Cobideza ultima a compra dunha parcela para crear un novo centro loxístico

A cooperativa dezá pretende aproveitar o predio para incrementar a capacidade de almacenaxe, tanto de forraxes e fertilizantes como de maquinaria agrícola. A entidade tamén revisa este sábado, cos socios, o contrato lácteo con Reny Picot

Cobideza ultima a compra dunha parcela para crear un novo centro loxístico

Vista aérea da parcela que a cooperativa pretende adquirir nas proximidades da sede central, en Cercio (Lalín).

A cooperativa Cobideza atópase en plena negociación para a adquisición dunha nova parcela coa que aumentar a capacidade de almacenaxe e servizos aos socios. Segundo informou o presidente da entidade agraria, Román Santalla, nun comunicado, a cooperativa está interesada en adquirir un predio situado no lugar de Mato, na parroquia de Cercio, en Lalín (Pontevedra).

Santalla indicou que as negociacións están xa moi avanzadas, tras varios encontros entre a xunta directiva e os responsables do Grupo Vilariño, os propietarios da parcela. Así, agardan formalizar a compra nun breve prazo.

Cobideza procura coa adquisición aumentar a capacidade de almacenaxe, tanto de forraxes e fertilizantes como de maquinaria agrícola e, deste modo, incrementar os servizos aos socios, ao tempo que mellora a operatividade e a loxística da cooperativa.

Próxima á sede central

O predio ten unhas dimensións aproximadas de 8.000 metros cadrados e o seu perímetro está completamente pechado cun sólido muro de pedra e formigón. A superficie é regular e atópase completamente explanada. Ademais, conta xa con tódolos servizos públicos como son electricidade e abastecemento de auga. A parcela ten unha parte destinada a uso agrario e outra dedicada a solo rural.

Román Santalla explicou que esta adquisición “é unha aposta da cooperativa para seguir aumentando a cantidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos socios”. A súa ubicación, moi preto da nave principal da cooperativa de Cercio, así como as súas dimensións, equipamento e demais características fana apropiada para aumentar a capacidade de almacenaxe da cooperativa, así como para resgardar con maior comodidade e seguridade a maquinaria no tempo que non estea en uso. A parcela ten, pois, o obxectivo de ser convertida nun novo centro loxístico e operativo de Cobideza, co que mellore tamén a organización da cooperativa.

Negociación do contrato lácteo

A cooperativa celebra este sábado 29 de agosto unha asemblea xeral extraordinaria para analizar o contrato que mantén coa empresa Reny Picot para a recollida do leite. A reunión celebrarase no pavillón de deportes do colexio de Cercio, situado a escasos metros da sede da entidade agraria. A xunta terá lugar ás 12.00 horas.

Na asemblea, a xunta directiva proporcionaralle ós socios información sobre a situación do contrato que manteñen coa empresa láctea. Se os cooperativistas deciden ratificar o acordo, que se propón en condicións semellantes ao anterior, dito contrato permanecerá en vigor ata o 30 de xuño de 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información