marcha dun novo ciclo da Política Agraria Común. O Consello de Ministros de Agricultura da UE ratificou hoxe o acordo para a nova PAC, que se presenta co obxectivo de lograr un agro máis xusto e medioambiental.

“Nos últimos 10 anos perdemos 4 millóns de pequenas explotacións en Europa. Isto é negativo, temos que protexer ós pequenos e medianos agricultores, pois teñen un papel moi importante no territorio e na produción de alimentos” -defendeu hoxe o comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski-. “Na nova PAC temos medidas para estes produtores, como son os pagos redistributivos”, explica o comisario.

Os pagos redistributivos representarán polo menos o 10% do presuposto e irán destinados a primar ás pequenas e medianas explotacións. Wojciechowski considera que tamén os ecoesquemas e a agricultura ecolóxica ofrecerán interesantes “oportunidades” para este tipo de produtores.

Os produtores con menos de 10 hectáreas percibirán polo menos un 7% máis por hectárea. Os de máis de 100 hectáreas, cobrarán un 5% menos por hectárea

O acordo europeo establece que, como mínimo, as explotacións de menos de 10 hectáreas, percibirán un 7% máis de pagos por hectárea; en tanto as explotacións de máis de 100 hectáreas cobrarán un 5% menos por hectárea. Este é o acordo marco a nivel europeo, se ben cada Estado membro pode decidir maiores pagos para as pequenas e medianas explotacións, “algo que espero que suceda”, precisou Wojciechowski.

En España, o Ministerio avanza que ten previsto adicar ó pago redistributivo un 20% dos fondos da axuda básica á renda (pago básico), pero queda por ver como se fará ese reparto.

Na mesma liña de apoio ó emprego agrario, o comisario de Agricultura incidiu nas primas ós agricultores novos, para os que se compromete un mínimo do 3% do presuposto. Desde España, a maiores, precísase que tamén se terá en conta o apoio á muller rural. “Poderanse introducir medidas de discriminación positiva no Plan Estratéxico Nacional, de xeito que teña máis oportunidades de asumir a titularidade dunha explotación agraria”, apunta o Ministerio.

Condicionalidade social
A PAC establecerá ademais unha condicionalidade social, para o que se cruzarán os datos das axudas da PAC coas infraccións laborais básicas en cada país (Traballo e Seguridade Social) e penalizarase ós infractores. Sobre iso, o ministro de Agricultura español precisou que era unha medida lóxica “que non é problema para nós”, sinalou.

Próximos pasos, como aplicar a PAC en España

Tralo acordo ratificado hoxe no Consello de Ministros de Agricultura da UE, o ministro español, Luis Planas, compareceu en rolda de prensa para informar dos seus plans máis inmediatos. “Este mércores 30 estableceremos o calendario para unha Conferencia Sectorial de Agricultura cos conselleiros autonómicos do ramo”, explicou o ministro, que xa tiña manifestado que a súa idea inicial era celebrar esta Conferencia Sectorial na primeira quincena de xullo.

A Conferencia Sectorial preséntase como o escenario no que se terán que pechar as negociacións sobre como aplicar a PAC en España. “Levamos en negociacións desde xaneiro do 2019, con máis de 200 reunións co sector e cos conselleiros. Unha vez que temos un acordo europeo, toca agora resolver en España cuestións como os criterios a seguir cos pagos redistributivos, o número de rexións agronómicas de pago, o capping (tope de axudas por produtor e modulación dos pagos por tamaño de explotación) ou a converxencia dos dereitos”, apuntou Planas.

Sobre a converxencia de dereitos históricos, o acordo en Europa é que no 2026 terase que ter reducido a diferenza de coantía dos dereitos nun 85%. A aplicación deste punto en España presenta especiais complicacións, toda vez que o Estado ten un total de 50 rexións agronómicas, que se terán que reducir moi sensiblemente para a nova PAC. Na actualidade, o seguinte Estado membro en número de rexións é Grecia, con 3.

Planas tamén sinalou na súa intervención outras cuestións pendentes para o Plan Estratéxico Nacional, como o peche dos ecoesquemas ou a definición do agricultor xenuíno.

Serán todas eles temas que se abordarán nas próximas semanas. “Queda moito traballo por facer” -recoñeceu Planas-. “O obxectivo é levar a Bruxelas o Plan Estratéxico Nacional antes de final de ano”, concretou.

Bases para o acordo
O ministro, por último, salientou a importancia do acordo a nivel de Bruxelas, así como as expectativas dun acordo similar a nivel de España cos conselleiros autonómicos. “Estamos ante un gran acordo europeo, o máis importante na agricultura europea nos últimos 50 anos. Puxémonos de acordo 27 ministros de países con realidades moi distintas e gobernos moi dispares. A súa vez, o Consello de Ministros de Agricultura chegou a un acordo co Parlamento Europeo e a Comisión. Se fomos capaces de facelo en Europa, espero que sexamos capaces de facelo en España”, avogou.

“En que consiste un acordo?. En facer unha posta en común e en que todos cedamos. En Europa cedemos todos. Boa parte do que pedimos desde España quedou reflectido na nova PAC, eu diría que ata un 95%, pero tivemos que ceder en cousas. Queriamos un máximo dun 20% de fondos adicados a ecoesquemas, pero serán finalmente un 25%. A cambio, logramos manter as axudas acopladas e outras cuestións que nos interesaban”, reflexionou Planas.

“Para competir en igualdade, as importacións alimentarias teñen que cumprir co marco de produción da UE en materia de saúde e medioambiente. Ese é o obxectivo”

A nova PAC, ó entender do ministro español, establece para os produtores unhas condicións medioambientais suplementarias que levarán a un aumento de custos e a unha diminución da produción. “Para competir en igualdade (cos produtos agroalimentarios importados), debemos facelo en condicións similares. Falamos de reciprocidade”, subliña Planas, que incidiu en que Comisión Europea, Consello de Ministros e Parlamento están comprometidos en traballar no asunto, co 2022 como data de referencia para ter uns primeiros informes sobre a mesa.

“Levamos tres anos discutindo esta cuestión e temos a perspectiva de que nun futuro próximo haxa cambios, por exemplo, nos Límites Máximos de Residuos dos produtos importados. Non é lóxico que se poidan importar produtos tratados con fitosanitarios prohibidos na UE ou con límites de residuos superiores ós obrigados en Europa”, cuestiona Planas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información