Claves para reducir o coste de producir un litro de leite nas granxas galegas

Resumo do relatorio de Alejandro Aneiros Martínez, enxeñeiro agrónomo do Servizo de Xestión Técnico- Económica de Seragro SCG, durante as Xornadas Técnicas de Vacún de Leite que está a celebrar a cooperativa

Optimizar a alimentación das vacas resulta clave, máxime nun contexto como o actual de encarecemento do penso, para mellorar as contas dunha granxa de vacún de leite, xa que a comida dos animais representa arredor do 60% do que custa producir un litro de leite.

Neste sentido, Alejandro Aneiros Martínez, enxeñeiro agrónomo do Servizo de Xestión Técnico- Económica de Seragro SCG, ofreceu as claves para mellorar as contas dunha gandería respondendo á pregunta “Canto custa producir un litro de leite en Galicia?”. Fíxoo durante as Xornadas Técnicas de Vacún de Leite que está a celebrar a cooperativa de forma online ao longo deste mes e do vindeiro novembro.

O servizo de xestión técnico económica de Seragro SCG é unha fonte de datos privilexiada para coñecer a fondo os custos de produción do sector lácteo galego, xa que dende o ano 2012 leva recopilados os datos de moitas ganderías da comunidade.

Partindo destes datos, Alejandro Aneiros Martínez explicou que o beneficio que obteñen as ganderías galegas varían moito segundo o ano ao depender da evolución dos prezos do leite e do custo dos concentrados, fundamentalmente.

SERAGRO ANEIROS 2

Así no 2014, con bos prezos do leite, o beneficio foi de media de 5 céntimos por litro de leite; pero no 2016 non chegou a un céntimo por litro de leite e dende entón rolda os 2,7 céntimos por litro de leite, o que supón o arredor do 7,1% do total de ingresos. “Pero varía moito o beneficio segundo a granxa: dos 11,76 céntimos por litro de leite de beneficio no 2020 das que mellor xestionan a unhas perdas de 2,71 céntimos por litro de leite das peores ganderías”, subliñou o técnico de Seragro SCG.

Uns resultados que dependen fundamentalmente dos custos de produción, xa que no prezo de venda do leite o gandeiro ten menos marxe de manobra.

Neste sentido, Alejandro Aneiros informou de que “o custo de produción dun litro de leite das explotacións que están no grupo de xestión de Seragro mantívose nunha media nos últimos catro anos de 36,5 euros por litro de leite, pero ao igual que ocorre co beneficio, a diferenza de custos entre as granxas é moi grande”. De feito, e tal e como se recolle na seguinte gráfica, varía segundo a granxa entre os 29 céntimos e os 46 céntimos por litro de leite no ano 2020.

SERAGRO ANEIROS 3O factor que máis inflúe no custo de producir un litro de leite é a alimentación, xa que representa o 59% cos custos, polo que calquera cambio que nos permita abaratar a alimentación permitirá reducir os custos de produción.

A este respecto, o enxeñeiro do Servizo de Xestión Técnico- Económica de Seragro SCG explicou que “as mellores granxas conseguen producir un litro de leite cuns custos de alimentación de menos de 18,9 céntimos por litro de leite, de forma que cústalles de media 32,95 céntimos producir un litro de leite, 4,64 céntimos menos que a media; teñen un beneficio por litro de leite de 5,76 céntimos e unha rendibilidade sobre ingresos do 15%, o triple que o resto, e un 34% delas conseguirían ter beneficios só coa venda de leite”.

SERAGRO ANEIROS 4

Ademais, lembrou que a maior parte das granxas móvense nun gasto de alimentación, incluíndo das vacas secas e as xovencas, de entre 6,4 e 7,48 euros por vaca e día, pero as mellores gastan de media 1,14 euros menos por vaca e día. “Non é unha cuestión menor xa que, por exemplo, nunha explotación de 100 vacas en muxidura, suporía un aforro de 41.610 euros nun ano”, subliñou.

Que da lugar a esa diferencia de custos de producir un litro de leite?

A) A alimentación dos animais:

1) A alimentación das vacas de leite: É a partida máis importante e supón o 80% do gasto total en alimentación nunha granxa. Neste sentido, Alejandro Aneiros explicou que no grupo das ganderías que producen máis barato empregan na ración para as vacas en muxido unha media diaria de 10,69 kilos de concentrado, 0,67 de forraxes mercadas e 14,67 kilos de materia seca de forraxes producidas na propia explotación. En total, 26,11 kilos de materia seca por vaca e día a un custo de 5,29 euros.

Pola contra, no grupo das granxas cos custos de alimentación máis caros, o carro carga 11,48 kilos de concentrado, 0,39 kilos de forraxes mercadas e 13,46 kilos de forraxes producidas na propia explotación. En total, 25,53 kilos de materia seca cun custo de 5,57 euros por vaca de leite e día.

“É dicir, as vacas das granxas que producen máis barato comen menos concentrado, que é ademais 13 euros por tonelada máis barato. Producen ademáis as forraxes propias a un prezo medio de 135 euros por tonelada de materia seca, cun maior peso na ración. En definitiva, ofrecen unha ración con máis kilos de materia seca para os animais e aun prezo máis barato”, subliñou.

Pero para encadrar neste último grupo, lembrou que a granxa ten que ter suficiente terra para producir suficiente forraxe de calidade cunha elevada dixestibilidade, que aforrará ter que mercar concentrados, ademais de coidar aspectos para mellorar a inxesta como é o arrimado das comidas ou a conservación das forraxes.

2) A alimentación das vacas secas: a porcentaxe de vacas secas debe estar en non máis do 15% do total de animais adultos. En todo caso, o técnico de Seragro SCG recoñeceu que o seu peso na alimentación global é “irrisorio”, xa que é inferior ao 4% do custo total de alimentación.

3) Alimentación de xovencas: De media unha gandería dedica 3,4 céntimos por litro de leite a alimentar á recría. Neste sentido, Alejandro Aneiros defendeu que “o obxectivo correcto, máis que reducir o coste de alimentación por día, é alimentalas ben pero optimizando o coste por kilo de materia seca que comen, pois non é o mesmo alimentalas a base de penso e palla que se podemos engadir forraxes nalgunha das etapas”.

B) A porcentaxe de recría:

O segundo punto que incide nos custos de produción é a porcentaxe de recría: Axustar as porcentaxes de recría ás necesidades reais da explotación é fundamental, para evitar gastar cartos en criar animais que non imos necesitar. “E é que ademais do coste de alimentación estaremos incrementando innecesariamente outros custos (material de camas, sanidade e hixiene, man de obra, instalacións…etc)”, advertiu.

Neste sentido, Alejandro Aneiros puxo como exemplo que “nalgúns casos adícanse ata 1,8 céntimos por litro de leite para criar xatas que non van ser necesarias para cubrir as necesidades de reposición da granxa”.

Ademais, lembrou a importancia de baixar a idade ao primeiro parto das xatas “pois precisaremos menos recría e gastaremos menos cartos”.

C) Os excedentes de forraxes:

O excedente de forraxe tamén é un lastre económico para a explotación. Neste sentido, incidiu en que “producir forraxe en exceso se ben é certo que nos aporta seguridade en canto a ter comida abondo, sen embargo penaliza os resultados e de media 1 céntimo por litro de leite destínase a producir forraxes que non se precisan e nalgún caso chega aos 3 céntimos”.

Incrementar a produción por vaca axuda a mellorar os costes de produción?

Unha estratexia común para diluír os costes é incrementar a produción por vaca. Sen embargo, o técnico de Seragro SCG matizou que “se temos un gasto en alimentación alto vai ser difícil que o incremento de produción compense”. “Só dando máis litros co mesmo gasto conseguiremos reducir costes, pero só dando máis litros non imos ser capaces de axustar os custos se descoidamos o gasto por vaca. Por tanto, o noso obxectivo debe ser facelo ben sempre gastando o menos posible”, subliñou.

IOFC ou marxe sobre alimentación

SERAGRO ANEIROS 5Outro parámetro que dende o Servizo de Xestión Técnico- Económica de Seragro SCG adoitan analizar nas granxas e que correlaciona a producion co coste de alimentación, indicando se o que nos queda despois da alimentación pode ser axeitado para cubrir o resto de gastos, é o IOFC ou marxe sobre alimentación. É dicir, é a diferencia entre os ingresos por vaca e día pola venda de leite e por outro lado o gasto diario en alimentación de todos os animais dividido entre as vacas en muxidura.

“Por tanto, o primeiro que teremos que saber é o ingreso medio por venda diaria de leite das nosas vacas que é igual á produción diaria en tanque polo prezo por litro de leite. Aquí inflúe de forma determinante o que nos pague a industria láctea á que lle vendamos e as condicións de venda (primas por calidades, etc…)”, explicou Alejandro Aneiros.

SERAGRO ANEIROS 6

O seguinte paso será calcular o coste de alimentación por día, para o que precisamos calcular o que comen todos os animais da granxa, o prezo de cada un dos ingredientes e tamén o custo das forraxes producidas na propia explotación.

Por tanto, o gasto de alimentación por día será igual á suma do custo de alimentar ás vacas de leite, máis o custo de alimentar ás vacas secas e xovencas dividido polo número de vacas en produción.

A diferenza entre o ingreso e o gasto será o IOFC medio dunha granxa.

SERAGRO ANEIROS 7

Como sabemos se o IOFC é o axeitado? Alejandro Aneiros explicou que no grupo de xestión de SERAGRO no ano 2020 “o IOFC medio foi de 4,28 euros e o coste de alimentación medio foi de 20,34 céntimos por litro de leite, pero con diferenzas moi importantes entre explotacións”, tal e como se recolle na seguinte gráfica: .

SERAGRO ANEIROS 8

Así, o 89,5% das explotacións que teñen un IOFC superior a 4,28 euros teñen un coste de alimentación inferior a 20,34 céntimos por litro de leite. E pola contra, o 75% das explotacións que teñen un IOFC inferior a eses 4,28 euros, teñen un coste de alimentación superior a 20,34 céntimos por litro de leite.

“Por tanto, se o IOFC da nosa granxa non é bo, os nosos costes de alimentación tampouco o serán”, subliñou. E para mellorar o IOFC existen varias vías:

-Reducir o gasto por vaca: Axustar a cantidade de concentrado, abaratar o seu prezo, ver se é posible e competitivo ao mesmo tempo incrementar a porcentaxe de forraxe na ración, axustar o número de xovencas ao necesario…etc.

-Incrementar a produción por vaca pero mantendo o gasto na medida do posible: mellorar as camas, tratando mellor as vacas secas, prestando máis atención a prepartos e postpartos, atallando rápido calquera problema que poda xurdir nos animais, prestando atención á reprodución para baixar os días en leite…

-Eliminar os animais improdutivos: Para saber cal é a produción mínima que debe dar un animal para cubrir os costes de alimentación del e das vacas secas e xovencas debemos dividir o custo total de alimentación por vaca e día entre o prezo do leite.

Neste sentido, advertiu de que “é moi frecuente ver en granxas animais que fan perder cartos pois nin sequera cubren os seus costes de alimentación, por non falar do 40% restante de costes”.

Sen embargo, para calcular o IOFC dunha granxa, Alejandro Aneiros lembrou que “precisamos datos de produción, sexa da sala, do robot de muxido ou do control leiteiro. Incluso podemos imputar un prezo diferente ao leite producido por cada vaca se dispoñemos de datos individualizados de graxa e de proteína”.

Os custos de producir un litro de leite subiron neste 2021 1,4 céntimos, a maior parte debido aos pensos

Neste ano 2021 hai que falar tamén do incremento do prezo dos concentrados e de como isto está a repercutir negativamente na economía das granxas de vacún de leite.

Así, o técnico de Seragro SCG explicou que “no que vai de ano o prezo medio da tonelada de concentrado encareceuse de media nun 9%, uns 25 euros máis por tonelada no primeiro semestre de 2021 con respecto ao primeiro semestre do ano pasado”. “É dicir, uns 1,1 céntimos por litro de leite, o que nunha granxa con 100 vacas en muxidura supón nada menos que 13.850 euros nun ano”, advertiu.

Outras partidas que contribuíron a encarecer o que costa ao gandeiro producir un litro de leite foron a suba dos combustibles, uns 0,1 céntimos por litro de leite máis, ou a electricidade, que se encareceu un 35% e supón 0,2 céntimos máis de costes de produción por litro de leite.

“É dicir, só a suba destas tres partidas, supón un incremento dos costes de produción dunha media de 1,4 céntimos por litro de leite, nada menos que 17.313 euros ao ano nunha granxa con 100 vacas en muxidura”, subliñou Alejandro Aneiros.

Polo tanto, e sabendo que o beneficio medio por litro de leite no ano 2020 foi de 2,74 euros por litro de leite, e que a previsión para os próximos meses é que partidas que aumentaron o sigan facendo ou non baixen, avanzou que “o resultado económico de moitas granxas de vacún de leite veranse comprometidos se non se toman medidas a tempo para palialo”.

Neste sentido, e como conclusións do seu relatorio, Alejandro Aneiros incidiu en que:

-Non abonda con ter datos, hai que analizalos para mellorar a eficiencia.

-Os gandeiros teñen que dedicarlle tempo e recursos á xestión.

-Unha granxa é unha empresa e ten que ser rendible.

Próxima cita das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO SCG o 18 de novembro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información