Adega Panchín: o viño producido máis ao norte de Galicia

Manuel Cancio está a recuperar a tradición vitícola en Negueira de Muñiz, no val do río Navia, e a apenas 30 quilómetros do mar Cantábrico. Aposta por variedades propias da zona como o Verdello Tinto e o Branco Lexítimo para elaborar uns viños con producións moi limitadas

Publicidade
Adega Panchín: o viño producido máis ao norte de Galicia

Manuel Cancio no seu viñedo. Foto: FotoManuel (A Fonsagrada)

Manuel Cancio recuperou a comezos do 2000 a tradición vitícola en Negueira de Muñiz, no val do río Navia, un concello cun microclima especial que no catastro de Ensenada, no século XVIII, contaba con máis de 90 hectáreas de viñedo.

O despoboamento e a construción do encoro de Negueira de Muñiz estiveron a piques de extinguir o cultivo na vide nesta zona. Sen embargo, o empeño de Manuel Cancio de recuperar os viñedos e as castes propias da zona está a dar os seus froitos: xunto á súa, Adega Panchín, ven de poñerse en marcha outra no concello, Adega Sidrón.

¿Como decidiches adicarte á viticultura nunha zona tan ao norte de Galicia e tan descoñecida como o val do Navia?
Na miña casa familiar sempre houbo viñedos de toda a vida e estaban quedando abandonados, un proceso que se acelerou dende a construción do encoro de Negueira de Muñiz. Tratábase dun cultivo para autoconsumo e vendíanse os excedentes na comarca.

Hai uns vinte anos técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia viñeron ata o pobo a buscar variedades autóctonas de videiras, e aquí as que cultivabamos eran a Mencía, a Verdello Tinta ou Merenzao e a Branca do País.

Cara o ano 2000 fixemos un ensaio con estas variedades tradicionais que se cultivaban de vello na zona para ver se valían para vinificar e o resultado foi bastante positivo. Tamén probamos con variedades comerciais como o Albariño pero non deron bo resultado.

 “Elaboro viño coas variedades da zona, o Merenzao e o Branco Lexítimo, e coa Mencía”

E dende o ano 2001 estou elaborando viño tinto con Mencía, tamén con Verdello Tinto ou Merenzao e co Branco Lexítimo.

O cultivo fágoo en socalcos e en ladeiras bastante pendentes, coa mellor orientación buscando que sexan mecanizables. En total, os meus viñedos ocupan unhas superficie dunhas 2 hectáreas. O sistema de condución que utilizo é a espaldeira, porque facilita moito o traballo, aínda que o sistema tradicional nesta zona era o de vaso.

Estades no norte de Galicia, a escasos quilómetros do mar Cantábrico ¿Poderíase pensar que nesa zona aféctanlle moito máis ao viñedo as enfermidades fúnxicas como o mildeu o ou a botrite?
Pois non especialmente. Estamos nunha zona cun microclima con menos pluviometría, o que fai que non teñamos gran incidencia de enfermidades fúnxicas. De feito, en anos húmidos nos que en Rías Baixas hai que dar máis de dez mans de sulfato, aquí con 4 tratamentos é suficiente para protexer a colleita.

¿Que figura de protección tedes para os viñedos da vosa zona?
Non temos ningunha, nin sequera a de Viños da Terra. Hai dous anos intentamos que nos incluísen como unha subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra pero a día de hoxe aínda non nos contestaron.

Fixemos tamén unha asociación para solicitar a nosa inclusión na Denominación de Orixe de Viños de Cangas de Narcea, que nos é a máis próxima, pero ao tratarse dunha Comunidade Autónoma diferente non nos aceptaron pola dificultade administrativa.

“Non temos ningunha figura de protección e só podemos elaborar viños de mesa”

Ao final, non podemos elaborar máis que viño de mesa, xa que non temos nin IXP, nin DO nin Viños da Terra.

¿Como son os viños de Negueira de Muñiz?
Neste momento estamos logrando viños, grazas á redución da produción por cepa, de ata 13,4 graos, o cal era impensable hai uns anos. Son uns viños atlánticos cuns graos de acidez moi bos, de ata 3,6 no branco.

En canto ás variedades, a Branca Lexímitima é sorprendente: ofrece un mundo de aromas diferentes.

A produción é moi limitada. Neste momento estou elaborando unhas 2.500 botellas de Branca Lexítima, outras 2.000 de Mencía e unhas 600 botellas de Merenzao ou Verdello Tinto, das cales 300 son con crianza en barrica de carballo e a outra metade sen crianza.

 “Os viños de aquí son atlánticos pero cuns graos de acidez moi bos, de ata 3,6”

¿Como está sendo a aceptación no mercado?
Estou sorprendido coa boa aceptación do viño. Empezo a embotellar en marzo para vender nos restaurantes durante a Feira do Botelo da Fonsagrada e xa en maio ou xuño están esgotadas as botellas.

Vendo coas marcas Panchín Branco, Panchín Tinto e Nesta Ourela, para as 600 botellas que elaboro co Verdello Tinto, e con este nome tento homenaxear a toda a xente que tivo que emigrar pola construción do encoro.

O nome de Panchín ven polo nome dun visavó meu, Pancho, que emigrou a México e lle deu nome á casa familiar.

¿Que potencial lle ves á viticultura no val do Navia?
Hai gran potencial, o problema é que a media de idade dos viticultores que manteñen as viñas é elevada e non se ve relevo xeracional.

Mostra da tradición vitícola desta zona é que no Catastro de Ensenada, no século XVIII, estaban rexistradas 90 hectáreas de viñedo soamente na zona de Negueira, na ribeira do Navia. Hoxe no catastro vitícola quedan pouco máis de 13 hectáreas. Sen embargo, a partir de que empecei eu a xente animouse a manter e mesmo a recuperar os viñedos.

Autor: Vide Vide!

Autor: Vide Vide!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información