Cita o sábado 20 na Feira do Viño de Negueira

Os produtores da conca do río Navia celebran a catorce edición dunha mostra que se consolida no calendario galego á par que os seus viños gañan protagonismo tralo impulso que supuxo a consecución do recoñecemento como Indicación Xeográfica Protexida

Publicidade
Unha edición anterior da Festa do Viño de Negueira de Muñiz

Unha edición anterior da Festa do Viño de Negueira de Muñiz

Negueira de Muñiz acolle o vindeiro sábado 20 de abril a edición número 14 da súa Feira do Viño, que reúne a produtores de toda a conca do río Navia, amparada desde fai un ano pola Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia.

A consecución deste recoñecimento supuxo o impulso definitivo para esta zona tradicional de produción de viño que chegara a correr risco de desaparecer froito do abandono dos viñedos, pero que está a coller un novo pulo nos últimos anos.

O renacer da viticultura nesta área que abarca os concellos de Negueira, Navia e A Fonsagrada, está vinculado ao mantemento de variedades autóctonas propias, como a branca lexítima. A ubicación, no extremo leste de Galicia, e as condicións microclimáticas en ladeira, confiren unhas características únicas aos viños desta zona.  

O viño estase a converter nos últimos anos no motor económico de Negueira e no seu principal recurso turístico

Nos últimos anos están a xurdir novos proxectos que impulsan a economía do lugar, co viño como protagonista, e que están a servir para fixar poboación e reverter un proceso de emigración e abandono sufrido durante moitas décadas.

A raíz da construción do embalse de Grandas de Salime para produción hidroeléctrica, que anegou zonas de viñedo e obrigou aos veciños a marchar do lugar, a tradición da produción de viño fórase perdendo até que hai 20 anos Manuel Cancio primeiro (Adega Panchín) e despois Paco Sanromán (Adega Sidrón) apostaron por recuperar e profesionalizar a produción de viño.

Medio cento de produtores de viño na zona amparada pola IXP

Negueira de Muñiz río NaviaA Asociación Pola Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedo da Conca do Río Navia conta neste momento con 29 socios dos concellos de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada, aínda que hai máis xente que fai viño na casa, tanto para autoconsumo como para venda a granel.

En toda a zona amparada pola IXP hai uns 50 produtores pero só tres adegas comercializan viño embotellado coa etiqueta do selo de calidade

Na actualidade só tres adegas venden viño embotellado amparado polo selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida: Panchín e Sidrón, situadas no municipio de Negueira, e Adega da Señora, ubicada en Coea (Navia de Suarna).

O viño, motor económico e turístico

As dúas primeiras organizan ademais visitas aos seus viñedos e Sidrón conta tamén con restaurante, polo que o viño estase a converter tamén no principal atractivo turístico da zona e no seu motor económico.

O concello de Negueira, o que menos habitantes ten de toda Galicia (non chega aos 200), recibe no día da Feira a centos de visitantes, o que supón unha importante inxección económica para os establecementos de hostalaría locais e contribúe á dinamización da zona.  

Programa do 2024

A edición número XIV da Feira do Viño de Negueira, organizada pola Asociación de viticultores en colaboración co Concello, conta cun programa que inclúe mercado, degustación de balde do viño da zona e animación musical.

O venres 19, día previo á Feira, terá lugar ás 7 da tarde no salón da Casa dos Cazadores de Negueira unha cata que estará dirixida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU). Participarán, ademáis das 3 adegas da IXP Terras do Navia que embotellan (Panchín, Sidrón e Adega da Señora), unha adega pertencente á Denominación de Orixe de Cangas de Narcea (La Verdea) e outra de Ibias, na vertente asturiana do río Navia (Viña Cuedo), así como Adega Entre os Ríos, da IXP Viños do Barbanza e Iria.

Todas elas comparten a variedade branca lexítima, propia tamén da IXP Terras do Navia, pero a cata non se limitará tan só a esta caste autóctona, senón que as adegas locais presentarán tamén viños elaborados con variedades tintas e con verdello branco.

A cata do venres conta con aforo limitado e as prazas para participar, para o que é necesaria inscrición previa, están xa esgotadas

Esta cata servirá, coma todos os anos, para comprobar a calidade dos viños da zona, pero debido á falta de aforo, é necesaria inscrición pervia a neste momento as prazas están xa todas cubertas.

Ao día seguinte, o sábado 20 arrincará a Feira do Viño ás 12 do mediodía coa apertura do mercado de produtos da zona. Á unha terá lugar o pregón a cargo de Fran, o ex-xogador do Deportivo da Coruña e a continuación será a degustación gratuita de viño a cargo das adegas da zona.

O grupo de música tradicional Nubeiro, o Dúo Samba e a Orquestra Compostela serán os encargados de amenizar a xornada, na que tamén haberá xogos infantís pensados para os máis pequenos.

cartel Feira viño Negueira 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información