Claves para lograr un bo encintado plástico das bólas de forraxe

Javier Caneda, responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro, explica os puntos clave que se deben ter en conta no manexo do plástico estirable á hora de ensilar forraxe

Estamos ao comezo da tempada de ensilado de herba, unha práctica de conservación de forraxes que en moitos casos séguese facendo en bólas ou pacas plastificadas. De como realicemos esta operación dependerá en boa medida a conservación da forraxe e por tanto centos ou mesmo miles de euros que estarán en xogo.

A este respecto, o responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro, Javier Caneda, explicou cales son os puntos clave que debemos ter en conta no ensilado de herba en roto-pacas na recente edición da “Xornada Delagro sobre cultivo de forraxes e pastos: Un modelo ambiental e socio-económico no norte da península ibérica”.

Partindo de que o obxectivo do ensilado é manter a forraxe en bo estado até o seu consumo, conseguindo unha forraxe final san e palatable, cun valor nutritivo próximo á forraxe inicial, debemos controlar durante o proceso tres elementos:

-Luz: Evitar a chegada de luz á forraxe ensilada, pois permite a proliferación de organismos prexudiciais para a súa conservación, como os fungos.

-Auga: Para que o silo desenvolva correctamente as fermentacións debe ser nun medio ácido. A auga ten PH neutro e faría subir a acidez do ensilado.

-Osíxeno: Necesitamos expulsar e evitar que entre aire para evitar que proliferen fungos e mofos.

Outro punto crucial é o estado fenolóxico da planta, xa que canto máis espigado estea o raigrás ou a leguminosa menor valor proteico, menor inxesta e maior contido en fibra, o que redunda en que a rotopaca leve máis aire.

Puntos críticos do manexo do plástico estirable

1) Máquinas de ensilado:

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 1

A primeira, unha das máis comúns, é unha máquina suspendida, que ten a vantaxe de que é moi versátil, móbil e ocupa pouco espazo. Pero hai que andar con moito coidado cando a bóla non está ben compactada e non ten a circunferencia perfecta pois pode deformarse e mesmo chegar a romper.

O segundo tipo de máquina é unha arrastrada con dous satélites e a terceira é unha combi, que realiza tanto o picado, o encintado e o plastificado. Cada vez está máis presente en empresas de servizos agrarios e cooperativas.

Independentemente do tipo de máquina, é moi importante enfardar en plástico canto antes a forraxe, para mellorar a fermentación da mesma e evitar que se deforme a bóla. O recomendable é aplicar o plástico como máximo 2 horas despois de facer a bóla.

Unha vez enfardadas, hai que esperar 48 horas para movelas, unha vez estabilizadas, pois pola contra podemos ter enfraquecementos e roturas do plástico, por moi coidadosos que sexamos coas pinzas.

2) A unidade de preestirado

A unidade de preestirado das máquinas é unha peza fundamental pois fai o preestiramento do plástico, con dous rodetes e unha zona onde se pon a bobina. Fai falta un preestiramento do 70%. O plástico ten unha memoria de forma e unha vez aplicado na bóla trata de recuperar o estado inicial, apertando a bóla e expulsando o aire que a bóla ten en superficie, non o aire que queda dentro.

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 2 DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 3

Os dous rodetes funcionan a distintas revolucións e iso posibilita o estirado. Por tanto, resulta clave que os rodetes estean perfectamente limpos.

3) Tensión do muelle de preestirado:

O muelle de preestirado é a peza corta e é moi importante revisalo, e cambialo en caso de ser necesario, para que manteña sempre a presión.

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 4

Cando funciona mal non aplica o plástico de forma uniforme, ou que o plástico quede solto…etc

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 5

4) Rodetes:

Os rodetes sempre teñen que estar limpos: O plástico leva unha cantidade de pegamento que co paso polos rodetes vaise depositando, e aí péganse sementes, areas…et polo que pode deteriorar o plástico. Non se deben limpar con produtos abrasivos como gasolina etc,, senón cun pano ou toalla e alcol. É fundamental limpalo antes e despois de finalizar a campaña, así como revisalo ao longo da mesma.

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 6

Os rodetes teñen que estar tamén perfectamente paralelos, pois do contrario pode suceder que rompa mal o plástico. Cando ese paralelismo non é correcto nunha zona queda aberto pero noutra demasiado axustado e fai mordeduras no plástico, co que pode romper facilmente.

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 7

5) Unidade de corte:

A unidade de corte tamén é moi importante: o corte do plástico ha de ser preciso e quedar dispoñible para a seguinte aplicación

Cando non sucede así pasa isto:

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 9

 

É dicir, o plástico non se cingue de todo e pode haber entrada de aire e de auga na bóla.

6) Preestirado do plástico:

O plástico durante o encintado debe ser preestirado ao 70%. Podemos comprobalo pintando 10 cm na bobina e unha vez aplicado na bóla debe medir 17 cm.

O número de capas debe ser como mínimo de 6 capas. “Moitas veces vemos bólas con 4 capas e mesmo menos. A diferenza é unha perda media de 0,2 ou 0.5% a unha perda media do 7% da forraxe. Esa perda media é 3 veces máis que o custo do plástico. Compensa aplicar máis capas de plástico pois, á parte de que a protexe mellor, dá maior consistencia á bóla”, destaca Javier Caneda.

Cando estamos encintando outro punto crítico é que o plástico ha de estar aplicado xusto no centro da bóla para que se produza correctamente o solape.

7) Ancho do plástico:

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 10

Outro punto crítico é o ancho do plástico: Non viría mal que o comprobásemos regularmente cunha cinta métrica. A distancia ideal na bobina de 750 mm de ancho debe ser dun óptimo de 60 cm. Se mide máis de 62 o plástico non leva o preestiramento óptimo e para cubrir a mesma bóla utilizamos máis plástico. Con menos de 58 facemos sobreestirado e podería perder as súas propiedades.

8) Solape do plástico:

O solape ha de ser óptimo ao 50% unha capa sobre outra:

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 11

“Do contrario quedan pequenas lengüetas onde queda menos cantidade de plástico e aí queda moito máis débil para calquera inclemencia. Por iso é clave que o solape sexa do 50%”, subliña o responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro.

“Cando coincide mal solape con esa forte tensión do plástico este queda debilitado e imos ter máis roturas, con cortes que parecen feitos cunha coitela. Nestes casos adoitan coincidir estes condicionantes : solape mal feito e sobreestiramento e se as manexamos en pleno proceso de fermentación, rotura asegurada”, engade.

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 12 DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA 13

Recomendacións para a almacenaxe das roto-pacas

É importante que estean almacenadas en vertical pois nas cabezas é onde teñen máis capas de plástico. Nesta zona é onde fan máis presiones paxaros e é máis difícil que se estrague. Tamén é importante protexer as bólas con mallas ou redes para evitar danos dos paxaros.

Recoméndase tamén colocar as bólas nas esquinas das leiras, pero evitando que queden debaixo das árbores, pois son lugares onde caen continuamente esporas de fungos e se hai un buraco na bóla contamínana facilmente.

DELAGRO PACAS PLASTICO CANEDA almacenamento

O apilamento ten que ser vertical e dependendo da cantidade de materia seca da forraxe, pode chegar a 3 filas como máximo. No caso de que a forraxe estea máis húmida desaconséllase o apilamento debido ao risco de derrube ou deformación das pacas, co consecuente risco de entrada de aire.

Por último, aconséllase manter as bólas algo separadas entre elas, pois coa diferenza de temperaturas entre día e noite o plástico dilátase e coa fricción pode chegar a romper.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información