Claves para formar e motivar ás persoas contratadas nas ganderías de vacún de leite

O fomento de accións formativas e a motivación dos empregados representan dous temas importantes para mellorar, en liñas xerais, a produción de leite dunha granxa. Para facelo, dous expertos deron información no ‘2022 National Mastitis Council Annual Meeting’

Claves para formar e motivar ás persoas contratadas nas ganderías de vacún de leite

A motivación dos empregados e a capacitación son dúas ferramentas fundamentais no manexo do vacún de leite. Foto en Gandería Milhombres SC, situada no municipio asturiano de Navia,

As actividades educativas para unha capacitación do persoal representan un punto clave para optimizar o traballo das persoas empregadas nunha gandería de vacún de leite, así como unha maneira de fomentar a súa motivación. Polo tanto, que aspectos debería ter en conta unha gandería? A consultora, Carolina Pinzón, e o experto en desenvolvemento, Jorge Delgado, abordaron estas cuestións na ‘2022 National Mastitis Council Annual Meeting’  de Estados Unidos celebrado a pasada semana e que se puido seguir online. 

Capacitación do persoal: en que consiste, beneficios e técnicas

A capacitación pode ser unha ferramenta para procurar unha maior eficiencia da man de obra nunha granxa de vacas de leite. A optimización do persoal a través dunha integración laboral didáctica foi unha das temáticas abordadas na reunión anual sobre a mastite. Carolina Pinzón, consultora en Forte Dairy Consulting, expón que, coa capacitación dos empregados “podemos ter mellor calidade do leite porque vai haber vacas máis sas, froito dunha maior eficiencia, e unha maior consistencia nos procesos, no sentido de que todo o mundo o faga igual”.

Que beneficios ten a capacitación para as persoas traballadoras? Entender as súas responsabilidades e o impacto do seu traballo, sentirse que teñen un compromiso e unha motivación no seu ámbito laboral, ou mesmo desenvolver a capacidade de expoñer e solucionar problemas son algunhas das cuestións positivas que Pinzón destaca. “Unha vez se estableza unha capacitación continua vanse formar equipos fortes que queiran traballar de forma correcta e segura”, comenta a consultora.

“A capacitación para a mellora continua do persoal constitúe unha estratexia para o éxito das fincas leiteiras” (Carolina Pinzón)

Os estilos de aprendizaxe para achegar de xeito efectivo coñecementos teórico-prácticos ao persoal son diversos: visual, auditivo, físico, social, verbal, persoal, lóxico ou mixto. O ideal segundo comenta Carolina Pinzón é este último para “abordar de todas as maneiras posibles as formas coas que lle gusta aprender á xente”. A finalidade desta mostra de estilos é instruír dun xeito que fomente a aprendizaxe en adultos.

A forma de capacitar á xente que traballa en granxas de vacún de leite é amosar un contido relevante, práctico, organizado e de aplicación inmediata. Cómpre ter en conta que “se traballa con persoas adultas que teñen coñecementos e experiencias”, matiza Carolina Pinzón. Por isto, aconsella trasladar información útil, ben explicada, e incluso baseada en situacións reais, “como por exemplo, como atender determinados partos ou dar claves para rutinas de muxido”, referencia Pinzón.

“Necesitas ensinarlle ao persoal algo que lles sirva, pero algo que lles sirva para xa” (Carolina Pinzón)

As recomendacións prácticas que a consultora de Forte Dairy Consulting menciona coma un respaldo a unha chegada eficiente dos contidos está en torno ao uso dunha linguaxe sinxela e sen asuncións; isto é, “se utilizamos o termo ‘despuntar’ para explicar cuestións do muxido, non se pode dar por suposto que todas as persoas coñezan esa palabra para referirse aos primeiros chorros de leite que se extraen, hai que sinalalo para evitar confusións”, especifica Carolina Pinzón.

Outras cuestións, como un contacto visual directo, unha linguaxe corporal positiva para facer que a persoa que se capacita estea cómoda, ou mesmo procurar a súa participación son recomendacións que a consultora destaca. Carolina Pinzón fai fincapé na necesidade de “aplicar técnicas participativas mediante intercambio de experiencias, plantexamento e solución de problemas, e análises a partir de casos propostos polos traballadores”.

Fonte: Carolina Pinzón

Conxunto de actividades utilizadas como exemplo na presentación de Carolina Pinzón

As estratexias de capacitación en ganderías leiteiras deben ser didácticas. Segundo a consultora de Forte Dairy Consulting, “as granxas onde se faga un cultivo propio cómpre que as persoas traballadoras nela vexan os resultados, vexan como é unha bacteria; á hora de falarlles da vida de granxa hai que facerlles un tour completo ensinando o que hai máis alá da sala de muxido para amosar a importancia das diferentes partes”.

Fomento da motivación

Segundo Jorge Delgado, experto en desenvolvemento de talentos en Alltech, “a motivación ten unha falta de definición nos negocios”. Para achegar o “desexo ou comportamento concreto, cómpre establecer acercamentos emocionais e racionais coas persoas empregadas nas granxas”, explica Delgado. Coa aplicación desta fórmula pódese acadar unha serie de vantaxes en termos de redución de custos de contratación e de mellora da produtividade.

“As ganderías deben ter a consideración das persoas traballadoras como esenciais”, comenta Delgado. Con esta premisa, o experto en desenvolvemento establece a necesidade dun manexo proactivo dos empregados. Nalgúns casos, non teñen un acceso a unha educación sobre o sector ou existe unha falta de conexión coa gandería de vacún de leite, polo que “é importante poñer a súa disposición recursos que melloren a súa comodidade no ámbito”, aconsella Jorge Delgado.

Fonte: Jorge Delgado

Exemplo amosado por Jorge Delgado para representar malas ferramentas de traballo nunha gandería

O experto de All Tech propón a estrutura 3-4-5 para conseguir resultados positivos: 3 piares e 4 impulsores da motivación dos empregados, e 5 formas de restablecer o entorno de traballo. “Medir o seu propio progreso e a súa contribución con independencia de xerencia, como, por exemplo, ter conta do número de litros de leite entregados, debe ser un dos piares”, amplía Delgado. Amosarlle a unha persoa a importancia da súa contribución para a empresa, baixo un ‘non anonimato’ que achegue comprensión e aprecio ao persoal dunha gandería son os outros dous piares que Delgado identifica como claves.

Os impulsores da motivación deben estar presentes no ámbito laboral para fomentar un confort. Segundo detalla Jorge Delgado, “o impulso a adquirir un estatus social dentro da granxa -a formación foi impartida para ganderías de Estados Unidos, onde chegan a empregar a ducias de persoas nunha granxa de vacún de leite-, a formar conexións cos compañeiros, a satisfacer curiosidades e a promover a xustiza conforman os catro puntos nos que a empresa debe enfocarse a potencialos simultáneamente”.

‘Reset’ é a palabra seleccionada por Delgado para explicar as 5 formas de restablecer o entorno de traballo. Describir as normas e regulamentos internos, crear un entorno de aprendizaxe adecuado, determinar uns patróns culturais internos comúns dentro da gandería, introducir uns incentivos económicos uniformes baixo unha explicación, e aportarlle ao traballador boas ferramentas de traballo, definen o modo de abordar esta última parte da estructura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información