Colleita de mazá de sidra 2020, balance de produción e prezos

O sector prevé lograr arredor duns 5,4 millóns de quilos de mazá, case un 40% menos que no 2019. A seca reduce a cantidade de froita dos pomares e adianta a colleita. A recollida está marcada polas medidas preventivas por mor do Covid-19

Publicidade
Colleita de mazá de sidra 2020, balance de produción e prezos

Traballos de recollida da manzá en pomaradas da cooperativa Ullama en días pasados.

Os anos pares seguen a ser sinónimo de baixas producións en boa parte dos pomares galegos. Coa colleita de mazá de sidra recén comezada, as previsións afástanse dos 9 millóns de quilos do ano pasado. “Contamos ter arredor dun 40% menos do que conseguimos na campaña de 2019”, explica Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), unha entidade que agrupa a máis de 30 produtores, sobre todo das provincias de Lugo e A Coruña.

“Contamos ter arredor dun 40% menos do que conseguimos na campaña de 2019”, (Francisco Otero, Afrugal)

En comarcas coma A Estrada, unha das zonas con maior tradición deste cultivo, as previsións seguen na mesma liña que amosan dende Afrugal. Agardan recoller arredor duns 500.000 quilos de mazá nas preto de 100 hectáreas de maceiras. Na cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ela ecolóxica, prevén recoller uns 300.000 quilos. “A primavera foi moi mala e a seca tan grande que houbo no verán fixo que as maceiras tiraran a froita, un mecanismo de protección da propia árbore, para evitar secar”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Primeiras entregas

A recollida de mazá comezou xa en plantacións da zona de Lugo e Pontevedra, onde produtores con variedades máis temperás empezaron a recollida. “Nalgunhas zonas había xa mazá no chan, o que fixo que iniciasen a colleita”, concretan dende Afrugal. “A campaña iniciouse con entre 10 e 14 días de adianto con respecto doutros anos”, sinala Otero.

A campaña iniciouse con case 15 días de adianto con respecto doutros anos

Esta mesma semana, dende a cooperativa Ullama enviaban o primeiro tráiler de mazás para a planta procesadora Custom Drinks, situada en Chantada, propiedade de Hijos de Rivera. Esta sidrería está a ser o principal destino da produción de mazá actual de Galicia. Esta semana iniciaron a recollida de mazá cos grandes produtores tanto de Ullama como de Afrugal e a vindeira semana teñen previsto comezar a recibir mazá de produtores máis pequenos.

A mazá galega tamén remata nas sidrerías asturianas, que este ano agardan ter moi pouca colleita, co que iniciaron as pescudas en Galicia con varios meses de antelación. Así, mentres que outros anos os compradores asturianos chegaban á comunidade a mediados deste mes, unha vez iniciada a recollida en Asturias, este ano xa nos meses de verán visitaron pomares galegos ante as perspectivas de que a colleita ía ser escasa.

Xunto coas grandes sidrerías, pouco a pouco comezan a afianzarse proxectos de elaboración de sidra artesanal en distintas zonas da comunidade, boa parte deles cunha produción propia e maioritariamente en ecolóxico.

A pegada do Covid-19

A pandemia do coronavirus tamén está a deixar a súa pegada na campaña de recollida da mazá e obriga a tomar medidas preventivas para evitar contaxios, tanto na recollida da mazá nos pomares como nas entregas nas fábricas. “Estamos adaptándonos á nova situación, tomando medidas moi rigorosas para controlar os accesos á planta”, detalla José Luís Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Investimentos Corporativos SL. Ó mesmo tempo, ó ser un ano de menor produción, isto estalles permitindo ter un fluxo de entrada da mercadoría máis tranquilo, o que lle facilita adoptar as medidas preventivas.

A paralización da hostalaría deixou á fábrica de Chantada cunha maior cantidade de sidra ó comezo da campaña

O parón de 3 meses na hostalaría e a redución das vendas durante este ano por causa do coronavirus fixo que nestes momentos se atopen con maior cantidade de sidra na fábrica do que cabía agardar. “Nunca nos atopáramos cun parón destas dimensións, no que as vendas se paralizasen por completo, polo que agora toda a nosa rede comercial está facendo un importante esforzo para darlle saída á produción que temos”, apunta Olmedo.

A estacionalidade da produción da mazá de sidra en Galicia motiva que na sidrería, igual que noutras plantas, traballen sempre cun certo marxe para garantir o subministro. Con todo, polo momento, pese a contar con stock de sidra están a mercar a mesma mazá que tiñan previsto. “A día de hoxe non lle dixemos a ningún produtor que non queríamos mazá. Estamos a mercar todo o que tiñamos previsto, para non quedar desabastecidos en canto a demanda se reactive”, explica Olmedo.

“A día de hoxe non lle dixemos a ningún produtor que non queríamos mazá”, (José Luís Olmedo, Custom Drinks)

Os prezos tamén parecen manterse, por agora, similares ós da campaña pasada. Mentres a mazá en ecolóxico se sitúa nos 0,30 euros, a producida en convencional págase entre os 0,22 e 0,24 euros o quilo. “Sobre a mesa estivo a idea de baixar os prezos pola situación do coronavirus e a baixada das vendas, pero decidimos facer un esforzo grande por manter os prezos para os nosos produtores, porque temos que seguir remando todos na mesma dirección para tentar remontar esta situación”, indican dende Custom Drinks.

No caso dos compradores asturianos o prezo medio sitúase entre os 0,29 e os 0,30 euros. Porén, algúns pequenos produtores detectaron máis dificultades para vender a súa produción, pese a ser ano de poucas mazás e mesmo apuntan a que os prezos baixaron ata os 0,21 euros en convencional.

A pandemia do coronavirus tamén está obrigando a extremar as precaucións na recollida da mazá. A reorganización das cuadrillas en grupos máis reducidos, así como a fixación dun protocolo na recollida para reducir o contacto entre o persoal ó mínimo ou a realización das probas do coronavirus ó persoal que participa na recollida foron algunhas das medidas adoptadas pola cooperativa Ullama.

Os coidados do pomar

O sector tamén comeza apostar pola mecanización dos traballos de recollida, incorporando maquinaria como a que se emprega noutras zonas cunha fonda tradición na produción de mazá para a sidra.

Ó mesmo tempo, os produtores empezan a ver a necesidade de incorporar sistemas de rego nos pomares ante as secas que están condicionando a súas producións. Así, este verán produtores da Estrada optaron por realizar regas con cisternas para evitar maiores danos nos pomares. “Os produtores que barallen plantar maceiras deben comezar a ter en conta que teñan posibilidade de regalos, xa que os pomares máis novos son os que máis sofren as consecuencias das secas, os máis vellos van resistindo mellor”, recomendan dende Ullama.

Pola súa banda, dende Afrugal insisten na importancia de realizar aclareos nas plantacións e regular a produción mediante podas e un control da floración para conseguir ter unha produción máis regular, sen tanta variedade entre os anos pares e os impares. “Hai xente que xa o está conseguindo. Mesmo hai produtores en zona do interior, sen unha tradición froiteira, que non están a ter esa diferencia dos anos pares ou que invertiron a tendencia, conseguindo maior produción nos anos pares”, explica Otero.

Visita_A-Estrada_Jose-Gonzalez-Plantacions-Maza-Sidra-

O conselleiro de Medio Rural, José González, visitou esta mañá un pomar na Estrada.

Polígono agrario para produción de mazá en Tabeirós-Terra de Montes

Por outra banda, a Xunta ultima a creación dun polígono agrario para impulsar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así o afirmou o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a visita que realizou esta mañá a unha plantación da Estrada para coñecer a recollida de mazá e reunirse coa Asociación de Sidreiros da Estrada.

O conselleiro sinalou que se está a traballar na mobilización de máis terras para que se poidan aproveitar para a plantación de maceiras. González apuntou que “toda a comarca reúne unhas condicións agronómicas idóneas para estas froiteiras. Interesa moito mobilizar terra para un produto que xa ten a súa venda asegurada”.

O primeiro polígono para maceiras de sidra conta cunhas 100 hectáreas e localízase en Cerdedo-Cotobade

O titular de Medio Rural concretou que teñen xa localizado un primeiro polígono para maceiras para sidra dunhas 100 hectáreas en Cerdedo-Cotobade, mentres que na Estrada están a buscar outras localizacións. González enmarcou a iniciativa na estratexia de mobilización de terras que está a levar a cabo a Consellería de Medio Rural, recuperando parcelas abandonadas ou infrautilizadas para incrementar a súa capacidade produtiva. Neste senso están traballando tamén en polígonos para o viñedo nas 5 denominacións de orixe, para pasteiros en Cualedro (Ourense) ou para a plantación de cereal na IXP Pan Galego así como para horta e ganderías en Curtis (A Coruña).

Na súa visita, González tamén comprobou de primeira man a mecanización dos traballos de recollida da mazá pola que están apostando xa algúns produtores na Estrada. O conselleiro destacou non só a mecanización da recollida, senón tamén a aposta pola produción ecolóxica que proporciona maior valor engadido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información