¿Como avaliar as accións a tomar para paliar os danos que provoca o lume no monte?

Un proxecto da Universidade de Santiago afonda nas accións a levar a cabo tanto en prevención como para a recuperación dos montes arrasados polos incendios forestais, logo de analizar os impactos provocados nestes espazos

¿Como avaliar as accións a tomar para paliar os danos que provoca o lume no monte?

Os incendios forestais arrasan ano tras ano milleiros de hectáreas de monte raso e arborado en Galicia.

As vagas de lumes nos montes galegos son un dos males endémicos que ano tras ano afectan a estes espazos naturais, poñendo en risco mesmo vidas humanas ou refuxios para a fauna e montes dun elevado valor paisaxístico como aconteceuno 2020 cos lumes que arrasaron o corazón do Parque do Xurés (Ourense). Pero, que se pode facer para recuperar estes montes arrasados e que políticas de prevención cómpre impulsar?

Estas son dúas das preguntas sobre as que están traballando no proxecto europeo “EpyRIs” financiado dentro da convocatoria SUDOE, no que participa a Xunta de Galicia e que conta coa colaboración da Universidade galega, xunto coa Universidade de Valencia, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e as firmas Tragsa e Tragsatec, entre outros.

Na Universidade galega, o grupo multidisciplinar integrado pola catedrática de Análise Económico da Universidade de Santiago María Luz Loureiro García, así como polo catedrático da Área de Proxectos de Enxeñaría na Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Marey, e o investigador Pablo Coello, está a traballar sobre as políticas de restauración dos espazos afectados por estes lumes. “ Para ver que espazos debemos priorizar na restauración, non só se valoran as perdas económicas, senón tamén as ambientais ou aquelas puramente sociais”, explica a investigadora María Loureiro.

“Trátase de ver o impacto global dos lumes dende unha perspectiva multicriterio”: María Luz Loureiro, investigadora involucrada no proxecto

Para decidir que accións priorizar para minimizar estas perdas (ou restaurar os espazos afectados) están botando man de ferramentas empregadas polos servizos federais de protección de bosques americanos. “Trátase de ver o impacto global dos lumes dende unha perspectiva multicriterio”, detalla Loureiro. Buscan deste xeito estimar tamén aqueles custos dos lumes que non sempre teñen unha cantidade económica asignada, pero que son importantes para a sociedade. É o caso por exemplo, do impacto que os lumes teñen sobre os danos ás infraestruturas ou o déficit de investimentos no rural que os incendios provocan. “Xa non é só as perdas económicas directas, senón que a xente deixa de investir por medo a que o lume arrase coas plantacións ou con outras actividades coma os apiarios, ou que a paisaxe se deteriore e deixe de atraer visitantes”, concreta a experta.

Para estimar os valores dos montes ardidos máis alá da madeira, tamén están utilizando novas fontes de datos, moitas delas en aberto, como poden ser as fotografías compartidas en redes sociais por turistas, que dan conta do valor destes espazos.

O caso das Neves

Un dos casos que xa teñen estudado é o lume que se produciu no 2017 en As Neves (Pontevedra) onde a virulencia das lapas e o avance do lume arrasara varias vivendas e aproximárase a núcleos importantes de poboación cunha gran virulencia. “Agora estamos en proceso de ampliar a información que obtivemos de xeito directo e completala con outras fontes que nos axuden a estimar os custos que tivo este lume”, explica Loureiro.

Ademais dos danos máis obvios tras estes lumes, o equipo tamén concreta que se produciron outras perdas derivadas deles como foi a redución de capturas na campaña da lamprea, cunha fonda tradición nesta zona e que se viu afectada pola merma da calidade da auga. “Un elemento que en Galicia non se valorara moito como é a perda da calidade da auga, nun contexto de cambio climático crecente, comeza a tomar moita relevancia”, concreta a investigadora.

Os danos sobre a calidade da auga tralos incendios comeza a tomar maior relevancia

Os primeiros traballos para coñecer os danos destes lumes baseáronse en enquisas coa poboación afectada e que vivira de primeira man os incendios. Agora, nesta segunda fase están a realizar de novo enquisas, pero desta volta con persoal involucrado en actuacións de recuperación dos espazos queimados, coma os técnicos encargados de planificar as accións a realizar, como pode ser a construción de diques ou presas para evitar escorrentas de terra ou esparexer palla no solo.

mulching palla monte queimado

Unha das prácticas para evitar maiores danos ambientais nas zonas queimadas está a ser o reparto de palla. 

Estas enquisas axúdanlle a determinar aquelas accións que deberan ser prioritarias pala conseguir a recuperación de espazos queimados dentro da zona SUDOE. Aínda que logo estas pautas deberán axustarse ás necesidades específicas de cada monte, buscan establecer un catálogo de accións rápidas xerais. “A orografía de sí, así como os asentamentos poboacionais xa van determinar en gran medida as actuacións específicas”, concreta.

Tódalas técnicas propostas dende o CIF Lourizán para a recuperación de espazos superaban amplamente calquera estudo de rendabilidade feito con criterios custo-beneficio

No proxecto, iniciado no 2018 e que se prolongará durante todo este 2021, tamén están a avaliar o custo destas políticas de recuperación para que as técnicas recomendadas realmente teñan un impacto maior ó seu custo. “Polo momento, tódalas técnicas propostas dende o CIF Lourizán para a recuperación de espazos superaban amplamente un estudo sobre rendabilidade, en termos de custo e os beneficios asociados”, detalla Loureiro. Cómpre ter en conta que boa parte das actuacións propostas dende Lourizán se realizaron en zonas con graves problemas de erosión. Co remate da investigación agardan publicar unhas recomendación xerais para aplicar en boa parte do territorio e que logo deberán adaptarse ás características específicas dos montes queimados.

O impacto ambiental, cada vez máis presente

Á marxe do caso de As Neves, no marco deste proxecto tamén realizaron enquisas entre a poboación para coñecer o grao de implicación e concienciación sobre os danos dos lumes. Estas consultas amosáronlles que se está a ter máis en conta o dano ambiental que producen os lumes. “Os incendios acarrean cada vez maiores perdas ambientais, en gran medida pola virulencia dalgúns episodios que resulta moi complicado controlar, e a poboación estase facendo máis consciente destas perdas medioambientais profundas”, comenta a investigadora.

Botaron man de enquisas para coñecer o impacto máis social e global dos lumes

Estas primeiras enquisas realizáronas a través da web e a nivel estatal, polo que agora contemplan ampliar a mostra para contar con outros sectores da poboación ós que lle foi máis difícil acceder deste xeito, como as zonas rurais e a xente de maior idade. Nestas consultas buscaban coñecer a opinión sobre o impacto do incendio ou aquelas accións que estarían dispostos a realizar para reducir os danos e o risco asociados aos lumes forestais. “As enquisas son moi útiles para coñecer un impacto máis social e global dos incendios”, indica.

A insuficiencia das políticas de prevención

A análise e as consultas á poboación tamén permiten avaliar ata que punto as políticas de prevención contan con apoio da cidadanía, tal e como comprobaron no marco doutro proxecto. “Comprobamos que aquelas persoas que xa viviran os incendios de preto eran as que máis dúbidas tiñan sobre os logros que se podían acadar con determinadas políticas de prevención”, apunta a investigadora.

A poboación reclama políticas de prevención que teñan máis en conta os coñecementos das persoas vinculadas ó monte e ás áreas concretas nas que se pretenden aplicar

Nestas enquisas, os entrevistados tamén inciden en que para conseguir unha maior efectividade das políticas de prevención é preciso lograr accións que teñan máis en conta os coñecementos e a experiencia das persoas vinculadas co monte e coas zonas nas que se pretenden desenvolver estas accións. “Apuntan a importancia de contar con accións codeseñadas cos propietarios do monte e coa xente que vive e ten preto o monte para conseguir a seu compromiso na prevención”, concreta Loureiro.

Outro dos aspectos que se sinalan nestas enquisas é o elevado custo que para moitos propietarios pode supoñer as políticas de prevención e xestión dos montes. “Moitos senten que non se está a valorar como debera os beneficios ambientais e sociais que produce o monte para toda a sociedade, mentres que a eles se lles esixe un mantemento cun custe económico e nalgúns casos sen obter un rendemento económico compensatorio”, comenta a investigadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información