“De pequeno xa che inculcan que hai que marchar, nós queremos demostrar que se pode vivir de producir viño e mel nesta zona”

A loita por recuperar e dignificar a produción de viño na ribeira do río Navia comeza a dar os seus froitos. Ao tempo que avanza o recoñecemento dunha IXP propia, novos produtores vanse animando a retomar a tradición nas súas aldeas. É o caso de Héctor Álvarez e o seu irmán José. Están a recuperar cepas centenarias e a plantar outras novas en Coea, onde tamén comezaron a producir mel

Publicidade
Héctor e José xunto a José María, o seu pai, nunha das viñas que teñen en Coea, en Navia de Suarna

Héctor e José, xunto ao seu pai, José María, nunha das viñas que teñen en Coea, en Navia de Suarna

Héctor Álvarez define o seu mel como “o legado máis doce” dos seus antepasados. Esa é a súa filosofía de traballo, centrada en recuperar dúas tradicións que se foron perdendo co paso dos anos nesta zona norte dos Ancares: a produción de mel e a produción de viño. Está a facelo no microclima particular que configura o cauce do río Navia en todo o seu percorrido, un territorio cheo de contrastes que impregnan estes dous produtos e que os fai únicos.

Ribeira do Navia é a marca do mel que producen as súas colmeas pero el e o seu irmán José queren tamén profesionalizar a produción de viño que se mantivo a nivel particular no seu fogar familiar, a Casa da Señora. “O noso pai sempre fixo viño, tanto para a casa como para vender a granel a particulares, sobre todo a veciños dos pobos da zona”, conta José. 

O noso pai sempre fixo viño para a casa e para comercializar a granel a particulares

Foi el quen primeiro se animou co viño e sumou á causa ao seu irmán Héctor. A intención destes dous mozos é facer renacer de novo unha tradición que estivo a piques de desaparecer na súa aldea, Coea, pertencente á parroquia de Castañedo. “Esta zona era toda zona de viño, había cereal pola parte de arriba e viño máis abaixo, non había outra cousa, pero coa chegada da filosera foise abandonando”, conta José, decidido a recuperar a tradición vitivinícola do lugar. 

Dúas hectáreas de viñedo

RIBEIRA DO NAVIA plantación vides“Comezamos hai dous anos e imos despacio porque supón traballo e investimento”, explican. Non partiron de cero, porque o seu pai, José María, xa tiña unha plantación importante, aínda que non sempre das variedades máis idóneas. “Hai castes que imos cambiar, como o tinto alicante, que se introduciu na zona a raíz da filosera pero que non madura nin che dá grados. Hai variedades autóctonas moito mellores, como a mencía ou o merenzao”, considera José.

Pensando en facer esta transición entre castes, que non é máis que volver atrás nas variedades introducidas en décadas pasadas, José e Héctor queren recuperar cepas antigas. “Empezamos collendo unha viña vella a un veciño que non a atendía. É unha finca con cepas centenarias pero que estaban totalmente abandonadas. De feito, plantáranlle eucaliptos pero sen arrincar as viñas, que foi o que as salvou”, destacan.

Empezamos hai dous anos collendo unha viña vella a un veciño. É unha finca con cepas centenarias na que plantaran eucaliptos pero sen arrincar as viñas. Foi o que nos salvou

Tras eliminar os eucaliptos podaron e recuperaron as cepas e decidiron plantar máis. Hoxe teñen xa varias parcelas plantadas con castes propias da zona, que suman máis de dúas hectáreas de viñedo. A súa aposta vai enfocada sobre todo ao branco, que xa é o que máis produce a súa familia. “Aínda que depende do ano, dos 3.000 litros de viño que se producen, uns 1.800 son de branco e o resto de tinto”, explican. 

O custo de recuperar viñedos é importante, porque máis aló de podar vides antigas ou plantar novas cepas hai que empezar por rozar e por colocar peches e postes nas fincas. Cando as novas plantacións que están a incorporar comecen a producir virá a seguinte fase do seu proxecto, a de elaborar o viño e comercializalo embotellado cunha marca propia.

Recuperar unha tradición arraigada que estivo a piques de perderse

Foto dos anos 30, coas ladeiras de Coea ateigadas de viñedos onde se chegaban a recoller 90.000 quilos de uva / Arquivo Ebeling

Foto da década de 1930, coas ladeiras de Coea ateigadas de viñedos / Arquivo Ebeling

Coea é o núcleo de poboación situado máis ao norte do Concello de Navia, facendo fronteira co río Suarna e A Fonsagrada polo norte e co río Navia e con Ibias polo leste. Pola depresión que fai o río, as ladeiras da aldea de Coea, a só 350 metros de altitude sobre o nivel do mar, son un lugar propicio para a maduración da uva.

Tanto é así que as primeiras noticias sobre a produción de viño na zona datan dos aforamentos do conde de Altamira nos primeiros anos do século XVI e da tradición posterior dos viños da parroquia dá fé unha botella que aínda se conserva, etiquetada en Coea no 1926 por José López, da Casa Témez, ou as fotos da década de 1930 tomadas por Walter Ebeling, o etnógrafo alemán que durante 5 anos percorreu e documentou a vida desta zona da montaña.

A cultura do viño nesta zona oriental de Galicia mantén elementos propios, coma o de beber polo ‘cacho’

A tradición do viño nesta zona oriental de Galicia, ao igual que nas veciñas ladeiras do outro lado do río, hoxe asturianas, serviu tamén para manter toda unha cultura propia, como a de beber o viño polo cacho, un recipiente de madeira con forma de cunca grande que se usaba para trafegar o viño e que vai pasando de man en man á hora tamén de probalo.

Un viño natural que “con oito días xa é vello”

Unha das cepas centenarias recuperada por Héctor e o seu irmán José

Unha das cepas centenarias recuperada por Héctor e José

Antigamente as 25 casas de Coea tiñan a súa adega e facían o seu propio viño, unha tradición que se foi perdendo a medida que avanzaba a emigración, o avellentamento e o abandono do rural. As viñas, que outrora ateigaban as ladeiras costentas da parroquia que dan ao río foron, en moitos casos, engulidas polo monte e a maleza. Consérvanse a día de hoxe sobre todo nos galleiros, tiras de cepas vellas plantadas nos lindeiros das fincas.

A branca lexítima é unha caste autóctona de sabor suave, moi aromática e con 12 graos de acidez

Coas súas uvas segue a facerse nalgunhas casas da parroquia un viño novo que se consome logo de 2 meses de fermentación. Un caldo natural e afroitado que “con oito días xa é vello”, como recorda un dito propio da zona. Estes viños do ano, brancos e tintos, están baseados en castes propias, como a branca lexítima ou o tinto serodio, ás que se foron engadindo outras variedades introducidas na zona como godello, albariño, treixadura, torrontés, loureira, mencía, merenzao, brancellao ou caíño.

Un motor económico para toda a zona

Cando en 1995 Manuel Cancio decidiu crear en Negueira de Muñiz a adega Panchín puxo a primeira pedra para a dignificación e recuperación da tradición vitivinícola na zona. Foi a primeira que comezou a embotellar e comercializar viño producido na conca do río Navia. A súa chama prendeu tempo despois en Paco Sanromán e na súa irmá Rosa, da adega Sidrón, tamén de Negueira.

Son aínda a día de hoxe as dúas únicas adegas que se adican de xeito profesional á produción de viño, pero o seu exemplo serviu para animar a outros veciños río arriba, de lugares onde tamén había tradición de viño, como é o caso de Coea.

Vendima en Coea nos anos 30 do século pasado / Arquivo Ebeling

Veciñas e veciños de Coea vendimando nos anos 30, cando se recollían 90.000 quilos de uva / Arquivo Ebeling

Fermín, Manuel ou José María son dos que hai uns anos, animados polo exemplo de Cancio en Negueira, comezaron a interesarse por recuperar castes propias como a branca lexítima, orixinaria desta zona da ribeira do Navia pero que xa se dá hoxe tamén noutras áreas vitivinícolas de Galicia. A decisión de Héctor e José de continuar supón garantir unha remuda xeracional necesaria pero nada abundante en moitas zonas da montaña.

A aprobación da IXP sería un recoñecemento oficial importante que axudaría á profesionalización do sector do viño nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia

Héctor, coma moitos mozos da súa idade, marchou buscarse a vida e acabou montando unha carpintaría de madeira na Fonsagrada. Pero a súa idea di, “é poder volver a Coea e chegar a vivir daquilo”. “De pequeno xa che inculcan que hai que marchar porque da terra non se pode vivir e eu quero darlle a volta e demostrar que non é certo, que si que se pode”, defende.

A aprobación dunha Indicación Xeográfica Protexida para o viño desta zona (IXP Terras do Navia), que se atopa actualmente en tramitación logo de que o pasado 22 de decembro se publicase no DOG o seu prego de condicións técnicas, suporía un recoñecemento oficial importante que sen dúbida podería axudar á profesionalización do sector do viño nos concellos de Negueira, A Fonsagrada e Navia, os tres amparados polo selo de calidade europeo.

Ribeira do Navia, produción de mel desde hai 6 anos

Héctor comezou producindo mel fai seis anos e desde hai dous está a recuperar tamén viñedos en Coea

Héctor comezou dividindo algunhas das colmeas que tiña o seu tío e foi aumentando coa demanda

As distintas parroquias da conca do río Navia asociadas tradicionalmente á viticultura comparten entre si unha climatoloxía diferenciada da zona de montaña na que se atopan. E é que o río Navia forma aquí un canón protexido cun microclima propio, propicio para a maduración da uva, pero tamén para outras producións, como a froita ou o mel.

Xunto ao viño, o mel era outro dos produtos habituais en Coea que Héctor quere potenciar. Aínda que el está máis centrado na produción de mel e o seu irmán José na recuperación dos viñedos, toda a familia colabora nas distintas tarefas anuais, como sempre se fixo tamén tradicionalmente nas aldeas galegas. “Cando é de esmelgar xuntámonos toda a familia, tanto os da casa coma os meus tíos”, conta. 

O río Navia forma aquí un canón protexido cun microclima propio, propicio para a maduración da uva ou a produción de mel

Ao igual que no caso dos viñedos, a Héctor o das abellas tamén lle vén por tradición familiar. “Na apicultura comecei hai seis anos. Meus tíos tiñan abellas e fun pouco a pouco dividindo e medrando”, conta. Hoxe ten xa un cento de colmeas repartidas en varios colmeares situados nesta zona fonteiriza entre A Fonsagrada, Navia e Asturias.

Clima de contrastes con floracións curtas

RIBEIRA DO NAVIA colmeas1As floracións nesta zona norte dos Ancares están sometidas a cambios estacionais bruscos de temperatura, o que concentra a produción de mel en moi poucas semanas. “Aquí non dá tempo a diferenciar as floracións, por iso todo o noso mel é multifloral, pero castiñeiro e uz é o que máis ten”, explica.

“Aquí pasamos de -5ºC no inverno a 40ºC no verán, son contrastes térmicos moi importantes que fan que haxa moita diferenciación entre as distintas estacións”, explica Héctor. Cando a comezos de outubro as abellas se achegaban ás vides era unha sinal inequívoca de que as uvas estaban xa maduras para comezar a vendimar.

Aquí non dá tempo a diferenciar as floracións, por iso todo o noso mel é multifloral, pero castiñeiro e uz é o que máis ten

Ese contraste térmico que se dá na zona permite tamén manter a raia algunhas pragas. “A min nesta zona a velutina aféctame pouco de momento, tan só notei un ano unha presenza algo relevante, pero agora levo 3 ou 4 sen ver niños, supoño que será polos invernos fríos que temos”, razoa.

A varroa é, pois, o principal problema ao que se enfrontan as abellas de Héctor desde o punto de vista sanitario. “De locke nos seis anos que levo non tiven ningún caso. Procuro facer ben os tratamentos contra a varroa e se controlas a varroa non tes problemas de locke americano”, di. 

Colmeas en plena natureza e libres de contaminación

RIBEIRA DO NAVIA colmeas2

As características orográficas de Coea e dos montes que a rodean permítelle a Héctor ter colmeas a só 200 metros de altitude, a carón do río, e tamén a 800 metros sobre o nivel do mar. “É un xeito de asegurar a produción, porque ás veces nalgunha das ubicacións quedas sen floración e sempre tes máis posibilidades que no outro lado haxa”, indica. Son, iso si, todos os emprazamentos lugares en plena natureza libres de calquera tipo de contaminación. 

Héctor conta con ubicacións estratéxicas situadas tanto a 200 como a 800 metros de altitude

Ao igual que co viño, en Ribeira do Navia elaboran o seu mel seguindo a tradición que os seus antepasados comezaron e perfeccionaron. Continúan cos mesmos coidados e ubicacións estratéxicas das colmeas nas ladeiras do canón natural que forma o río Navia nesta zona do seu curso alto, o que lle confire ao mel unhas características diferenciais.

RIBEIRA DO NAVIA mel1As súas abellas traballan unha ampla variedade de néctares e pole, conseguindo así un mel concentrado e de extraordinarias propiedades alimenticias e mediciñais. “É un mel de bosque moi doce e moi escuro, o que o proba repite”, asegura Héctor, que destaca que “cada vez ten máis demanda e por iso tamén estamos aumentando”.

As colmeas de madeira ás que traslada os núcleos que fai cada primavera fainas el mesmo aproveitando a súa profesión como carpinteiro, un exemplo máis de aproveitamento de recursos, a verdadeira clave das producións que sempre se deron nesta zona da montaña.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información